DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello de Goberno aprobou por maioría o orzamento que supera un 4,6% o do 2008

A Universidade de Vigo acada os 182 millóns de euros de volume de recursos para o exercicio 2009

Ante a situación de crise mundial, a vicerreitora de Economía demanda prudencia

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 18/12/2008

Cun incremento do 4,6% sobre os ingresos consignados en 2008, o orzamento da Universidade de Vigo para o exercicio 2009 supón un volume de recursos de 182.217.836 euros. “Continuamos nunha situación financeira estable e saneada”, asegurou a vicerreitora de Economía, María Montero, na súa exposición ante o Consello de Goberno ao que tamén advertiu que “as universidades non somos alleas ás consecuencias da crise económico-financeira internacional, froito do furo da burbulla inmobiliaria”.
En pleno proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior e definida a transferencia como terceira misión da universidade, o escenario orzamentario no que están elaboradas as previsións económicas da Universidade de Vigo proporciona, segundo Montero “unha reducida marxe de discrecionalidade que obriga a seleccionar con moito coidado as preferencias e os graos de intensidade elixidos para elas”.
Do volume de recursos de 182 millóns que o Consello de Goberno aprobou hoxe por maioría e con 3 votos en contra dos representantes de Nova Universidade, 121 millóns (o 67% do total) proceden da Xunta de Galicia; 18,6 de financiamento externo por competencia; 15,8 de prezos e taxas e 26,5 de outros ingresos.

Oito liñas preferentes de gasto

En canto ás liñas preferentes de gasto para o 2009, defínense oito. A primeira delas son os compromisos salariais de PAS e PDI, un capítulo que medra unha taxa de case un 9% situándose en 94,7 millóns de euros e no que os ámbitos prioritarios de xestión serán os académicos e de investigación, a descentralización na prestación de servizos e a organización de centros e bibliotecas. A segunda liña preferente de gasto é o Plan de adaptación ao EEES que inclúe partidas de 900.000 euros de apoio aos mestrados en funcionamento, 150.000 para a implantación de novos mestrados ou 100.000 para o programa TEMPOS de telemestrado de posgrao.Os compromisos aprobados no Plan de I+D, terceira das liñas preferentes, contempla diversas cantidades destinadas a programas de incorporación de investigadores, incentivos ao doutoramento e promoción dos investigadores.
Os plans propios de promoción para doutores acreditados e de formación para doutorandos, xunto co plan de desgravacións por actividades docentes e de investigación, son outras tres liñas preferentes de gasto no vindeiro ano ás que se lles engaden a dotación de infraestruturas e o Plan de renovación informática.
13,5 millóns de euros e a cantidade contemplada para infraestruturas e equipamento de investigación no que se inclúen 5,5 millóns de equipamento científico cofinanciado con Fondos Féder; 1,5 millóns do Módulo Biosanitario; 1 millón para a finalización do Módulo Tecnolóxico Industrial; 3 millóns para o inicio do planeamento dun Centro de Investigacións Biomédicas e 1,2 millóns do Centro de Investigacións Tecnolóxicas, CINTEC. Pola súa banda as infraestruturas docentes, administrativas e de servizos suman en total 11,6 millóns de euros, incluíndo 3 millóns de euros para a realización de actuacións de urbanización na zona das enxeñarías; 1,2 millóns para vestiarios, aulas e laboratorio da Facultade de CC da Educación de Pontevedra ou 1,9 millóns para o campo de fútbol-rugby e pista de atletismo de Ourense. Ademais consígnanse 0,7 e 0,9 millóns para as garderías dos campus de Pontevedra e Vigo, respectivamente.
A oitava liña de actuación é a referida ao Plan de renovación informática que conta cunha dotación orzamentaria de 2,4 millóns de euros e que permitirá achegar a Universidade de Vigo ao cidadán e á comunidade universitaria, mediante o acceso aos procedementos de xestión e de formación, coa utilización de medios telemáticos que converxen cara á universidade dixital.
A estas oito liñas estratéxicas engádense outras actuacións de interese como o Plan de Calidade docente con partidas de 464.000 euros pra centros, 370.000 para departamentos e 885.000 por produción científica. Así mesmo para o Plan Suma que engloba actividades como o estudo de eficiencia e sostibilidade enerxética nas edificacións, reciclaxe ou avaliación do transporte, contémplase una achega de 310.000 euros aos que se engaden 600.000 para Campus Terrae en Ourense e 100.000 euros para Campus Vedra en Pontevedra.

