DUVI

Diario da Universidade de Vigo

II Encontro de reitores de universidades rusas e iberoamericanas

A Universidade de Vigo fai patria en Rusia

O vicerreitor de Relacións Internacionais presentou a Vigo como unha ponte con Latinoamérica

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 05/04/2011
Preto de 4500 quilómetros separan Galicia de Rusia, unha distancia que se disipa cando existe interese por ambas parte por estreitar lazos e que queda patente entre as universidades rusas e as iberoamericanas. O Encontro de reitores é o foro de debate máis apropiado para determinar estratexias comúns e achegar ambas partes do mundo no eido educativo e nel, a Universidade de Vigo, participa presentándose como “unha ponte entre Rusia e os países latinoamericanos”. A segunda edición deste encontro reuniu hai uns día a representantes de 150 universidades españolas, rusas e sudamericanas en Moscova, entre eles, o vicerreitor de Relacións Internacionais de Vigo, Manuel J. Fernández Iglesias.

Este encontro ten como obxectivo debater, reflexionar e crear as mellores condicións para que a modernización e a internacionalización das universidades se leve a cabo en termos de apertura, flexibilidade e pluralidade. Ao longo de dous días 23 reitores e vicerreitores españois, encabezados polo ministro de Educación, Ángel Gabilondo e o director da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas, Federico Gutiérrez-Solana, achegaron posturas cos seus homólogos en temas de docencia, ciencia, I+D, mobilidade, cooperación e idiomas.

O respaldo institucional a este evento veu da man do ministro de Educación da Federación de Rusia, Andrei Fursenko; o reitor da Universidade Estatal Lomonósov de Moscova, Víctor Antovich Sadovnichi; e o embaixador de España en Rusia, Juan Antonio March.

Unha oportunidade de expandirse

Neste encontro, a Universidade de Vigo aproveitou para realizar contactos con institucións rusas e latinoamericanas co obxectivo de definir proxectos comúns, “subliñando o valor internacional da nosa Universidade como lugar para estudar, para facer ciencia, e mesmo para desenvolver iniciativas de cooperación internacional baseadas no coñecemento”, explica Manuel J. Fernández Iglesias, vicerreitor de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo. O representante vigués aproveitou a celebración deste evento para destacar o papel de “ponte entre latinoamérica e a federación rusa que a nosa universidade está chamada a desenvolver”. Fernández Iglesias destacou a situación xeográfica privilexiada da Universidade de Vigo, dentro de Europa, fronteiriza con Portugal e mirando cara ao Atlántico que a posiciona nun lugar estratéxico para as relacións internacionais. Por outra banda, o Campus do Mar foi tamén foco de atención nesta xuntanza, na que tamén se mantiveron intensos contactos con universidades latinoamericanas, “tentando converter a Vigo no eixo de proxectos innovadores a tres bandas”.

Entre outras accións, a Universidade de Vigo estableeu contactos con diversas institucións rusas en San Petersburgo, Moscova e Perm para axilizar o desenvolvemento das iniciativas en curso promovidos pola comunidade universitaria viguesa, e para promover novos convenios con novos socios que faciliten o intercambio de estudantes e o desenvolvemento de proxectos comúns. As bases comezan a sentarse para colaboracións futuras co respaldo que supón o interese da cidadanía rusa polo español, idioma que estudan neste momento arredor de 100.000 persoas.