DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Outorgaranse catro premios dotados de 500€ e as candidaturas poden presentarse ata o 26 de outubro

A Universidade de Vigo distinguirá o alumnado con mellor rendemento deportivo e académico

Para facilitar a conciliación destes aspectos, a UVigo aprobou un Estatuto do Estudantado Deportista

Etiquetas
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Deportes
  • Estudantado
  • Premios
  • Deportes
M. Del Río DUVI 14/10/2022

Compaxinar unha traxectoria deportiva de elite coa vida académica non adoita ser moi doado, xa que implica altos niveis de esixencia e moito esforzo para conciliar ambos aspectos. Para poñer en valor a determinación do alumnado que aposta por compatibilizar estas dúas facetas, a Universidade de Vigo convoca anualmente os Premios á Excelencia Deportiva, uns galardóns que buscar distinguir os catro mellores exemplos de rendemento deportivo e académico.

Tras dous anos sen convocarse pola pandemia, estes galardóns regresan neste 2022 abertos aos alumnos e alumnas matriculados neste curso 2022/2023 en titulacións de grao, mestrado ou doutoramento sempre e cando teñan participado nos anos 2021 ou 2022 en campionatos deportivos interuniversitarios en representación da Universidade de Vigo ou en competicións federadas.

En total outorgaranse catro galardóns, cunha dotación máxima de 500€ cada un, que serán para aqueles alumnos ou alumnas que presenten o mellor rendemento conxunto nos dous aspectos: traxectoria deportiva e vida académica. Ademais, os premiados recibirán un recoñecemento público mediante un diploma acreditativo que lles será entregado no transcurso da XXIX Gala do Deporte da Universidade de Vigo que se celebrará ao longo deste curso.

Precisamente, por estar ligados estes premios á gala non se convocaron nos dous pasados anos, nos que a pandemia non permitiu organizar eventos deste tipo. A última edición do evento, celebrada en Ourense en 2019, recoñeceu a excelencia da atleta Raquel Meaños, a loitadora Nerea Pampín, a esgrimidora Xiana Pérez e a judoca Laura Vázquez.

O Estatuto do Estudantado Deportista, un paso máis para axudar na conciliación de deporte e estudo

Precisamente, co obxectivo de axudar ao estudantado a compatibilizar estes dous aspectos, a Universidade de Vigo aprobou o ano pasado o seu propio Estatuto do Estudantado Deportista, unha normativa que ten como finalidade “fixar medidas que favorezan a conciliación da vida universitaria e deportiva, e que fomenten o recoñecemento académico das prácticas físico-deportivas pola súa achega á consolidación dos valores propios e das boas prácticas na Universidade de Vigo”.

O documento comprende medidas para deportistas de base, pero céntrase sobre todo nos de nivel intermedio e de elite. Para os de nivel intermedio desenvolveranse medidas específicas de apoio que favorezan a súa participación en representación da Universidade de Vigo, por exemplo, a exención da obriga de asistencia presencial ás actividades académicas que coincidan con desprazamentos para participar en competicións e polo tempo estritamente necesario; o cambio de data para realizar as probas de avaliación; a gratuidade no uso das instalacións deportivas propias da Universidade de Vigo a través dun abono da Área de Benestar, así como nas actividades dirixidas asociadas a este ou a valoración da súa condición de deportista nos procesos de selección dos programas de mobilidade.

Para os que forman parte do colectivo de deportistas de elite, realízanse os axustes precisos para facer compatibles as esixencias académicas e as deportivas, de xeito que poidan compatibilizar os estudos universitarios e as competicións, adestramentos, concentracións e demais actividades favorecedoras dun óptimo rendemento. Entre outras medidas, o regulamento contempla para este colectivo a elección do horario, quenda ou grupo, nos casos en que sexa posible, para compatibilizar a asistencia á clase coa súa actividade deportiva; a xustificación de faltas de asistencia das sesións lectivas, de carácter obrigatorio, por participar en competicións oficiais e nas concentracións e nos adestramentos da selección española, mediante a correspondente certificación da federación deportiva; a flexibilización do calendario de exames cando coincida con competicións oficiais e con concentracións e adestramentos da selección española, xustificados mediante a certificación da federación deportiva correspondente; programas específicos de atención e de axuda para facilitar a conciliación dos estudos cos adestramentos e a práctica deportiva; a obtención do recoñecemento de ata 6 créditos ECTS pola súa actividade deportiva e a reserva non inferior ao 5 % en prazas das residencias universitarias.