DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alberto Gago e Harm Koster formalizaron o acordo para a realización de prácticas

A Universidade de Vigo abre a porta á colaboración coas institucións europeas asinando un convenio coa Axencia Comunitaria de Control da Pesca

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 08/05/2009

Estudantes das escolas e facultades da Universidade de Vigo poderán realizar prácticas preprofesionais na Axencia Comunitaria de Control da Pesca ao abeiro do convenio que hoxe asinaron o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago e o director executivo da Axencia, Harm Koster.
Facilitar a preparación para a o exercicio profesional do alumnado en áreas operativas de organismos públicos relacionados coa súa formación universitaria, é o obxectivo do convenio que persegue promover o futuro desenvolvemento profesional e o acceso ao mercado laboral dos futuros titulados da Universidade. “A presenza da Axencia Comunitaria de Control da Pesca en Vigo é unha oportunidade para os organismos locais entre os que se atopa a Universidade”, sinalou o reitor Alberto Gago que aínda que apuntou ao ámbito da enxeñaría como o primeiro en beneficiarse deste convenio tamén sinalou que “aspiramos no futuro a incluír máis perfís”.
Unha posibilidade na que tamén incidiu o director executivo da Axencia, Harm Koster, que sinalou que se trata dun acordo “xeral que permitirá definir o desenvolvemento da colaboración”.
Pola súa banda o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, destacou á espera de que se concreten, “ a importancia que para nós teñen esta prácticas preprofesionais”.

Intereses comúns

Tanto o reitor da Universidade de Vigo como o director executivo da Axencia Comunitaria de Control da Pesca destacaron a importancia desta colaboración entre ambas institucións que segundo Gago “teñen intereses comúns”. O reitor lembrou as boas relacións que a Axencia mantén con outras institucións europeas e a importancia da súa localizacion en Vigo “o que permite a súa colaboración con distintos organismos da cidade”.
Pola súa banda Harm Koster asegurou que “para a Axencia é importante colaborar coa Universidade” facilitando a preparación para o exercicio profesional do seu alumnado.

A Axencia Comunitaria de Control da Pesca

Organizar a coordinación operativa das actividades de inspección e control da pesca nos estados membros da UE e axudalos no relacionado coa aplicación das normas da política pesqueira común trala reforma desta, é a misión da Axencia Comunitaria de Control da Pesca.
Aínda que foi no ano 2002 cando como parte da reforma da Política Pesquera Común, adóptase o acordo de crear a Axencia, non comezou a funcionar ata 2007 en Bruxelas. O inicio da súa actividade na sede de Vigo comezou o pasado ano ao longo do que se desenvolveron máis de 3500 labores de inspección coordinadas entre os estados membros, destacando ademais como novidade que por primeira vez se realizou un traballo de control sobre as actividades en torno aos stocks regulados en augas de NAFO.