DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo entra no futuro cun vídeo promocional

Realizado por estudantes e profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 15/09/2008

A desaparición das fronteiras para as universidades coa implantación do Espazo Europeo de Educación Superior ábrelles un amplo abano de posibilidades na procura de novos estudantes. Para darse a coñecer en todos estes países a Universidade de Vigo vén de presentar un vídeo promocional co que pretende darse a coñecer alén das nosas fronteiras. Baixo o título Entra no futuro, edítase en varios idiomas como inglés, francés ou o alemán, de xeito que pode ser un óptimo recibimento para os estudantes estranxeiros que cheguen á Universidade pero tamén unha fiestra que se abre para darse a coñecer tanto por Europa como polo resto do mundo. Segundo subliñou o profesor e director do vídeo, Xaime Fandiño, “a próxima tradución posiblemente sexa ao chinés”, unha das grandes potencias emerxentes.
Na presentación pública da peza audiovisual, o reitor Alberto Gago, salientou que se trata dun “produto integramente UVigo, pensado para o momento de captación de alumnos ao tempo que tamén conecta coa sociedade explicando o que somos e o que facemos”. Pola súa banda, Emilio Atrio, presidente do Consello Social, destacou a súa utilidade “para dar a coñecer todas as titulacións pero tamén para presentarnos ante as empresas”. Impulsado pola Vicerreitoría de Relacións Institucionais, o financiamento da rodaxe correu a cargo do propio Consello Social e a cinta será distribuída a todos os centros e profesores para que poidan empregala en todos os actos e presentacións da Universidade que estimen oportunas.

Sete minutos de experiencias persoais

Ao longo de sete minutos tres estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación interpretan a tres alumnos, un de cada campus, na súa vida diaria, dende a elección da carreira ata a adaptación ao seu centro e cidade de acollida. Unha francesa en Pontevedra, unha rapaza de Ribeira na ES de Enxeñaría Informática de Ourense e unha murciana en Ciencias do Mar no campus de Vigo serven de guías para achegarnos ás tres cidades facendo un percorrido pola oferta educativa, cultural e de investigación. Para o director, Xaime Fandiño, “foi un reto conxugar tres campus con todas as súas facultades e escolas, polo deixamos de lado todos os localismo e optamos por unha mentalidade moi internacional”. De feito, máis aló da Universidade este vídeo presenta diversas localizacións do sur de Galicia, a contorna dos campus, un pouco de historia e a vinculación dos centros cos sectores produtivos que son motores económicos de Galicia como a automoción, a pesca ou a alimentación. Neste sentido, saliéntase a situación privilexiada como punto máis próximo entre Europa e América e como parte do arco atlántico que conforma a euro-rexión Galicia Norte de Portugal.
Por outra banda, tamén hai un oco para a I+D+i e a vocación de transferencia da Universidade e a súa aposta pola mobilidade de estudantes e a arquitectura como factor diferenciador.

Un mes de traballo

Case integramente formado por estudantes e profesores da Universidade elixidos nun casting, o equipo empregou arredor dun mes na rodaxe, para a que contaron coa colaboración de produtora Faro. Para Fandiño, esta experiencia foi moi enriquecedora e aos estudantes que nela tomaron parte “facilitoulles o acceso a un proceso de produción do que saíu un produto con calidade para ser distribuído fóra da facultade. Isto servirá para poñernos no mapa, máis aló de Madrid e Barcelona”, vaticinou.