DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor amosou o seu apoio ao Plan de Financiamento do SUG “en aras do consenso”

A Universidade de Vigo acada o compromiso da Xunta para que o 30% do financiamento sexa en función de resultados en 2015

Mantendo as porcentaxes “históricas” no vindeiro ano, Vigo recibirá 102 millóns de euros

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 10/12/2010
A aposta da Universidade de Vigo por un financiamento por obxectivos e resultados farase realidade no 2015, cando o 30% do orzamento total das universidades galegas se vexa rexido por estes criterios. Así o recolle o Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia aprobado este venres no Consello Galego de Universidades, un documento que a Universidade de Vigo accedeu a apoiar “en aras do consenso”, como explica o reitor, Salustiano Mato, xa que para este ano 2011 o reparto continúa na senda dos últimos anos, no que os fondos estruturais e fixos representan o 90%, sendo o 5% por resultados e outro 5% por mellora da calidade.

Este reparto non responde ás demandas da Universidade a curto prazo, que aspira a un orzamento que premie a eficiencia e a excelencia e sexa acorde coa situación actual das universidades galegas “que non é a mesma que hai dez anos e isto debe verse reflectido no reparto”. En total, para o período 2011-2015, as universidades galegas contarán con arredor de 2100 millóns de euros, 390 millóns para este 2011, unha cifra similar á de este ano e da que Vigo recibirá un total de 102 millóns. Así, como punto de partida cara o cambio, neste vindeiro ano manteranse as porcentaxes “históricas” que supoñen un 43,3% para a Universidade de Santiago de Compostela, un 29,7% para Vigo e un 27% para A Coruña.

Agora, o documento, que foi contou con oito votos a favor e catro abstencións, será remitido ao Consello da Xunta para ser refrendado.

O futuro pasa pola excelencia

Para Mato, o grande avance acadado neste plan é o compromiso da Consellería de Educación para que no 2015 o financiamento por resultados acade o 30% de acordo a un panel que recolle 20 indicadores como o número de doutoramentos con mención de calidade, teses lidas en galego, patentes ou taxa de graduación do alumnado. Con esta porcentaxe amósase satisfeito o reitor vigués porque responde “ás nosas reivindicacións” pero advirte de que a institución velará por que se vaian cumprindo ano a ano os pasos que permitan acadar esa cifra en 2015.

“O escenario do futuro pasa por un financiamento por obxectivos que valore o esforzo e os resultados, este é o único camiño se queremos acadar a excelencia”, apunta o reitor que engade que “temos que ser eficientes e demostrar calidade contrastada como sistema público que somos”. Deste xeito, Mato ve o ano 2011 como o “ano cero”, no que se mantén un "reparto histórico", un punto de partida cara un futuro no que cada universidade teña o peso que lle corresponde a través “do mérito e do esforzo” axudando a fornecer “un sistema universitario galego único, forte e consolidado”.

Plan de I+D+i

No Consello Galego de Universidade deste venres tratouse tamén o Plan de I+D+i, sobre o que se emitiu un informe favorable, aínda que o reitor salienta que a súa dotación é menor do que sería preciso. “É un documento conceptual no que se fai fincapé no que, pero non no como”, explica Mato, que apunta que o Consello Asesor de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia xa aprobara nunha reunión previa as doce alegacións presentadas pola Universidade de Vigo. As demandas de Vigo aséntanse nunha forte aposta pola carreira investigadora nas súas tres facetas, tanto na formación como na incorporación e na consolidación e defenden a investigación básica, demandando a consolidación da intelixencia a través, por exemplo, dos agrupamentos estratéxicos Neste sentido, o reitor explica que no documento bota en falta “os instrumentos e metodoloxías que permitan facer realidade os obxectivos que se marcan” pero explica que se trata dun “documento vivo” no que haberá que seguir traballando.

O informe favorable emitido polo Consello Galego de Universidades será remitido á Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía para pasar posteriormente polo Consello da Xunta e polo Parlamento.