DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Santiago Domínguez presentoulle ao reitor as pautas do futuro plan municipal nesta materia

A Universidade de Vigo e o Grupo Municipal do BNG achegan posturas sobre emprego

Salustiano Mato reafirmou a postura dos reitores galegos en contra da suba das taxas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 09/05/2012
Cun índice de paro xuvenil que duplica á media da Unión Europea, o desemprego entre os mozos e mozas debe ser unha prioridade para calquera administración pública e en especial para as universidades, das que saen cada ano novos titulados cunha alta formación e capacitación. Sobre as medidas necesarias neste campo versou a xuntanza que o reitor da Universidade, Salustiano Mato, mantivo este mércores co Grupo Municipal do BNG no Concello de Vigo. O seu portavoz, Santiago Domínguez, acompañado polos concelleiros Iolanda Veloso e Xabier Alonso presentáronlle ao reitor o futuro Plan Municipal de Emprego que, segundo Domínguez se porá en marcha “unha vez sexan aprobados os orzamentos municipais, ao longo deste mes de maio”. Domínguez explicou que lle trasladará ao Concello a necesidade de que a Universidade forme parte activa deste futuro plan que, segundo o reitor, “agardamos se traduza en primeiros empregos para os nosos egresados, mozos e mozas formados e altamente cualificados”. E é que para o voceiro do Bloque Nacionalista Galego, “este plan ten que servir, non só para a reinserción laboral de parados de longa duración, senón tamén para axudar na procura do primeiro emprego aos novos titulados”, e lembrou que “temos experiencia dabondo para saber que a Universidade de Vigo ten esa capacidade de acción e de vehiculizar parte deste Plan Municipal de Emprego”.

Será o Goberno local quen determine o papel que a institución académica terá nesta iniciativa, decisións que deberán ser tomadas unha vez se constitúa a Mesa polo Emprego. O plan de emprego está pendente da aprobación definitiva dos orzamentos e terá unha dotación de 5.300.000 euros, segundo avanzou Domínguez, unha medida que agarda sirvan para mitigar o constante incremento do número de persoas desempregadas dende o comezo da crise económica.

Esta xuntanza enmárcase dentro das visitas que o Grupo Municipal do BNG está realizando ás diferentes entidades, como comunidades montes, asociacións de veciños e organismos de ámbito social para dar a coñecer esta iniciativa. Segundo explicaron Mato e Domínguez, o plan servirá tamén para retomar unha idea na que a Universidade e o BNG, dende a anterior corporación local, tentaron poñer en marcha, un plan de emprego xuvenil “que agora pode atopar unha vía de desenvolvemento”.

A Universidade, en contra da subida das taxas

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación o reitor reafirmou a postura das tres universidades galegas en contra da suba das taxas académicas. “Os tres reitores rexeitamos un decreto que é para Galicia inoportuno e inoperante porque case todo o que se indica nel xa o estamos facendo e dunha maneira máis eficiente e esixente e sen alterar a vida da comunidade universitaria, sen danar o obxectivo principal da nosa Universidade, que é ser un servizo público”.

Salustiano Mato tamén avanzou que no caso de que a aplicación da subida “sexa por imperativo legal”, esta será mínima. Para iso os reitores están traballando coa Xunta de Galicia para minimizar o impacto de dúas medidas: a dedicación do profesorado e a suba das taxas. “Se se produce o incremento” avanzou o reitor, “demandaremos que se dedique o 100% ás bolsas para estudantes”. Sobre a porcentaxe dese aumento, os reitores galegos defenden que o cálculo ten que facerse en función do custe real dos estudos, do que lles custa aos contribuíntes que un mozo estude unha carreira. “Se en Galicia, polo financiamento público que temos, unha carreira custa a metade que en Madrid, ese 15% ten que ser do que lles costa aos contribuíntes en Galicia, porque se facemos un prezo medio estamos penalizando aos que estamos sendo máis eficientes”. Actualmente en Galicia os prezos de matrícula representan arredor do 14% do que custa realmente, segundo as cifras que achegou o reitor, “polo que se se aceptan as propostas dos reitores, o incremento sería o mínimo para a acadar o 15%”.

En relación á xornada de mobilizacións convocada para mañá xoves, o reitor amosou o seu apoio ao estudantado, “deben saber que as institucións estamos con eles e que a postura das universidades galegas xa foron transmitidas aos representantes dos alumnos no Claustro”, postura que tamén lle foi trasladada aos estudantes pechados na biblioteca de Torrecedeira.