DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o Informe Mundial SIR 2010 que analiza 2800 institucións de todo o mundo

A Universidade de Vigo confírmase na decimo quinta posición nacional en produción científica

Para o reitor “é un orgullo superar a outras institucións do noso tamaño e historia”

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 15/10/2010
Baseado en Scopus, a maior base de datos científicos do mundo, o Informe Mundial SIR 2010 que se ven de publicar, estuda a produción científica de 2833 institucións e organizacións dun total de 87 países de todo o mundo durante o período 2004-2008.
O ránking, desenvolvido polo grupo de SCImago, integrado por persoal investigador do CSIC e das universidades españolas de Granada, Alcalá de Henares, Carlos III, Estremadura; a lusa de Oporto; a arxentina, Universidad Nacional de la Plata e a chilena, Pontificia Universidad Católica de Valparaiso, confirma o posto decimo quinto da Universidade de Vigo no conxunto das máis de 51 institucións académicas españolas analizadas.

Un posto que é “un orgullo e un reto” segundo o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato que explica a súa consecución como “froito dunha política de investigación previa que valora os resultados, mérito e capacidade dos e das investigadoras e que premia a excelencia”. Ademais Mato incide no feito de a institución viguesa acade unha posición que a sitúa “por riba de universidades do noso tamaño e historia e á par doutras que teñen máis traxectoria”. O posto decimo quinto acadado pola Universidade de Vigo no informe coincide co da edición do ano pasado, aínda que no 2010 o estudo ampliou en máis de 800 as institucións analizadas que son ademais de universidades, axencias nacionais de investigación, hospitais, empresas e outras entidades.

Indicadores que mide o Informe Mundial SIR 2010

O Informe Mundial SIR 2010 combina catro indicadores que revelan os niveis de produción científica, cantidade de coñecemento científico xerado e visibilidade das institucións. Estes son: a produción científica ou número de artigos publicados; a colaboración internacional medida como o ratio de artigos publicados por unha institución en colaboración con outras doutros países; o impacto normalizado, medido como a ratio entre a citación que recibe unha institución e a citación media mundial para documentos do mesmo campo científico, o mesmo tipo e a mesma data e a porcentaxe de publicacións no 25% das mellores revistas do mundo, ordenadas segundo o indicador de importancia científica das revistas SJR, desenvolvido polo Grupo SCImago.
O volume de produción analizado constitúe máis do 80% da produción científica mundial no período comprendido entre 2004 e 2008.

Vigo, por riba da media mundial de impactos

Dos indicadores que amosa o Informe Mundial SIR 2010 destaca no caso da Universidade de Vigo o impacto normalizado, medido como a ratio entre a citación que recibe unha institución e a citación media mundial para documentos do mesmo campo científico, o mesmo tipo e a mesma data. Cun 1.18 a institución académica viguesa acada o posto 12 na relación de universidades españolas, situándose á par da Politécnica de Cataluña, a Politécnica de Valencia, Santiago de Compostela e a Jaume I que acadan o mesmo índice. Un dato que confirma a presenza da institución académica viguesa por riba da media mundial de impactos que para o reitor, Salustiano Mato, “é moi importante e cómpre mantelo a pesar da dificultade dos tempos que corren”.

En canto á colaboración internacional medida como o ratio de artigos publicados por unha institución en colaboración con outras doutros países a Universidade de Vigo acada un 30.37%, o que a sitúa no decimo terceiro posto entre as quince primeiras institucións académicas españolas. Un aspecto que sen embargo o reitor avoga por mellorar dado que “moitos investigadores noso colaboran con moita xente no estranxeiro, pero ao final este traballo conxunto non se traduce en publicacións compartidas que si se valoran internacionalmente. É polo tanto un indicador que hai que mellorar”.
No caso da porcentaxe de publicacións no 25% das mellores revistas do mundo, a institución viguesa reflicte un 45% que a sitúa no decimo segundo posto na relación das quince primeiras universidades da clasificación realizada polo informe.

No que se refire á produción científica, a Universidade de Vigo publicou ao longo do período de estudo un total de 3622 artigos, 236 máis que no período analizado no anterior informe que abarcaba de 2003 a 2007 e no que a cifra acadada foi de 3264. Para o reitor os máis de 3622 artigos publicados confirman a consolidación en produción aínda “con menos efectivos que as institucións que nos preceden. Una cifra que sería moi superior se fixésemos o ratio polo número de doutores de cada institución”.

Datos globais do informe

Un total de 2833 institucións internacionais dedicadas á investigación son avaliadas no Informe Mundial SIR 2010 que sitúa nos primeiros postos ás academias nacionais de Ciencias de China, Francia e Rusia, así como ás universidades de Harvard e Tokyo. A primeira institución española de investigación que aparece no informe é o Centro Superior de Investigaciones Científicas no posto 11, mentres que a primeira universidade española é a Universitat de Barcelona que ocupa o posto 161, seguida da Complutense de Madrid no posto 210 e a Universitat Autónoma de Barcelona no 241. Pola súa banda a Universidade de Vigo sitúase no posto 704 do ranking mundial.