DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Debido ao cambio de titularidade de Povisa e á adaptación ao novo marco normativo

Universidade de Vigo e Grupo Ribera renovan convenio de adscrición e lanzan unha cátedra en innovación e saúde

Os acordos facilitan a integración do PDI da EU de Enfermaría aos grupos de investigación da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI 05/02/2024

A Universidade de Vigo e o grupo sanitario Ribera acaban de asinar dous convenios de colaboración cos que renovar e impulsar a xa estreita colaboración entre ambas entidades. Trátase, por unha banda, da renovación do convenio de adscrición a dita universidade da Escola Universitaria de Enfermaría Ribera-Povisa e, pola outra, da creación dunha Cátedra en Innovación e Saúde. Os acordos serán presentados de maneira institucional en próximas datas, pero desde ambas entidades adiantan xa que se trata dunha colaboración “estratéxica” que permitirá a posta en marcha de múltiples iniciativas conxuntas, tanto no ámbito da docencia como da investigación.

No caso do convenio de adscrición é unha renovación do xa existente, asinado en xuño de 1991, debido ao cambio de titularidade de Povisa ao grupo Ribera Salud e a súa adaptación ás novas leis.  Nesta liña, o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, destaca que o renovado documento establece o procedemento de acceso do persoal da EU de Enfermaría Ribera Povisa aos diferentes programas de formación que se imparten na Universidade de Vigo, “entre eles, os cursos para profesorado novel, obrigatorios para as novas figuras de profesorado axudante doutor”. Así mesmo, inclúese tamén o apoio e colaboración para o desenvolvemento da actividade investigadora do profesorado da escola, “o que permitirá a integración destes docentes nos grupos de investigación da UVigo e nos proxectos de investigación colaborativos entre ambas entidades de acordo coa lexislación vixente”, recalca o vicerreitor.

“O labor do CPR de FP Povisa e da EU de Enfermaría Ribera-Povisa no noso centro de estudos en Vigo permítenos ofrecer unha formación da máxima calidade dende 1991, tanto a profesionais de Enfermaría como a técnicos superiores, e marca o camiño a seguir no futuro. No grupo Ribera, temos un firme compromiso coa docencia e a formación continua dos traballadores do ámbito sanitario e, nesta liña, este convenio abre novas posibilidades, tanto académicas como laborais, aos nosos profesionais. Como valor engadido, creamos novas sinerxías coa Universidade de Vigo, un pilar básico no progreso do benestar da sociedade”, explica Elisa Tarazona, conselleira delegada do grupo Ribera.

Proxectos de investigación e innovación conxuntos

A nova Cátedra Ribera-Povisa en Innovación e Saúde traerá consigo a creación dun programa de desenvolvemento académico-profesional que, entre outras cuestións, axude á consecución do título de doutor aos docentes da Escola mediante a súa incorporación aos programas de doutoramento da UVigo. Ao tempo, tamén se tratará de desenvolver programas e actividades encamiñadas a potenciar o coñecemento e a utilización de novas técnicas e ferramentas coas que dotar ao alumnado e aos profesionais da Escola Universitaria de Enfermaría Ribera-Povisa de recursos de vangarda. A maiores, prevese que a Cátedra Ribera-Povisa dea tamén acubillo a posibles proxectos de innovación e liñas de investigación do ámbito sanitario relacionados cos diferentes programas de doutoramento.

“Precisamente, un dos obxectivos principais da cátedra é que os docentes de Enfermaría nun futuro acaden o título de doutor e, polo tanto, poidan participar en todas as actividades de investigación da Universidade, integrarse nos grupos que xa hai ou crear outros novos, disfrutar das axudas de investigación, de mobilidade, de doutoramento, etc.”, explica a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, ao que engade que con esta cátedra iniciaránse algunhas accións de proxectos, mobilidades, etc. para conseguir este obxectivo “o máis axiña posible”. 

“En sanidade é indispensable a formación continua e a investigación, e coa cátedra Ribera-Povisa aumentan as oportunidades de estudo, e amplíase o potencial de avanzar e mellorar na atención sanitaria”, engade Elisa Tarazona.