DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con 3698 alumnas e alumnos de novo ingreso matriculados nos tres campus

A Universidade de Vigo acada a taxa de ocupación máis alta do SUG, co 99,7% das prazas cubertas

A institución viguesa estabiliza a matrícula global deste curso en máis de 20.800 estudantes

Etiquetas
  • Institucional
DUVI 22/11/2017

Cun 99,7% de prazas cubertas, a Universidade Vigo acada neste curso académico 2017-2018 a taxa de ocupación máis alta do sistema universitario galego. En total, matriculáronse neste curso na institución viguesa 3698 alumnos e alumnas de novo ingreso que, sumados ao resto do estudantado dos diferentes niveis, acada a cifra total de 20.873 estudantes. En concreto, 17.031 cursan estudos de grao, 2033 de mestrado e 1161 de doutoramento. A estes hai que sumar as 62 persoas que aínda están cursando os Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza, titulación agora convertida nun mestrado, e os preto de 600 alumnos e alumnas matriculados no Programa de Maiores nos tres campus.

Por xénero, a presenza feminina é un pouco superior á masculina en todas as etapas, sendo no global da matrícula 9800 homes e 10.400 mulleres. A división por campus amosa que o máis numeroso continúa sendo Vigo, con 11.399, seguido de Ourense con 4578 e Pontevedra con 4027, sen ter en conta o Programa para Maiores nestas clasificacións.

A taxa de ocupación máis alta do SUG

No referente ás cifras de alumnado de novo ingreso, en total son 3698 alumnos e alumnas, dos cales 2047 están matriculados no campus de Vigo, que ofrecía 2072 prazas; 936 en Ourense, que ofertaba 920 e 715 en Pontevedra, que ofrecía xustamente 715. Isto tradúcese nunha taxa de ocupación global na Universidade de Vigo do 99,7%, a máis alta do Sistema Universitario de Galicia, mentres que a Universidade da Coruña está no 88,5% e a de Santiago de Compostela no 93,3%. Por campus, os tres aumentan a ocupación, o de Ourense é o que ten un índice maior, cun 101,7%, seguido Pontevedra con 100% e Vigo con 98,8%. Neste sentido, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, destaca “a afouteza global da nosa Universidade, que se amosa no equilibrio entre a oferta e a demanda nos tres campus, polo tanto, no sur de Galicia”. Mato engade que “somos os únicos que conseguimos unha eficiencia global e, sobre todo, nos campus non centrais, que na maior parte dos casos no territorio español son deficitarios e teñen unha moi baixa ocupación”.

Atendendo á distribución por xéneros, existe unha equidade case real entre o alumnado de novo ingreso, e por áreas as titulacións de Ciencias Sociais e Xurídicas seguen a ser as escollidas por máis estudantes, seguidas das enxeñarías. Nunha división por centros, o que máis estudantado novo acolle é Enxeñería Industrial, escola na que neste curso iniciaron a súa formación universitaria 492 persoas. Por detrás están a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, con 292 e a Facultade de Ciencias da Educación de Ourense, con 238.

ADE, a titulación máis numerosa e EE Industrial, o centro máis grande

Os graos con máis estudantes matriculados neste curso continúan a ser Administración e Dirección de Empresas (991); Enxeñaría Mecánica (900) e Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación (705). O grao con máis matrícula do campus de Pontevedra é Ciencias da Actividade Física e do Deporte (528) e o de Ourense Enxeñaría Informática (488). Respecto aos centros, a Escola de Enxeñería Industrial segue a ser o máis grande, con 3112 estudantes matriculados, seguido da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais con 1726; a Facultade de Ciencias da Educación de Ourense con 1642 e a de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra con 1493, seguidas de Filoloxía e Tradución con 1187 e Ciencias Xurídicas e do Traballo con 1062.

Atendendo aos ámbitos, o máis numeroso en estudos de grao e de mestrado é o das Ciencias Sociais e Xurídicas (9024), seguido pola Enxeñaría (6422), Artes e Humanidades (1798), Ciencias (1383) e Ciencias da Saúde (1141).