DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A vencedora foi a Universidade da Coruña

A Universidade de Vigo acada a segunda posición no Campionato Galego de Natación

Os gañadores participarán no Campionato de España no mes de maio

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 09/03/2010

A Universidade de Vigo acadou a segunda posición no Campionato Galego Universitario de Natación celebrado este martes no campus ourensán, a tan só un punto da vencedora da competición, a Universidade da Coruña (433 e 432 puntos, respectivamente). A terceira praza foi para a Universidade de Santiago cuxos nadadores acadaron unha puntuación total de 316 puntos.
As probas comezaron ás 10.30 horas na piscina universitaria AQA e prolongáronse ao longo de toda a mañá. No seu transcurso participaron máis de 50 deportistas chegados dende as tres universidades galegas e repartidos nas distintas probas e categorías de que consta o campionato. O acto de entrega de premios estivo presidido por Miguel Diéguez, vicexerente do campus, que foi o encargado de entregar as medallas. Os primeiros clasificados de cada categoría participarán no Campionato de España que terá lugar no mes de maio en San Sebastián.

A Universidade da Coruña vence nos relevos

A Universidade da Coruña acadou a medalla de ouro nas dúas probas de relevos disputadas na competición. Por categorías as medallas de ouro estiveron máis repartidas. Nos 50 bolboreta masculino a primeira posición acadouna Héctor García, da Universidade da Coruña, mentres que na modalidade feminina gañou Arantxa Tomé da Universidade de Vigo. Novas vitorias para a Universidade de Vigo nos 50 costas grazas a Iván Claudio Fernández e Lara Carballo que conseguiron o ouro nas súas respectivas modalidades. Nos 50 braza o ouro estivo repartido entre a Universidade de Vigo, na modalidade masculina con Carlos Alves, e a Universidade de Santiago de Compostela na feminina coa nadadora Raquel Landín.
Nos 50 libres a primeira posición foi para Luis Suárez, da Universidade da Coruña, na modalidade masculina e para Laura Martínez, da Universidade de Santiago de Compostela, na feminina. Sergio Pombo, tamén da Universidade de Santiago de Compostela, conseguía un novo triunfo para esta institución académica ao acadar o ouro nos 400 libres masculino e Diego J. Pio, da Universidade de Vigo, conseguía a primeira posición na mesma proba en PDI-PAS.

Primeira posición para Vigo nos 100 bolboreta e costas

A Universidade de Vigo acadou a medalla de ouro nos 100 bolboreta masculino e feminino así como nos 100 costas masculino e feminino grazas á boa actuación de Iván Claudio Fernández, Myriam Vieitez, Alberto Taboada e Sandra Presas. A institución viguesa mantivo tamén a primeira posición nos 100 braza masculino co nadador Carlos Alves, correspondéndolle o ouro nesta proba á Universidade da Coruña na modalidade feminina á deportista A. Pérez.
Nos 100 libres masculinos resultou gañador Luis Suárez, da Universidade da Coruña e Diego Pío, da Universidade de Vigo na modalidade de PDI-PAS. Nos 100 libres feminino gañou Laura Martínez, da Universidade de Santiago de Compostela.
Na proba dos 100 estilos a Universidade da Coruña fíxose de novo coa vitoria nas dúas modalidades (masculino e feminino) grazas a Javier López e A. Pérez.