DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para Salustiano Mato este é ademais “o ano máis difícil no eido económico”

A Universidade de Vigo estrea curso con todas as súas titulacións adaptadas ao EEES

Con catorce novos graos e trece novos posgraos nos tres campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 13/09/2010

A Universidade de Vigo comeza o curso 2010-2011 con toda a súa oferta académica adaptada ao Espazo Europeo de Educación Superior e estreando catorce novos graos e trece novos posgraos nos tres campus. Complétase así un mapa de titulacións conformado por 51 graos, aos que hai que engadir a titulación propia de Graduado Universitario en Deseño Téxtil e Moda. Con todo, este novo curso está marcado polos recortes no financiamento e pola presentación do proxecto do Campus do Mar á convocatoria de Campus de Excelencia Internacional.

Neste sentido, o reitor Salustiano Mato apunta que este é “o ano máis difícil para a Universidade de Vigo no eido económico”. A Universidade conta neste exercicio económico 2010 cun orzamento de 176 millóns de euros, seis millóns de euros menos respecto ao 2009. Fronte a isto “tentaremos abrir a porta dos Campus de Excelencia Internacional a través do noso Campus do Mar, que nos permita transitar por un camiño cheo de oportunidades, que pode minimizar o impacto de crise e mesmo saír moi reforzados dela, mergullándonos de facto no eido internacional”.

Unha oferta totalmente adaptada a Boloña

Este curso 2010-2011 é o primeiro coa oferta académica totalmente adaptada ao EEES. En total ofértanse 52 titulacións, catorce delas novos graos, e 75 mestrados, trece deles tamén de nova implantación. Entres os novos graos hai que destacar a estrea de Ciencias Ambientais, Enxeñaría Agraria e Consultoría en Xestión da Información no campus de Ourense, Enxeñaría Forestal en Pontevedra e o campus de Vigo estrea os seis graos que se impartirán na Escola de Enxeñaría Industrial (Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais; Enxeñaría Eléctrica; Organización Industrial; Mecánica; Electrónica Industrial e Automática e Química Industrial), o Grao en Enxeñaría da Enerxía, o Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación e o Grao en Comercio.

Novas obras e infraestruturas

No tocante ás infraestruturas, este curso a principal aposta da Universidade é a adaptación das instalacións docentes ás esixencias do Espazo Europeo de Educación Superior, segundo explica o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García Vázquez. Ademais, continuarase traballando nas escolas infantís, estado prevista a apertura da de Pontevedra para o mes de xaneiro. No tocante ás dotacións de investigación, o vicerreitor salienta que “este curso estará rematado o novo CACTI e poderase comezar a construción do Cinbio”.

No campus de Pontevedra, a vicerreitora Antonia Blanco adiantou que tamén comezará a urbanización do campus con axardinamentos, acondicionamento dos viais e accesibilidade da contorna da Facultade de Fisioterapia, a Facultade de Ciencias da Educación e a EU de Enxeñaría Técnica Forestal. Por outra banda, dende a Vicerreitoría continúase a traballar no proxecto do Edificio das Artes e tamén no da residencia, coa idea de que esta última entre nos orzamentos do 2011.

En Ourense, ao longo do curso poñeranse en marcha as pistas deportivas e o campo de rugby e, segundo a vicerreitora do campus, María Lameiras, está prevista a finalización da gardería “de xeito que puidese entrar en funcionamento o vindeiro curso 2011-2012”. Ao longo deste novo curso no campus de Ourense comezará tamén a construción do novo edificio administrativo e das obras de soterramento da estrada que atravesa o campus, que axudará á reordenación do campus e a súa integración na cidade.

Boas perspectivas nos campus de Pontevedra e Ourense

Para as vicerreitoras dos campus de Pontevedra e Ourense o novo curso comeza en xeral con boas expectativas. Coa matrícula pechada en boa parte das titulacións do campus de Pontevedra, a vicerreitora Antonia Blanco destaca que “en Pontevedra temos varias titulacións exclusivas en Galicia que precisan de maiores gastos por desprazamento e aloxamento do estudantado e, aínda así, a demanda está sendo moi alta en época de crise económica”. De feito tan só teñen prazas vacantes tres titulacións, o novo Grao en Enxeñaría Forestal, Belas Artes e Dirección e Xestión Pública.

No que se refire ao campus de Ourense, María Lameiras explica que o curso comeza coa vista posta nas novas titulacións que se estran. “A resposta está sendo moi positiva, en especial ante os novos graos” con cinco titulacións coa matrícula pechada (Enfermaría, Educación Infantil, Educación Primaria, Ciencias Ambientais e Dereito). “O curso comeza con moita ilusión e ganas de traballar e moitos proxectos e ideas que sacar adiante”, apunta Lameiras, que aposta por potenciar e ampliar a oferta cultural e de lecer do campus “achegando máis a Universidade á sociedade e ao tecido empresarial, aínda que somos conscientes das limitacións económicas”.

No campus de Vigo está pechada a matrícula en oito titulacións: Bioloxía, Enfermaría no Meixoeiro, Dereito, Enxeñaría da Enerxía, Linguas Estranxeiras, Tradución e Interpretación nas especialidades español-inglés e español-francés e galego-inglés.

Primeiro día de clase e boas expectativas de matrícula

Á espera dos exames de selectividade de setembro, que se celebrarán os vindeiros 15, 16 e 17 deste mes, os datos de preinscrición nas titulacións da Universidade de Vigo marcan unha senda bastante positiva. Dos 13.800 do curso 2009-2010 pasouse a 17.400 neste curso, a falta dos últimos prazos de preinscrición e tamén de matrícula.

Para os que xa están matriculados o curso comezou hoxe con actos de benvida de cursos 0 en case todos os centros, aínda que o acto oficial de inauguración do curso da Universidade de Vigo se celebrará o vindeiro 24 de setembro no campus de Ourense.

A futura Escola de Enxeñaría Industrial foi un dos centros que celebrou actos de recibimento ao novo estudantado, tanto na Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Industrial como na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais. Ambos actos contaron coa presenza dos directores das dúas escolas, Carlos Vivas e Luís González Piñeiro, que destacou "o aforo da futura escola contando xa con 450 matriculados sen contar coa selectividade de setembro e os que provirán do plan vello e a próxima unificación nun único centro dando lugar á Escola de Enxeñaría Industrial" que en palabras de Ana Mejías, subdirectora da ETSEI, "será o mellor centro da Universidade de Vigo".

Pola súa banda, a Escola Universitaria de Estudos Empresariais de Vigo recibiu aos integrantes do que será a 1ª promoción do Grao en Comercio cunha lección inaugural impartida polo profesor Jorge González Gurriarán, titulada La formación como oportunidad: Una experiencia vital.

Os campus de Ourense e Pontevedra tamén celebraron actos de apertura do novo ano académico. A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, por exemplo, comezou o curso cunha conferencia da man de Ricardo Mattos, director xeral do Grupo Modelo, empresa mexicana coñecida mundialmente pola produción de cervexas como Coronita, Negra Modelo e Pacífico.