DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor da Universidade Federal da Integraçao Latino-Americana asinou un convenio

A Universidade de Vigo colaborará na integración latinoamericana a través da UNILA

Gratuíta e bilingüe, recibe alumnado de toda América do Sur, Central, do Caribe e México

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 05/12/2011
Hai tan solo dous días con motivo da creación en Caracas da CELAC, Comunidad de Estados Latinoamericanos y Caribeños, a presidenta de Brasil, Dilma Rousseff, aludía á “primeira universidade plurilingüe e multicultural” á que tamén sinalou como posible brazo académico da organización latinoamericana e caribeña. Esa institución académica á que se refería a presidenta brasileira é a Universidade Federal da Integraçao Latino-Americana, UNILA, que comezou a súa andaina hai case dous anos coa misión de “contribuír á integración latinoamericana a través do coñecemento compartido e a cooperación solidaria”, segundo explica o seu reitor Helgio Trindade que foi profesor de Ciencia Política de Rousseff na década de 1970 na Escola de Ciencias Económicas da Universidade Federal de Rio Grande do Sul. O máximo responsable da UNILA asinou hoxe un convenio de colaboración co seu homólogo da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, coa finalidade de poñer en marcha actividades e proxectos conxuntos que Trindade centra por unha banda no ámbito da filoloxía e por outra no das enxeñarías.

Para unha universidade que contará a partir do mes de abril de 2012 con 1500estudantes procedentes de países de América do Sur e Central, Caribe e México, a vocación internacional é tan importante como as linguas, en especial o español e o portugués nos que se desenvolve tanto o alumnado como o profesorado. “Ese bilingüismo é unha ponte a través da que nos interesa cooperar coa Universidade de Vigo que ten estudos de filoloxía, tradución e literatura”, sinalou Trindade que lembrou que foi a profesora do Departamento de Literatura Española, Carmen Luna, quen estableceu o primeiro contacto entre ambas universidades ao participar nun curso sobre Roa Bastos en Brasil.
Pero máis alá do ámbito humanístico o reitor da UNILA non pasou por alto a posibilidade de que docentes de enxeñaría da Universidade de Vigo participen en cursos que sobre enerxías renovables e enxeñaría civil de macroinfraestructuras porá en marcha a UNILA. Liñas de traballo conxunto sobre as que o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, amosou a total dispoñibilidade da institución académica viguesa a participar, confirmando así a súa clara vocación de internacionalización.

Gratuíta, integradora e cunha imporante demanda de profesorado

A súa mocidade, lonxe de ser problema para esta universidade situada na cidade de Foz de Iguaçu, no extremo oeste do Paraná, estase a confirmar coma unha vantaxe. “As linguas, a metodoloxía científica e en especial o coñecemento de que é América Latina, son os nosos eixos fundamentais que sumamos ás áreas académicas específicas”, explica Trindade sobre una universidade que paga vivenda, transporte e manutención á totalidade do seu alumnado que prevé acade os 10.000 estudantes nos cinco próximos anos.

Este crecemento e o particular enfoque dos seus estudos fai que exista unha importante demanda de profesorado ata o punto que para o vindeiro curso serán seleccionados un cento de docentes, aos que sumarán unha trintena de profesores visitantes estranxeiros.“Nas universidades que temos acordos se hai profesores dispoñibles nós estamos dispostos a contratalos por períodos curtos ou algo máis longos. O noso foco é dar resposta aos problemas de América Latina e por iso invitamos a profesores de diferentes nacionalidades”, explica o reitor da UNILA. Como proba de esta necesaria colaboración, Trindade cita a necesidade de estudar os erros cometidos na UE para evitar que se repitan en organizacións latinoamericanas como Mercosur.