DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Equiparación de profesorado, paridade e revitalización do Claustro, liñas fundamentais

A Universidade de Vigo adapta os seus Estatutos á LOU cun amplo respaldo do Claustro

A elección do reitor seguirá realizándose por sufraxio universal

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 26/05/2009

O traballo de adaptación dos estatutos da Universidade de Vigo á reformada Lei Orgánica de Universidades (LOU), culminou hoxe coa aprobación por ampla maioría dos membros do Claustro (127 votos a favor, cero en contra e tres abstencións), do documento de anteproxecto de Estatutos da Universidade de Vigo que incorpora ademais os cambios derivados do Estatuto básico do empregado público, da Lei de contratos de estado e da Lei de igualdade entre homes e mulleres. Unha comisión especialmente creada para a reforma dos Estatutos traballou durante meses nun proceso que segundo a súa presidenta e secretaría xeral da Universidade, Esther González, derivou nun documento “froito do esforzo e do consenso de todos” e polo que agradeceu o traballo desenvolvido por todas as persoas que participaron do proceso.
Segundo a propia presidenta da comisión explicou, cinco son as liñas fundamentais do texto acordado e presentado ao Claustro. A primeira delas é a equiparación do profesorado con vinculación permanente á Universidade co profesorado funcionario, “o que se reflicte por exemplo na representatividade en órganos colexiados. Así no Claustro o 51% estará formado non por profesores funcionarios doutores, senón por profesores doutores con vinculación permanente á Universidade”, explicou Esther González. O novo texto recolle tamén as adaptacións derivadas da nova regulación de determinadas figuras de profesorado, o que ocorre, por exemplo, co profesorado contratado doutor xa que agora non pode ser contratado a tempo parcial. “A desaparición do profesor colaborador ou, en relación ao profesorado funcionario, o cambio no modelo de selección de profesorado que pasa do sistema de habilitación ao de acreditación”, son outras cuestións que destaca a presidenta da comisión.
A incorporación no novo texto da estrutura de titulacións xerada polo proceso de adaptación ao EEES: grao, máster e doutoramento, e as modificacións derivadas da necesidade de manter a paridade entre homes e mulleres nos distintos órganos e comisións, son outras dúas características no novo texto que incorpora ademais cambios para revitalizar o Claustro como órgano de representatividade da comunidade universitaria.” Así o Claustro agora poderá aprobar as liñas xerais da política orzamentaria ou terá capacidade para informar sobre as novas titulación de grao da Universidade de Vigo así como a facultade ou escola á que se adscribe”, sinalou Esther González.

Tres enmendas a debate

Aínda que foron rexeitadas na Comisión de Estatutos, ao seren votadas por unha cuarta parte da mesma, tres enmendas foron debatidas no Claustro. No caso das dúas presentadas polos Comités e referidas en ambos casos á utilización do galego, foi retirada a que pretendía incluír no artigo 100.1 o dereito do estudantado a recibir a docencia en galego, mentres que, froito dunha enmenda transaccionada, o artigo 4, recolle finalmente no seu apartado 1 que o: “ O galego é a lingua propia da Universidade de Vigo” e no apartado 3 que: “A Universidade de Vigo establecerá mecanismos para que nos procesos de acollida dos diferentes membros da comunidade universitaria se favoreza o coñecemento suficiente da lingua galega”. Neste punto o novo voceiro de Nova Universidade, Jaime Cabeza, manifestou o apoio do seu grupo á proposta que finalmente foi aprobada, ao tempo que demandou “ a súa aplicación automática en cuestións como as RPT e na política de profesorado”.
As outras dúas enmendas debatidas polo Claustro estaban promovidas pola representación sindical do PAS no sentido de demandar que fose este órgano o encargado de elixir e revocar ao reitor. Tanto Federico Fernández como Xan Cebro, rexeitaron nas súas intervencións o sistema actual de elección a través de sufraxio universal por consideraren que “non é un sistema democrático, xa que fai que o voto dunha persoa poida valer cinco veces máis que o de outra. Solicitamos, pois, que se volva a democracia dentro da Universidade e que sexa o Claustro o que elixa ao reitor”, demandou Cebro. Pola súa banda desde as filas de Nova Universidade, José Luís Legido, opúxose ao cambio propugnado polos representantes sindicais dos PAS, defendendo a elección universal do reitor “que así sabe o grao de confianza de toda a comunidade universitaria”. En nome de Alternativa Universitaria, Alberto Gago, defendeu que non existían razóns de fondo importantes para cambiar o proceso de elección que “foi aprobado hai tan só catro anos”, lembrou.
Finalmente co 92 votos en contra, 32 a favor e 5 abstencións a enmenda foi rexeitada.

Nulo rexeitamento ao documento final

Unha vez tratadas as enmendas, procedeuse á votación da proposta de estatutos que estivo precedida de intervencións que coincidiron en destacar o bo traballo desenvolvido pola comisión encargada de elaborar o texto e en solicitar a posta do mesmo. Iago Varela, voceiro dos Comités, destacou que grazas as enmendas por eles presentadas “conseguimos unha aposta firme da Universidade pola lingua galega e a inclusión de medidas que sentan os alicerces dunha universidade máis pública”. Pola súa banda o decano da Facultade de Bioloxía, Pedro Pablo Gallego referiuse a un apartado o artigo 100 que outorga ao estudantado que non asiste a clase o dereito a avaliar o método docente do profesorado, para dicir que debera ser incluído a través dunha enmenda aceptada na comisión, sen que os claustrais a puidesen debater. Gallego tamén lembrou a existencia dun informe xurídico da Xunta de Galicia polo que se retirou un apartado similar dos actuais estatutos.
En nome de Nova Universidade, Alfonso Lago agradeceu o traballo desenvolvido pola comisión e destacou a “mellora substancial” que introduce este texto que por exemplo permite ao Claustro opinar sobre os orzamentos. Lago tamén destacou as propostas referidas a garantir o coñecemento da lingua galega, a igualdade ou a práctica deportiva, manifestando o seu desexo de que “non sexa un brinde e as respectivas comisión desenvolvan estes aspectos”.
O presidente do Comité de Persoal, Xan Cebro, afirmou, pola súa banda que “aínda queda moito camiño” e afirmou que o PAS respectará e cumprirá os Estatutos “que tamén solicitamos que cumpra o equipo de goberno en canto a dereitos e deberes do persoal de administración e servizos”. Pola súa banda o reitor, Albergo Gago que realizou unha valoración moi positiva do traballo desenvolvido afirmou que “falta a arquitectura institucional e normativa que se deriva dos estatutos e poñerémonos a elo inmediatamente. Non só falta o regulamento de PAS, senón tamén o regulamento de estudantes, de profesorado, o de centros, o económico, etc....”.
Unha vez aprobados en primeira votación por 127 votos a favor, cero en contra e tres abstencións, os novos estatutos serán remitidos á Xunta de Galicia para a súa aprobación e posterior publicación no DOG.