DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes asinouse un convenio marco de colaboración entre as dúas entidades

Universidade e Viaqua alíanse para impulsar a I+D+i no eido da xestión e tratamento de augas

A iniciativa enmárcase no proxecto de especialización do campus de Ourense

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Reitor
  • Universidade e empresa
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 23/04/2019

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Julio Masid, director xeral de Viaqua, asinaron este martes no campus de Ourense un convenio marco de colaboración entre as dúas institucións que representan para a posta en marcha dun conxunto de iniciativas encamiñadas á promoción e ao impulso da xestión e tratamento de augas no ámbito docente e investigador. A iniciativa enmárcase no proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga.

Trala sinatura do convenio, Manuel Reigosa, salientou como, tendo o seu equipo “como obxectivo importante a colaboración público-privada”, desde a institución académica búscase con iniciativas coma esta “mesturarnos con socios que nos poidan facer achegas para conseguir os máximos niveis de calidade no noso traballo”. O reitor indicou como “o convenio que vimos de asinar pode axudar a que, por vías diferentes de colaboración, deamos un impulso maior ao Campus da Auga”, destacando deste proxecto de especialización como “é sinal de identidade para nós” e futuro “elemento tractor da I+D+i para o campus de Ourense”.

Pola súa banda, Julio Masid recalcou tamén como “a colaboración público-privada só pode mellorar o quefacer das empresas e das universidades e aí intentaremos estar nós na medida do posible porque é bo para todos e para a sociedade en xeral”. O director xeral de Viaqua subliñou a súa satisfacción xa que "desde o primeiro momento en que se puxo en marcha o Campus da Auga aquí en Ourense sempre tivemos a intención de potenciar este proxecto”, apuntando como a sinatura deste convenio contribuirá a dar impulso a aspectos relacionados coa investigación e a innovación no ámbito da auga.  

Da investigación á divulgación

O convenio asinado este martes recolle que ao seu abeiro Viaqua promoverá a execución de proxectos e programas de investigación e desenvolvemento a realizar entre grupos de investigación do Campus da Auga e desta empresa. Tamén se compromete a prestar asesoramento, a requirimento do Campus da Auga, para definir contidos formativos, tecnoloxías, habilidades e competencias de interese para as e os profesionais do sector nas titulacións relacionadas, de cara á súa posible inclusión na oferta formativa de grao e mestrado, cursos e outras actividades formativas. Ademais, a empresa realizará ofertas de prácticas para o alumnado dos últimos cursos das titulacións que se impartan no campus de Ourense-Campus da Auga no ámbito da xestión e tratamento de augas.

Segundo recolle o acordo, que ten unha duración de dous anos, Viaqua participará en xornadas académicas e eventos do Campus da Auga, achegando de balde relatores nas charlas, seminarios, mesas redondas e outros eventos para expor temas relacionados coa xestión e tratamento de augas. A empresa tamén promocionará visitas técnicas guiadas a instalacións do ciclo integral da auga co fin de que o alumnado do campus teña un coñecemento directo dos procesos relativos a este ciclo. O acordo tamén recolle que “co fin de estimular o fomento da investigación, transferencia, innovación educativa e divulgación científica relacionada co motor estratéxico de especialización do Campus da Auga, Viaqua outorgará en 2019 e 2020 premios por un importe de 3600 euros anuais”.