Rexeitamento de Nova Universidade

Á exposición realizada pola vicerreitora de Economía seguiulle unha quenda de intervencións na que tanto os membros do grupo de oposición, Nova Universidade, como representantes do persoal e dos estudantes solicitaron aclaracións e realizaron suxestións relativas a dotación de persoal que xestiona a descentralización do gasto, construción de aparcadoiros, persoal de reforzo en bibliotecas ou de seguridade.
Desde as filas de Novas Universidade o seu voceiro, José Luis Legido, solicitou responsabilidade á clase política ante o momento que está a vivir a universidade como consecuencia da crise. Sen embargo foi Francisco Javier Rodríguez Berrocal quen amosou abertamente o rexeitamento de Nova Universidade ao documento orzamentario presentado polo equipo de goberno asegurando que “non me gustan estes orzamentos por que afondan na súa política de falta de apoio aos departamentos e as infraestruturas non docentes”. Rodríguez Berrocal tamén lamentou que un ano máis non fose posible establecer un diálogo previo co equipo de goberno para intentar chegar a un acordo sobre os orzamentos que definiu como “a clave do que pasa na Universidade”.

Novos plans de grao e mestrados

Estudos de galego e español, Linguas estranxeiras, Tradución e interpretación, Ciencia e tecnoloxía dos Alimentos, Administración e dirección de empresas, Ciencias da actividade física e do deporte, Economía, Educación primaria, Educación social, Traballo social, Turismo, Educación infantil e Enfermaría. Estes son os novos plans de estudo de grao aprobados polo Consello de Goberno e que sumados aos 11 que recibiron o visto e prace o mes pasado, completan os 24 encargados o pasado mes de abril.
No debate de este punto da orde do día o director da Escola de Empresariais, Patricio Sánchez, solicitou que a aprobación da memoria do grao en Administración e dirección de empresas estivese supeditada ás modificacións que fosen necesarias en virtude do compromiso do reitor de solicitar a transformación da Diplomatura en Ciencias Empresariais nun grao diferenciado cando á Universidade de A Coruña lle fose concedida esa transformación. Unha demanda que tanto a reitor como a vicerreitora de Titulación se Converxencia Europea, Carmen García Mateo rexeitaron por “non ser de recibo unha aprobación dun plan de estudo supeditado a un futurible”.
Ademais o Consello de Goberno aprobou un total de 25 novos mestrados de carácter investigador, froito na súa maior parte da transformación de programas de doutoramento, con e sen mención de calidade. A relación de mestrados aprobados son: Mestrado universitario en Lingüística e as súas aplicacións; Tradución e paratradución e estudos ingleses avanzados: interpretación textual e cultural das sociedades anglófonas contemporáneas; Artes escénicas; Economía ; Contabilidade e finanzas e administración integrada de empresas: responsabilidade social corporativa, calidade e medio; Ordenamento xurídico do mercado; Enxeñaría telemática; Teoría do sinal e das comunicacións e radiocomunicación e enxeñaría electromagnética; Tecnoloxía ambiental; Enxeñaría térmica; Enxeñaría química e novo modelos e tecnoloxías na industria; Metodoloxía e aplicacións en ciencias da vida; Investigación en comunicación; Actividade física, deporte e saúde; Historia, territorio e recursos patrimoniais; Dificultades de aprendizaxe e procesos cognitivos e en intervención psicosocioeducativa en educación secundaria: cara a unha proposta de calidade; Ecosistemas terrestres, uso sustentable e implicacións ambientais e en ciencias do clima: meteoroloxía, oceanografía física e mudanza climática e Software intelixente e adaptable.

Incorporación de investigadores e adiamento do Plan Operativo de Xestión

Na cuarta convocatoria do Programa especial de promoción do persoal docente e investigador da Universidade de Vigo, o Consello de Goberno acordou a convocatoria de 14 prazas de profesor contratado doutor das que poderán beneficiarse investigadores Ramón y Cajal, Parga Pondal, axundantes e profesores asociados. Este programa propio que no ano 2010 prevé chegar ás 15 prazas permitirá, segundo o reitor, Alberto Gago “ que quedemos con moi bos candidatos”.
A creación da dirección de área de implantación de títulos de grao, e a solicitude a través do programa IMAN dunha praza de investigador sénior para a posta en marcha do Centro de Investigación Biomédica, foron outros asuntos aprobado polo Consello de Goberno no que finalmente acordouse adiar á próxima sesión a aprobación do Plan Operativo de Xestión.