DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Centro de Linguas aproveitará o foro para darse a coñecer no país veciño

A Universidade de Vigo coorganiza en Aveiro o IV Foro Internacional de Español en Portugal

Impartiranse varios talleres sobre metodoloxías de ensinanza de ELE a lusofalantes

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 27/02/2013
O Centro de Linguas vai participar esta fin de semana en Aveiro no IV Foro Internacional de Español en Portugal, un encontro coorganizado polas universidades de Aveiro e Vigo, a Consejería de Educación da embaixada de España en Portugal e a editorial SGEL. Baixo o lema Propostas metodolóxicas para o desenvolvemento das competencias lingüísticas e comunicativas nun contexto lusofalante o encontro reunirá expertos en diferentes temas que impartirán varios talleres sobre metodoloxías de ensinanza de ELE a falantes de portugués. O obxectivo: crear un espazo de diálogo no que ofrecer aos docentes de español unha serie de estratexias didácticas, tanto teóricas como prácticas, así como potenciar unha ensinanza de español cun elevado nivel de calidade.

“O compromiso coa internalización da Universidade conleva a participación neste tipo de foros”, subliñou o vicerreitor de Relacións Internacionais, que ve o encontro como un símbolo máis de que o Centro de Linguas está a posicionarse a nivel internacional no eido da ensinanza de linguas. Na mesma liña, a directora do centro, Dolores González, valora a participación neste encontro internacional como “unha excelente ocasión para darnos a coñecer nas universidades do país veciño como centro de ensinanza de español para estranxeiros, ademais de supoñer un bo recoñecemento ao labor que os nosos docentes están a levar a cabo nos últimos anos”, subliñou, ao tempo que fixo fincapé en que nestes intres Vigo é a única universidade española acreditada para examinar os niveis B1 e B2 de español, acreditación que conta co selo de ACLES, Asociación de Centros de Linguas de Ensinanza Superior, que é o organismo que conta co aval da CRUE para a acreditación do idioma estranxeiro en España, “e tamén de CERCLES, que garante o recoñecemento das nosas probas de dominio na contorna universitaria europea”, engadiu a directora do centro.

A profesora do Centro de Linguas Mercedes Álvarez participará no encontro co obradoiro Técnicas de avaliación e elaboración de probas no que se analizarán cuestións tales como os requisitos dunha boa proba, o tipo de actividades de avaliación empregadas ou os diferentes instrumentos e ferramentas de avaliación empregados na ensinanza de idiomas. Ademais, analizaranse e crearanse diferentes actividades de avaliación e avaliaranse mostras de lingua oral e escrita.

3000 usuarios en 2012

O Centro de Linguas da Universidade acadou en 2012 a cifra de 3000 usuarios, o que supón un incremento de máis do dobre respecto ao ano 2010, no que pasaron polas súas aulas 1369 alumnos e alumnas. O curso pasado impartíronse na súas aulas cursos de alemán, chinés, español para estranxeiros, expresión escrita e expresión oral en español, francés, conversa en francés, francés comercial, inglés, conversa en inglés, pronuncia en inglés, inglés empresarial, italiano, lingua de signos española, portugués, preparación do PET, do First Certificate in English e do CAE, ruso e iniciación ao ensino do español como lingua estranxeira.

O pasado ano matriculáronse un total de 2892 persoas nas actividades do Centro de Linguas, 2172 delas nos distintos cursos da súa oferta formativa, e 720 nas probas de acreditación que desenvolve, cun incremento do 37% respecto do exercicio 2011 (2172 nos seus cursos, cun incremento do 11%, e 720 nos exames de acreditación, con incremento do 374%).