DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A pesar do recorte nas axudas en convocatorias públicas os ingresos da institución aumentaron lixeir

A Universidade de Vigo captou máis de 23 millóns de euros procedentes da I+D en 2011

Os contratos con empresas medraron o pasado ano un 32%

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 16/03/2012
Máis de 23 millóns de euros (23.110.847,87€) ingresou a Universidade de Vigo durante o ano 2011 en concepto de recursos externos procedentes da I+D que inclúen tanto os proxectos concedidos aos grupos de investigación; fondos FEDER destinados a infraestruturas e parques científicos e tecnolóxicos; contratos de I+D con empresas; facturación do Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación (CACTI) e actuacións institucionais.
A pesar do recorte experimentado durante o ano pasado nas axudas en convocatorias públicas da Xunta e do Goberno central, , a Universidade foi quen de manter e incluso incrementar lixeiramente o nivel de ingresos respecto a 2010, ano no que se acadaron 22. 885.330 millóns de €. Concretamente a institución académica viguesa incrementou respecto a 2010 en 2 millóns de euros a contratación de I+D (contratos con empresas), captou 1,2 millóns en concepto de proxectos institucionais, mentres que os proxectos de investigación europeos medraron en 1,8 millóns de euros. Cifras que segundo o reitor, Salustiano Mato, confirman que “a pesar da caída nas axudas en convocatorias públicas, a institución mantén o tipo e inicia a senda do crecemento”.

Do total dos 23 millóns captados en 2011, os contratos con empresas conformaron a partida máis elevada con preto de 9,5 millóns de euros, seguida dos proxectos de investigación concedidos aos grupos da Universidade que superaron os 8,8 millóns. Mención especial cómpre facer dentro das actuacións institucionais (infraestruturas FEDER e parques científicos e tecnolóxicos) que suman no período 2010-2011 un total de 14,5 millóns de euros, aos denominados proxectos institucionais, unha realización do actual equipo de goberno, que en tan só dous anos reportaron á institución máis de 8 millóns de euros, procedentes na súa maior parte de achegas destinadas ao Campus do Mar, así como de proxectos destinados a internacionalización, emprego, formación permanente e divulgación científica.

Tres anos de incremento consecutivo en contratación I+D

Con preto de 9,5 millóns de euros foron as actividades de I+D contratadas coa Universidade (contratos, informes e cursos) as que durante o ano 2011 reportáronlle á institución académica os maiores ingresos no global de recursos externos captados.
Este volume de ingresos incrementouse a pesar da crise económica nun 32% o último ano, pasando dos 7,2 millóns de euros de 2009, a 7,3 en 2010 para chegar preto dos 9,5 en 2011. Cunha situación económica que segundo Mato “está en estado comatoso” a clave para a Universidade está en “non deixarse vencer polo desalento e traballar arreo para consolidar esta tendencia que hai que consolidar en 2012”.

Os 205 contratos de I+D asinados durante 2011 reportáronlle á Universidade 7,7 millóns de euros, mentres que os 1468 informes ingresaron 1,6 millóns de euros e os 18 cursos realizados supuxeron preto de 56.500 euros. “A maioría da facturación son contratos de I+D, isto é: resolver problemas que necesitan as empresas e é o que máis repercute no crecemento económico e no emprego para as empresas que buscan na Universidade respostas”, explicou o reitor que aproveitou a súa intervención para reivindicar a figura do funcionario e do profesor universitario. “Isto é un mérito dos investigadores e profesores que traballan arreo moitas horas ao día, non só oito, 10, 12, 14 e ata 16”
Por ámbitos, o Tecnolóxico con 7,4 millóns de euros foi no que máis actividades de I+D foron contratadas, seguido do Xurídico-Social con 1,1, o Científico con 895.338 euros e o Humanístico con preto de 56.000. O departamento que concentrou o maior número de actividades de I+D contratadas foi o de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos cun importe de 2.2 millóns de euros, seguido do de Enxeñería Telemática con 1,3 millóns e Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente con 1,2 millóns.

8,2 millóns en dous anos a través de proxectos institucionais

Na súa intervención Mato destacou que coa chegada do actual equipo de goberno á Reitoría da Universidade aos recursos externos de I+D captados sumouse unha nova partida: a dos denominados proxectos institucionais. Isto converte segundo o reitor ao equipo de goberno “nun IP (investigador principal)ofrecendo propostas e entrando en concorrencia competitiva no marco europeo para acadar recursos”.
Centrada nestes anos 2010 e 2011 nas achegas derivadas da consecución da excelencia internacional por parte de Campus do Mar, o volume de ingresos por este concepto situouse nos 8,2 millóns de euros, dos que 7 corresponderon ao ano 2010 e 1,2 ao ano 2011. Con estes ingresos o goberno da Universidade convértese, segundo Mato, “nun axente proactivo” na consecución de fondos para a institución, competindo en concursos internacionais por uns recursos que se confirman como fundamentais para avanzar na autosuficiencia financeira. Ás achegas acadadas no período 2010-2011 para o desenvolvemento de Campus do Mar, así como para proxectos relativos a emprego, internacionalización ou formación permanente, sumaranse no futuro as derivadas de proxectos estratéxicos como son o Vigo Tecnolóxico ou o Campus da Auga de Ourense, así como outros proxectos xa solicitados e pendentes de concesión destinados a diferentes ámbitos.

“Proxectos” que asegura Mato, “nos permitirán ollar Europa, porque sabemos que esta situación que vivimos en Europa non é coxuntura, senón estrutural e se queremos medrar e conquerir recursos temos que mirar a Europa”. O reitor lembrou a próxima finalización das convocatorias FEDER e a necesidade de mergullarse no programa Horizonte 2014-2020 ao tempo que apuntou que nas convocatorias ás que a Universidade de Vigose está a presentar a taxa de éxito supera o 40%, cando a media está arredor do 25%.

Propiedade intelectual e spin-offs

En 2011 foron 15 as solicitudes de propiedade intelectual rexistradas na Universidade de Vigo, 13 nacionais e dúas internacionais. Unha cifra que confirma o ritmo constante que no último lustro acadou a institución cunha media de entre 15 e 20 solicitudes ao ano e que se agarda continúe medrando en virtude á nova Lei de Ciencia aprobada a mediados do ano pasado e que contempla instrumentos que permitirían acadar este fin.

Polo que respecta ás spin-off nos últimos cinco anos creáronse ao abeiro da Universidade de Vigo 13 empresas, unha delas no ano 2011. No mesmo período asesoráronse a máis dun cento de emprendedores.

Dossier datos I+D 2011 (1.26 Mb)