DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os de Aníbal Babini enfrontaranse no último partido oficial da tempada ao Lalín

O Universidade de Vigo disputa este sábado a final da Copa Xunta de Galicia de rugby

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Marta Casanova DUVI 06/06/2008
O equipo de rugby da Universidade de Vigo disputa esta fin de semana a final da Copa Xunta de Galicia da categoría sénior ante o Lalín, un conxunto que vén de ascender á 1ª División Nacional despois de realizar unha moi boa campaña. O encontro, derradeiro partido oficial da tempada tras rematar a liga hai tres meses, terá lugar ás 19.00 horas do sábado no campo Manuel Ángel Cortizo de Lalín, polo que os de Vigo non contarán co respaldo do seu público.
Os de Vigo enfrontan o partido buscando a que sería a súa décima Copa Xunta de Galicia, tarefa nada sinxela xa que o equipo rival “ten máis ritmo de competición ca nós, que levamos dende marzo fóra de xogo, aínda que seguimos adestrando a bo nivel” explicou o seu adestrador, Aníbal Babini. Ademais, tampouco será fácil para Babini configurar un equipo á altura do partido xa que moitos dos seus xogadores “abandonaron xa trala dura final do campionato ligueiro, ben por lesión, ou para dedicarse ás súas actividades profesionais e académicas” comentou. Pese a todo, no Universidade de Vigo se respira optimismo e “agardamos gañar e facernos coa final” dixo Babini esperanzado.

Un futuro incerto

Máis complicada se presenta a vindeira tempada xa que a previsión de reforzar o equipo con xogadores estranxeiros “pinta moi mal” explicou Ramón Pérez, voceiro do club, “ante o momento de crise económica xeneralizada que estamos a vivir, que provoca o abandono dos patrocinadores”. A difícil situación, que é común no resto dos equipos, fai perigar a continuidade do Universidade de Vigo, “xa que sen apoios non ten sentido seguir, pois non podemos afrontar os gastos de desprazamento e a dotación económica que implica competir” engadiu Pérez. Co fin de encontrar unha solución ao problema, a vindeira semana os responsables do club teñen previsto iniciar unha serie de reunións con institucións en busca dunha saída que garanta o futuro do equipo.