DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Teresa Nieves-Chinchilla, investigadora da NASA:

“A Universidade de Vigo estase a situar nun lugar punteiro nas que son as misións do futuro”

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 24/06/2010
Teresa Nieves-Chinchilla é unha destacada científica española que reside en Estados Unidos. Investigadora no Goddard Space Flight Center da NASA e no laboratorio norteamericano de Investigación Naval estes días visita España e hoxe achegouse á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación onde, baixo o título Un paseo ata o sol, desvelou as principais claves do seu traballo como “heliofísica” ou, o que é o mesmo, estudosa dos efectos da acción solar no medio interplanetario e na Terra.

Vostede traballa no primeiro centro espacial de voo da NASA. Poderíanos explicar de xeito sinxelo que tipo de tarefas leva a cabo?
Eu son física e, máis concretamente, heliofísica, o que fago é estudar os procesos que teñen lugar dentro da helioesfera. Todos estes procesos están provocados polo sol e cando chegan á terra provocan efectos, o meu traballo consiste en estudar eses fenómenos, a súa evolución no medio interplanetario e como podería isto chegar a afectarlle á Terra.

Podería mencionarnos algún exemplo deses efectos?
Por exemplo, as tormentas xeomagnéticas. Os eventos máis chamativos son as tormentas de masa coronal que son grandes explosións e emisións de plasma combinado con campo magnético e cando chegan á terra ese fenómeno combínase con campo magnético terrestre, dando lugar a fenómenos coma as auroras boreais, que son fermosos fenómenos que nos proporciona a natureza pero, á vez, tamén se poden producir tormentas xeomagnéticas, causantes nalgúns casos de alteracións nos nosos sistemas de telecomunicación.

Fala con entusiasmo de seu traballo pero, que é o que lle parece máis interesante?
Simplemente que fago o que realmente me gusta. Evidentemente no día a día hai moitas rutinas, pero estou traballando no que me gusta. Fago ciencia e colaboro con outras persoas de diferentes países. Evidentemente gustaríame traballar noutros proxectos en colaboración con España e levar a España neste viaxe de exploración espacial no que aínda andamos un pouco atrasados.

Nesa rede de colaboracións da que fala, está tamén a Universidade de Vigo?
Como dixen antes eu son científica e traballo nunha axencia aeronaútica na que se están facendo misións constantemente. O traballo dun científico e o dun enxeñeiro, aínda que ás veces parece enfrontado, é complementario e nunca se sabe moi ben onde empeza o dun e remata o do outro. Nesta Universidade hai moi bos enxeñeiros que están a facer un traballo excelente e absolutamente necesario.

Recentemente a Universidade foi elixida como sede europea da rede mundial de nanosatélites. Que opinión lle merece este feito?
Non podo darlles máis ca parabéns. Creo que esta Universidade se está a situar nun lugar punteiro que vai ser mirado por moitos países en Europa e fóra de Europa, en misións que hoxe son aínda pouco coñecidas pero que, desde o meu punto de vista, son as misións do futuro. Este tipo de satélites son moitísimo máis baratos ca os de misións máis grandes e insisto en que son as misións do futuro.

Imaxino que coñecerá tamén o proxecto do picosatélite Xatcobeo?
É unha iniciativa estupenda e a Universidade de Vigo está levándoa a cabo de forma extraordinaria. Oxalá haxa máis traballos deste tipo.

Para un universitario traballar na Nasa é un soño, imaxino que o camiño non foi doado.
Efectivamente eu considérome moi afortunada porque traballo nun lugar que podería ser o Real Madrid en primeira división. É posible e, igual ca min, podería facelo calquera outra persoa, aínda que evidentemente o esforzo ten que ir asociado. Eu animo a calquera a que traballe polos seus soños e trate de chegar a onde queira porque se pode facer. Eu conseguino, con 17 anos decidín que quería ser física e a NASA parecíame un lugar que estaba moi lonxe, pero anos despois cheguei alí, onde seguirei cando menos por uns anos.

En breves minutos iniciará a charla Un paseo ata o sol, que ideas vai tentar transmitir.
Se queremos colocar unha misión dentro da magnetoesfera terrestre esa misión vai estar afectada polo sol, aínda que nos protexa dalgunha maneira o escudo do campo magnético terrestre. Coñecer todos os fenómenos asociados, incluso as misións que nos proporcionou a historia, é fundamental e esta charla simplemente ten como obxectivo abrir as miradas ás persoas que queiran escoitala.