DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Gala do Deporte espera reunir o venres no Edificio Politécnico a preto de 300 persoas

A Universidade de Vigo homenaxea aos seus mellores deportistas nun acto lúdico

O actor ourensán Sergio Pazos presentará o acto xunto coa tamén actriz Déborah Vukusic

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 18/05/2010

Un acto de recoñecemento público dos máis insignes deportistas da Universidade de Vigo ante todos os membros da comunidade universitaria mediante a entrega dos premios á excelencia académica. É o obxectivo fundamental da Gala do Deporte, unha iniciativa organizada pola Vicerreitoría do campus e o Servizo de Deportes coa colaboración do Consello Social da institución cuxa XIX edición se desenvolverá este venres pola tarde no campus. Ademais da entrega de premios o acto inclúe outras actividades como monólogos, actuacións musicais en directo, espectáculos de maxia, sorteo de agasallos e proxeccións audiovisuais das que poderán gozar as preto de 300 persoas que os organizadores esperan reunir na Aula Magna do Edificio Politécnico para a celebración do evento. Rodrigo Alberte, técnico do Servizo de Deportes do campus, cualifica a iniciativa como “a gran festa do deporte da Universidade de Vigo cuxa finalidade está non só en recoñecer o traballo desenvolvido polos nosos mellores deportistas ao longo do ano académico senón tamén en dar a coñecer o noso servizo a toda a comunidade universitaria e poñer o punto e final a esta temporada 2009-2010”, sinala.

Torneo de Copa Intercampus

As actividades comezarán xa pola mañá no pavillón universitario coa celebración da fase final do Torneo de Copa Intercampus, unha competición na que se enfrontan os equipos gañadores dos tres campus da Universidade de Vigo nas modalidades de baloncesto, balonmán, fútbol 7 e fútbol-sala. Paralelamente os integrantes dos equipos de persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos xogarán tamén as respectivas finais nas modalidades de tenis, paddel e fútbol 7 masculino.
Xa pola tarde a gala comezará ás 19.00 coa entrega dos premios destes dous campionatos e con máis recoñecementos como o que se lle brindará aos deportistas de calquera modalidade que tiveran conseguido algunha medalla nos campionatos de España universitarios e ás seccións federadas de equipos. No transcurso do acto tamén se entregarán os Premios de Excelencia, uns galardóns que recoñecen o expediente académico e deportivo de dous estudantes e que se decidirán entre seis candidatos. Con todo Rodrigo Alberte subliña que os premios máis importantes van ser os que se lle concedan a un profesor da Universidade de Vigo polo seu traballo a prol do deporte e a un ex-alumno da institución académica que destaque na práctica deportiva a nivel profesional

Actuación de Sergio Pazos e Déborah Vukusic

Explica Rodrigo Alberte que unha das principais finalidades da gala é o seu carácter lúdico “e, con este motivo, un dos pratos fortes vai ser a participación da filóloga e actriz Déborah Vukusic e do popular actor e reporteiro ourensán Sergio Pazos, que presentarán o acto”. Está previsto ademais que Sergio Pazos interprete algún monólogo aproveitando toda a súa experiencia como actor televisivo –especialmente coñecido polo papel de Paspallás que interpretou na serie Pratos Combinados, da Televisión de Galicia- e reporteiro no programa de entretemento Caiga quien caiga.