DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Numerosas personalidades quixeron festexar cos novos profesionais a súa chegada ao mundo laboral

A Universidade de Vigo despide a 235 novos graduados

Saen á rúa unha nova promoción de Bioloxía, Dereito Económico, Enfermaría, Filoloxía Hispánica e Tel

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Noemí Rey DUVI 17/06/2011

Sorte. Esa foi a palabra máis repetida esta tarde nos cinco actos de graduación que acolleu esta tarde a Universidade de Vigo nos que os novos profesionais de Bioloxía, Dereito Económico, Enfermaría, Filoloxía Hispánica e Telecomunicacións dixeron adeus ás aulas que os levan acollendo os últimos anos para preparalos para a súa incorporación a un mundo laboral "difícil nos tempos que corren". Familiares, amigos e numerosas personalidades do mundo político e académico quixeron arroupar a estes mozos e mozas e darlles o pulo preciso para saír á rúa "coa cabeza ben alta", cada un no seu campo, cada un cunha realidade laboral.

Bioloxía, punto de partida da sostibilidade

Preto de 40 novos titulados en Bioloxía subiron ao escenario a coller banda e diploma ante un ateigado salón de actos de Ciencias e arroupados, ademais de pola decana da Facultade, Cristina Arias, e pola madriña de promoción, Adela Sánchez, por un reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, que tivo que rachar co protocolo e excusar a súa presenza nun acto de graduación no que estaba o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, "para poder estar onde quería, convosco". Nun emotivo acto no que xa ex estudantes aproveitaron para esixir que non se fagan máis recortes á educación pública, foi o propio reitor o que lles advertíu de que se está a xestar "un novo modo de aproximarse á ciencia". "Estamos ante unha crise económica, pero tamén de valores e de confianza nas institucións, e iso é o máis importante, porque sen esa confianza non se pode conseguir que o mundo avance. O futuro modelo económico terá que mesturar economía e sustentabilidade", subliñou Mato.

Máis docentes que estudantado: poñamos que falamos de Filoloxía

Moi poucos, apenas sete mozos e mozas se graduaron nunha nova promoción de Filoloxía Hispánica, sete "valentes" aos que agradeceron que escolleran "as Humanidades nun momento económico e social no que priman as tecnocracias e as decisións a curso prazo. Grazas por dedicarse ao que nos fai verdadeiramente humanos. Non desfallezcades no camiño porque o que facedes é imprescindible", recordoulles Ignacio Barcia, vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade. A incertidume laboral tampouco escapou da boca dos que acompañaron a estes novos profesionais, "aínda que non máis que a que atopáchedes cando chegáchedes a esta casa. E aquí estades, con todos os obstáculos superados". Foi o padriño, José María García, o que puxo a nota de humor ao acto exercendo de "avó ceboleta contando batallitas de cando o número de alumnos era maior que o de profesores".

En Telecomunicación, renderse xamais

Ese foi o consello máis repetido no acto de graduación dos 65 profesionais saídos da XXII promoción da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, das especialidades de Sistemas de Telecomunicación e Son e Imaxe e dos mestrados de Teoría do Sinal e Comunicacións e de Aplicacións de Procesado do Sinal. Non renderse xamais, "non ter medo a errar" e saber reaccionar sempre, tanto se as cousas saen ben como se saen mal, foron os consellos do alcalde de Vigo, Abel Caballero aos novos licenciados. "Son de Ponteareas, de terra adentro, pero quixen estudar Naval. Cando pisei un barco e chegou o primeiro temporal mareeime como nunca na miña vida, así que cambiei de carreira e, para ben ou para mal, acabei como alcalde de Vigo", subliñou.

Tamén Manuel Fernández Iglesias, vicerreitor de Relacións Internacionais, quixo recordarlles que non pasa nada por equivocarse e que saen de aquí coas ferramentas axeitadas "para tomar as vosas propias decisións. Vos sodes a materia prima e a Universidade tenta transformaros para que sexades os mellores profesionais". Como fin de festa tanto para a graduación como para os actos de celebración dos 25 anos de vida da Escola, unha sorpresa: un agasallo, un recordo conmemorativo para todos aqueles que "tanto teñen axudado a este centro como profesores ou como estudantes", recoñeceu Edita de Lorenzo, directora da Escola.

Un dos mellores currículos de Italia, en Dereito Económico-Empresarial

Foron 76 os novos profesionais que recolleron as súas respectivas bandas no acto de graduación da XIII promoción de Dereito rama Económico-Empresarial nun ateigado salón de actos presidido polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, e polo vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán. Durante uns minutos os egresados cederon o protagonismo ao profesor Antonio Metro, catedrático de Dereito Romano da Universidade de Messina, que foi investido como Membro Honorífico do Claustro de Profesores de Dereito da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. O motivo: un currículum de vertixe, con todo aprobado con matrículas de honra na súa carreira, algo que "nin pasara nin nunca volveu pasar na universidade italiana da que provén", aclarou María José Bravo Bosch, profesora de Dereito Romano e encargada de ler a 'laudatio' do novo membro do Claustro.

Tamén puxeron punto e final á súa vida nas aulas os 50 alumnos da XXXI promoción de Diplomados da Escola Universitaria de Enfermaría do Hospital Meixoeiro, que festexaron o remate da súa formación académica co pulo de numerosas personalidades, como a delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, ou a subdirectora xeral de Desenrolo Asistencial do Sergas, Mercedes Carreras, encargada de dar a derradeira clase maxistral.