DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Universidad Tecnológica de Honduras desenvólvese o curso de Especialista en Automatización Indust

A Universidade de Vigo imparte por primeira vez un título propio de especialista nunha institución estranxeira

32 docentes asisten ao curso que dirixe José Ignacio Armesto

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 30/03/2009

A Universidade de Vigo exporta a súa formación ao estranxeiro, concretamente ao mercado universitario latinoamericano. Por primeira vez un título propio de especialista da Universidade de Vigo, Automatización Industrial, cruza o charco para ser impartido de forma presencial e intensiva ao profesorado dunha institución estranxeira, a Universidade Tecnolóxica de Honduras. Dirixidos por José Ignacio Armesto, un grupo de docentes da Universidade de Vigo permanecerá hasta o mes de xuño en Honduras, impartido a un total de 32 profesores da Universidad Tecnológica de Honduras, as 210 horas que compoñen a carga docente do curso Especialista en Automatización Industrial.
A recente creación na Universidad Tecnológica de Honduras da titulación de enxeñaría electrónica industrial, sumado ao feito de que o país ten unha incipiente industria en sectores como o téxtil, levou á universidade hondureña a implicarse na formación de profesionais do sector. “Cando comezaron a buscar quen podería formar aos seus docentes na utilización de materiais da empresa SIEMENS que adquiriran para dotar os seus laboratorios, localizaron a través da rede as xornadas e ciclos de conferencias que nos organizamos sobre automatización industrial”, explica José Ignacio Armesto. O que comezou como un diálogo de colaboración, derivou primeiro nunha invitación a asistir a un congreso e finalmente na celebración do curso que agora se está a impartir.

Formación para un novo mercado

Creada en 1986, a Universidad Tecnológica de Honduras, imparte na actualidade seis enxeñarías, oito licenciaturas e sete mestrías, nun total de sete campus. No de San Pedro Sula, o primeiro en fundarse, é onde unha trintena de docentes reciben estes meses o curso que unha vez superado permitiralles obter un título propio de Especialista en Automatización Industrial da Universidade de Vigo.
“Creo que axudar aos docentes de universidades doutros países a enriquecer a súa formación cos coñecementos dos que aquí dispoñemos, é moi gratificante”, asegura Armesto que asegura que “en Honduras recibíronnos con moito cariño, agradecemento. Realmente teño a sensación de estar como na casa e de ter gañado un puñado de bos amigos”.
Pero máis alá das relacións interpersoais, resulta innegable o interese que un mercado universitario como o latinoamericano ten para outras institucións académicas. “Creo que o mercado universitario latinoamericano demanda a colaboración en formación tecnolóxica das nosas universidades e considera que unha actitude proactiva cara esa colaboración, sen dúbida vai mellorar o status da nosa Universidade”, sinala o director do curso.

Detalles do curso de especialista

O curso que se imparte en colaboración coa empresa SIEMENS, desenvólvese por primeira vez fóra da Universidade de Vigo, tras dous anos celebrándose na institución viguesa. O programa está composto por un módulo teórico no que se abordan cuestións como programación de autómatas ou redes de campo para as comunicacións industriais e un módulo práctico con exercicios e visitas guiadas. Aínda que no caso da UTH son docentes os que asisten ao curso, este está orientado tamén a titulados universitarios de primeiro e segundo ciclo encamiñados á implantación, mantemento e xestión de sistemas automáticos no ámbito industrial que acrediten un mínimo de tres anos de experiencia profesional.