DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O “Universidade de Vigo” arranca con forza na liga galega de xadrez

O equipo escolar acadou a primeira vitoria na casa

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI DUVI 15/01/2008
Cun resultado de 5 a 1 fronte ao “Alexandre Bóveda A” da Coruña o “Universidade de Vigo” de xadrez acada o seu mellor resultado dende que chegou á máxima categoría hai dous anos, situándose segundo da xeral por detrás do C.D.U.S. que acadou un contundente 6-0 ante un recén ascendido e frouxo Casa da Xuventude de Ourense.
Como cabía esperar, o capitán Pablo García fixo debutar ás dúas últimas incorporacións do equipo, os mozos Miguel Senlle e Pablo González Roca, con desigual sorte xa que Senlle fíxose cunha traballada vitoria mentres que Roca caía derrotado.
Destaca tamén a vitoria de Manuel Pena no primeiro taboleiro, no que non deu opción algunha a un Fernando de la Fuente que foi un dos mellores xogadores galegos na década dos oitenta.
Completaron o resultado Avelino Leirós e o capitán Pablo García que non tiveron moitos problemas para anotarse o tanto, e un afortunado Rafael Rodríguez que, atopándose en posición claramente inferior, viu como o reloxo do seu rival chegaba a cero, perdendo así por tempo. As partidas xóganse cuns controis de tempo nos que se recibe un incremento de trinta segundos cada vez que se fai unha xogada, pero se o reloxo chega a cero segundos prodúcese automaticamente a derrota independentemente da posición do taboleiro.
O próximo sábado o Universidade de Vigo visita ó “Karpov A” de Pontevedra, equipo bastante irregular que tanto ten pelexado polos primeiros postos da xeral como por eludir o descenso, sen embargo este ano poden ser máis perigosos xa que se reforzaron notablemente nos últimos taboleiros.

Primeira vitoria para as promesas

O equipo escolar acadou a primeira vitoria na casa cun axustado 2.5 a 1.5 fronte ao Academia Copérnico. Con este resultado o equipo escolar queda empatado no cuarto posto da clasificación xeral nunha liga que pode estar moi igualada ata o final.
Na próxima xornada os membros do equipo desprazaranse ata Santiago de Compostela para xogar contra o “Torpedo Gallaecia”, equipo ao que non lle foron moi ben as cousas na primeira xornada, xa que caeu derrotado por un claro 3-1.
É probable que o capitán comece nesta ocasión coas rotacións no equipo nunha rolda na que a priori o equipo escolar será favorito á vitoria.