DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José Manuel Silva, director xeral de Agricultura da UE, nomeado Honoris Causa no acto de San Tomé

A Universidade de Vigo festexa o seu patrón coa ollada posta en Europa

81 novos licenciados, graduados e doutorados recolleron os seus premios extraordinarios

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 27/01/2012

Cun minuto de silencio e a magoa debuxada na faciana dos presentes na praia coruñesa de Orzán arrincaba este ano o acto de celebración de San Tomé de Aquino. Por primeira vez, a Universidade de Vigo celebrou o seu patrón no campus de Pontevedra, cun marcado acento europeísta e centrado nos axustes que sofre a I+D nun momento de crise económica como o actual. Un contexto no que os 81 novos Premios Extraordinarios de Fin de Carreira, de Grao e de Doutoramento compartiron protagonismo con José Manuel Silva, director xeral de Agricultura da Unión Europea con máis de 25 anos de traballo a prol do impulso da transferencia do coñecemento e da potenciación das relacións entre universidade e empresa e dun apoio decidido á investigación e o desenvolvemento empresarial nas pemes europeas. “É un home con unha ampla visión e fondo coñecemento do que acontece no mundo enteiro, pero tamén un home conectado a cotío connosco”, destacou o reitor, Salustiano Mato.

Unha aposta pola investigación

No salón de actos da Escola de Enxeñaría Forestal, o reitor aproveitou o acto de celebración para salientar as oportunidades que ofrece o espazo común europeo, cheo de “incentivos externos e oportunidades para medrar e mellorar”. Co Espazo Plan Boloña transformando o panorama universitario en medio dunha profunda crise que “pon en risco potencial o éxito da nosa estratexia”, Mato avogou por facer un esforzo continuo nun eido onde “é tan difícil consolidar equipos como doado desmantelalos”. “A investigación e a transferencia de coñecemento reclaman atención crecente se queremos excelencia e internacionalización: os nosos recursos humanos non son unha goma de mascar que poidamos estirar sen límite”, subliñou.

Escudándose en proxectos como o Campus do Mar, o Vigo tecnolóxico, o Campus da Auga ou a Rede Aloia, o reitor vigués destacou que para poder ofrecer ideas “de futuro, ilusionantes, internacionalizadas e competitivas” nos tempos que corren é preciso apoiarse “non só sobre os ombreiros autonómicos, estatais e europeos, senón tamén fondamente baseadas nas interrelacións con concellos, deputacións, empresas e organismos públicos e privados”. “Sabemos que somos ambiciosos e que afrontamos dificultades non pequenas”, sinalou, “pero non podemos nin sabemos traballar de outro xeito. Na Universidade de Vigo temos o máis importante: o capital humano e unha estratexia global”.

Implicado co Campus do Mar

O vixésimo segundo Honoris Causa da Universidade de Vigo recolleu emocionado das mans do padriño, o profesor Enrique Valero, os tradicionais atributos: o libro da ciencia e sabedoría, o anel como emblema do privilexio de asinar ditames e as luvas brancas como símbolo da fortaleza. Ante unha sala ateigada, Silva quixo agradecer “a grande honra que me fai unha universidade galega, dinámica e con grandes retos de futuro nos que espero poder participar”. Melómano, lector empedernido e un apaixonado das viaxes, o propio Valero aproveitou a laudatio para definir a José Manuel Silva como “un exemplo de superación persoal e profesional que forma parte da nómina de galegos ilustres que se abriron camiño nos ambientes máis competitivos do mundo”. A el tocoulle un ámbito europeo ao que se incorporou en 1986 e no que fixo unha clara aposta polos programas que potencian a circulación de investigadores, docentes e estudantado para “a clara transferencia do coñecemento”. Cun discurso baseado nos retos dun sector agrario en “desequilibrio”, o novo Honoris Causa destacou a súa implicación persoal co Campus do Mar, “unha iniciativa da que son seguidor”.

Silva estivo arroupado por unha destacada representación do mundo académico, político, económico e social nunha cerimonia emotiva que innovou incluso no programa musical do Coro Universitario, que amenizou o acto con cancións compostas polo propio director xeral “xunto co seu amigo Xavier Alcalá alá polos anos 70”. Así, ademais de amigos da súa Chantada natal, entre o público podíase ver a Rosa Mª Quintana, conselleira de Medio Rural e do Mar; a Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdG-PSOE; a Carlos Varela, Fiscal Superior de Galicia; á deputada Irene Garrido; a María José Bravo Bosch, nova delegada da Xunta en Vigo; ou mesmo á ex ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa.

Primeiros premios extraordinarios de Grao

A celebración quixo ser unha homenaxe a unha carreira consolidada, pero tamén ás promesas de futuro. A Universidade de Vigo festexou a excelencia académica dos seus novos talentos a través de 27 Premios Extraordinarios de Doutoramento, de 47 de Fin de Carreira e de sete de Grao, que se entregaban por primeira vez. Un recoñecemento “a unha labor que cada vez custa máis” polos constantes recortes, como asegurou o premiado Alfonso Rodríguez, unha das 155 persoas que acabaron o seu doutorando no 2010-2011. As tecnoloxías mandan entre os novos doutores, xa que o pasado curso léronse 51 teses dese ámbito fronte ás 48 xurídico-sociais, ás 42 científicas e ás 14 humanísticas.

O Gaudeamus Igitur e dous toques de maza pecharon un emotivo acto de San Tomé.

José Manuel Silva: "A I+D vai ser a gran canalizadora da modernidade no mundo agrícola"

Salustiano Mato reivindica o papel da Universidade como investimento de alta rendabilidade social

A Universidade recoñece a excelencia do seu ben máis prezado