DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por primeira vez contémplanse medidas para o fomento da paridade nos órganos de representación

A Universidade de Vigo elixirá reitor e Claustro o 20 de maio

Os procesos electorais comezarán o 15 de marzo coa publicación dos censos provisionais

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 04/03/2010

O xoves 20 de maio a Universidade de Vigo elixirá ao quinto reitor da súa historia. A Comisión Electoral reunida hoxe acordou o calendario definitivo do proceso de elección do máximo responsable da institución académica viguesa, así como o dos membros do Claustro que serán elixidos nunha votación que tamén se celebrará o 20 de maio.
O calendario para ambos procesos electorais arrancará o 15 de marzo coa publicación dos censos provisionais que serán definitivos o 7 de abril tras o proceso de reclamacións. Entre o 8 e o 14 de abril prolongarase o prazo de presentación de candidaturas que serán proclamadas de xeito provisional o día 23. Una vez finalizado o prazo de presentación de reclamacións o 3 de maio producirase a proclamación definitiva. O día seguinte, martes 4 de maio, é a data tope fixada para a presentación do equipo e liñas xerais do programa da cada candidato a reitor e o mércores 5 de maio comeza a campaña electoral que se prolongará ata o día 18. Trala xornada de reflexión do día 19, as votacións en ambos procesos realizaranse o día 20, procedéndose á proclamación provisional de resultados ao día seguinte. O proceso rematará o día 26 coa proclamación definitiva dos resultados. No caso da elección do reitor, caso que fose preciso, o día 27 celebraríase unha segunda votación.
“Agardamos a máxima participación da comunidade universitaria nun proceso fundamental como este”, sinala María Montero, presidenta da Comisión Electoral e vicerreitoría de Economía da Universidade de Vigo. Que o proceso chegue a bo fin e que se “desenvolva con toda normalidade” é o desexo manifestado pola presidenta da Comisión na que están representados o persoal docente e investigador (PDI), estudantes e persoal de administración e servizos (PAS).

Acción pioneira para o fomento da paridade no Claustro

A elección dos membros do Claustro contará desta volta cunha importante novidade que ten como obxectivo o fomento da paridade no máximo órgano de representación e control da comunidade universitaria. A Ley Orgánica 3/2007 para la Igualdad de Hombres y Mujeres, a Lei Galega de Igualdade e a modificación da LOU no 2007, impoñen un mandato para estruturar un réxime electoral que favoreza una composición paritaria nos órganos de representación universitarios. Así mesmo, os Estatutos da Universidade de Vigo, nos artigos 22 e 27, obrigan a establecer as normas necesarias para propiciar a paridade nos procedementos electorais. "Facendo seu este mandato”, explica María Montero, a Comisión Electoral acordou hoxe establecer no proceso de elección dos membros do Claustro un procedemento pioneiro que permita fomentar a paridade no Claustro e que se traduce en que os electores só poderán votar un número máximo de candidatos por cada xénero. En concreto cada elector poderá votar a un máximo dun 60% de candidatos dun xénero, resultando elixidos aqueles candidatos que obteñan maior número de votos. "Esta medida correctora", explica María Montero, "en ningún caso altera os principios básicos que caracterizan o proceso electoral na Universidade, como son os de liberdade individual de cada membro da comunidade universitaria a presentar a súa candidatura e o principio de representatividade".
A resolución aprobada hoxe pola Comisión Electoral será obxecto dunha ampla difusión entre a comunidade universitaria coa finalidade de dala a coñecer habida conta do seu carácter pioneiro. “Difundiremos esta novidade entre todos os sectores da comunidade universitaria antes da celebración das votacións”, sinala a presidenta da Comisión Electoral. O novo sistema que non garante que o resultado final sexa paritario, propicia, sen embargo, segundo explica María Montero “que os distintos grupos pensen na necesidade de presentar á elección, tanto a homes como a mulleres”.