DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reunión do reitor Salustiano Mato co conselleiro delegado da compañía, Ignacio Colmenares

Universidade de Vigo e Grupo Ence abrirán tres novas vías de traballo para mellorar o sector forestal

Caldeiras máis eficientes, novos sistemas de organización do traballo e as pragas do eucalipto, os r

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 20/02/2012
Harmonizar as capacidades coas necesidades do mercado. Ese é o obxectivo principal da nova etapa de colaboración que Universidade de Vigo e Grupo Ence queren abrir e que levará ás dúas institucións a traballar man a man para mellorar o sector forestal a nivel nacional. Ao abeiro da Cátedra Ence, as dúas entidades porán enriba da mesa proxectos baseados en tres eixos principais para acadar un maior aproveitamento enerxético e novos sistemas de traballo. “Aínda que o epicentro pivotaría sobre a enxeñaría forestal, trataríamos de ser multidisciplinares e conformar equipos formados por expertos de todos os campos necesarios”, recalcou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, tras a reunión co conselleiro delegado da compañía, Ignacio Colmenares, e o director do Centro de Operacións de Ence en Galicia, Antonio Casal.

Un dos primeiros proxectos xiraría arredor do aproveitamento da biomasa forestal co deseño de caldeiras cun maior poder calorífico e, por tanto, un maior rendemento enerxético. O segundo eixo suporía a constitución dun equipo de investigación que desenvolva métodos máis eficaces na loita contra as pragas de insectos que sofren os eucaliptos e que instauren prácticas silvícolas máis ecolóxicas. A terceira liña de actuación afondaría na formación dos traballadores e no xeito de minimizar os riscos laborais, “sobre todo na fase de tala da madeira”. “A idea é deseñar unha formación especializada coa que poder introducir sistemas innovadores na organización do traballo durante o procesado”, asegurou Mato.

Esta reunión supuxo a primeira toma de contacto entre ambas institucións para “visibilizar posibilidades de colaboración”. A partir de agora a Universidade de Vigo formará distintos grupos de traballo para actuar de interlocutores e desenvolver un plan de acción de cada un dos campos. Os responsables do Grupo Ence fixeron unha valoración moi positiva do encontro e sinalaron a importancia da colaboración empresa-universidade “para a xeración de coñecemento, o fomento da competitividade e a creación de riqueza sostible”.

Carta de presentación da Rede Aloia

O reitor aproveitou a reunión para presentarlle á celulosa a Rede Aloia, un proxecto que une os intereses investigadores, docentes, económicos e sociais para xerar un ecosistema de coñecemento no ámbito forestal de referencia no noroeste peninsular e que conta coa participación da Escola de Enxeñaría Forestal, da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, da Escola Forestal de Lourizán e da Misión Biolóxica de Galicia. “Danos máis capacidade á hora de resolver todos os retos que se nos presentan”, subliñou o reitor.

Máis dunha década de vida

A Cátedra Ence naceu en 2001 froito dun convenio de colaboración entre Universidade e o Grupo Ence para levar a cabo de forma conxunta proxectos de investigación e actividades educativas e de formación práctica como soporte para o desenvolvemento de novas tecnoloxías relacionadas coas masas forestais. Un dos obxectivos é obter prestixio internacional e financiamento para levar a cabo iniciativas que beneficien a ambas institucións.