DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución viguesa é, segundo o Ranking ISI, a segunda e terceira do país en ambas disciplinas

A Universidade de Vigo despunta en España na investigación en enxeñaría química e ciencias dos materiais

Salustiano Mato insistiu en que dende Vigo se sigue apostando polo binomio mérito/capacidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 29/09/2011
A Universidade volve estar de parabéns. Se este verán Vigo acadou, por primeira vez na súa historia, aparecer no Shangai Ranking entre as cincocentas mellores universidades do mundo, a chegada do outono trae consigo unha nova clasificación, neste caso estatal, que coloca á Universidade de Vigo na segunda posición nacional no que a estudos de enxeñaría química se refire e no terceiro posto no eido das ciencias dos materiais. Esta clasificación é a que reflicte o II Ranking ISI das universidades españolas no que se analiza a investigación publicada en revistas internacionais de maior impacto e visibilidade, non por grandes ramas de coñecemento, senón atendendo a campos e disciplinas científicas, de maneira que poida captarse mellor en que especialidades as universidades son máis activas e influentes.

“É unha noticia que confirma que a posición da Universidade alcanza niveis de relevancia en todos os campos analizados. Se partimos da base de que esta é unha universidade nova e de menor tamaño que outras, este é un valor a ter moi en conta”, subliñou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, quen insistiu en que dende Vigo se sigue apostando polo binomio mérito/capacidade e, neste sentido, “ o mérito reside nos investigadores”.

3ª posición nacional en Ciencias dos Materiais

Centrado nos períodos 2001-2010 e 2006-2010, o estudo, realizado pola Universidade de Granada e a de Navarra, sitúa á institución académica viguesa como a segunda do panorama nacional en estudos de enxeñaría química, só por detrás da Politécnica de Valencia. Ademais de en enxeñaría química, Vigo tamén destaca noutro eido moi relacionado co mundo da enxeñaría: Ciencias dos Materiais, disciplina na que Vigo acada unha destacada terceira posición nacional, só por detrás das universidades de Barcelona e a Complutense de Madrid, un lugar que mantén tanto para os períodos 2001-2010 como 2006-2010.

Do total das dezanove disciplinas científicas analizadas, a universidade do sur de Galicia acada tamén bos resultados en eidos como as xeociencias (7º posto en ambos períodos temporais); ecoloxía e ciencias medioambientais (8º posto no 2001-2010 e 16º no 2006-2010); xenética e bioloxía evolutiva (9º posto no 2001-2010 e 10 no 2006-2010); ciencia e tecnoloxía dos alimentos (10º posto no 2001-2010 e 14º no 2006-2010); bioloxía vexetal e animal (postos 12º e 14º); agricultura (16º e 13º) e química (14º en ambos períodos temporais).

Ademais, se atendemos á clasificación por campos científicos –máis xeral-, os resultados tamén amosan un lugar destacado (6º posto no período 2001-2010 e 11º no 2006-2010) nas ciencias da terra e medioambientais e tamén nas enxeñarías (11º no período 2001-2010 e 9º no 2006-2010).

Ranking ISI

Este ranking nace froito da colaboración dos membros dos grupos de investigación Avaliación da Ciencia e a Comunicación Científica das universidades de Granada e Navarra e de Soft Computing and Intelligent Information Systems da universidade granadina. O obxectivo é descubrir as fortalezas e debilidades do sistema universitario español de investigación en diferentes ámbitos do coñecemento, converténdose así nunha ferramenta de elevada utilidade para os responsables da política científica e xestores da investigación vinculados ao mundo universitario.

Para a súa elaboración os autores empregaron seis indicadores bibliométricos e recorreron como fonte de información as bases de datos de Thomson-Reuters (antigo ISI), Web of Science y Journal Citation Reports, produtos que, a xuízo dos seus autores, son “unha selección das mellores revistas a nivel mundial e referencia básica das axencias de avaliación nacionais como Cneai e Aneca”.
En relación aos períodos temporais analizados: un de dez anos (2001-2010) e outro de cinco anos (2006-2010), os autores do estudo consideran clave este aspecto “para darlle estabilidade aos resultados e detectar posibles cambios na actividade científica”.