DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Universidade de Vigo achega o rugby aos escolares

O I Torneo Intercentros reunirá a 160 rapaces

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI DUVI 15/05/2008

Continuando co seu labor de dar a coñecer e difundir o rugby entre os máis pequenos o equipo da Universidade organiza o I Torneo Intercentros de Rugby que terá lugar o vindeiro día 18 de maio no Complexo Deportivo de Samil.
Este torneo ideouse coma un complemento do programa Rugby-Cole que o equipo ten desenvolvido durante todo o ano nos colexios da cidade co obxectivo de achegar este deporte aos escolares, amosándolles que é unha disciplina na que todos poden participar independentemente da idade e o lugar. Para isto empregarán unha modalidade chamada Rugby Tag na que non existe contacto físico e no que os xogadores levan colgadas dúas cintas. Así, cando o equipo defensor quita unha cinta a un xogador do equipo atacante considérase unha placaxe, como explica Cristina Guntín, unha das responsable do programa Rugby-Cole e das escolas universitarias.
O torneo terá lugar durante toda a mañá do domingo xa que “este é o primeiro paso e por iso quixemos ser moi cautos; debido a gran acollida da iniciativa tivemos que limitar o volume de colexios participantes e facer o evento a modo de concentración”, explica unha das responsables da iniciativa. Así, participarán en modalidade de liga un total de 160 nenos divididos en dúas categorías segundo a idade, unha que comprende aos nenos de 1º e 2º de ESO e outra aos de 3º e 4º. Cada equipo contará, en todo momento, con dous monitores que participaron no Rugby-Cole e un profesor do seu colexio. Os rapaces, alumnos dos colexios Labor, Salesianos e Santiago Apóstol e dos IES de Beade, do Castro-Hispanidade e Santa Irene recibirán unha medalla por participar mentres que aos gañadores faráselle entrega dun trofeo.
“A intención deste torneo é converter o rugby nunha actividade extraescolar de cara ao ano que vén xa que, en principio, existe moita desconfianza cara este deporte polo seu descoñecemento asociándose, en moitas ocasións, ao fútbol americano”, subliña Cristina Guntín. Para isto, o club conta coa axuda da Universidade de Vigo ademais doutras entidades coma o Instituto Municipal de Deportes e o Concello de Vigo.