DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No II Trofeo Interuniversitario Eurorrexional de K-4

A Universidade de Vigo imponse nas augas no Miño

Acadaron a vitoria en categoría feminina e mixta

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 03/10/2011
Máis dun ano despois de que os barcos dragón tomasen Miño na primeira edición do Trofeo Interuniversitario Eurorrexional, este sábado os universitarios de ambas beiras do río volveron ao río desta volta en K-4. A regata deixou un claro triunfador nunha xornada na que as vitorias importaban menos que as experiencias compartidas, pero o equipo da Universidade de Vigo impúxose en categoría feminina e mixta, facéndose así co triunfo global.

Os padexeiros botáronse a auga ás 12.00 horas da mañá na primeira das categorías á altura do Centro Interfederado de Tui, no que estaba situada a saída e a meta, dando a volta na Ponte Internacional, e percorrendo unha distancia total de 1000 metros. A pesar de varios emborcamentos dos botes, a regata transcorreu con normalidade e rodeada dun ambiente festivo propio desta xornada de confraternización entres as tres universidades galegas e as do norte de Portugal (Universidade de Porto, Universidade de Minho e Universidade de Tras-os-Montes Alto Douro). En total competiron 48 piragüistas representando ás seis universidades, boa parte deles cun ampla a recoñecida experiencia nesta modalidade de k-4. O equipo vigués estaba conformado por Diego Piña, do grao en Ciencias da Educación Física e do Deporte; Roberto Rodríguez, do grao en Enxeñería Industrial; Sergio Pérez, de Ciencias da Actividade Física e do Deporte; Pedro Ferro, de Enxeñería Industrial; Brais Sánchez, de Fisioterapia; Belén Pose, da diplomatura de Educación Infantil; Natividad Busto, da diplomatura de Enxeñería Técnica Industrial; Verónica del Valle, da diplomatura de Educación Física, Silvia Rodríguez, de Administración e Dirección de Empresas e Tania Fernández, estudante de Fisioterapia.

Xornada lúdica e de confraternización

Con esta iniciativa téntase tender unha ponte entre o sistema universitario galego e o do norte o país luso, e non só con actividades deportivas, xa que a xornada estivo amenizada por numerosas actuacións musicais e culturais do Espazo de Danza da UDC, a Vibratuna da UTAD e a Tuna Universitaria da UPorto, que fixeron gozar ao público, xunto co espectáculo dos Bomboémia da UMinho.

O evento coincidiu tamén coa celebración da Festa das Tasquinhas en Valença do Minho (Festa da Desfolhada), polo que a gastronomía tivo o seu lugar destacado neste día. Esta regata, organizada pola Fundación CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais) en colaboración co concello de Tui e da Cámara Municipal de Valença do Minho, pretende seguir ano a ano afianzándose como punto de encontro entre os universitarios de ambas marxes do río Miño, estreitado lazos e fomentando a cooperación entre as universidades, ao tempo que se promove a práctica regular de actividade física e o coñecemento da cultura de cada un dos países.

No camiño da 'eurouniversidade'

A Fundación CEER é unha estrutura que aglutina as universidades públicas de Galicia e do norte de Portugal co obxectivo e a esencia de procurar sinerxías e complementariedades no ámbito académico e da innovación. Este organismo ten tras de si e como marco de referencia o ámbito eurorrexional arredor do cal se organiza un programa diverso de actividades e iniciativas, entre elas esta regata que vai xa pola segunda edición e á que os organizadores auguran un futuro prometedor.

No convenio marco que permite a celebración desta proba deportiva toman parte 17 institucións e organismos e fano coa esperanza de que, cos anos, esta regata poida ter unha repercusión para contorna tan relevante como a que teñen algunhas tan míticas como a de Oxford-Cambridge ou, máis preto da casa, a que se celebra na ría de Bilbao e que mobiliza a boa parte da cidade para animar aos universitarios.

Con eventos como este, dende a FCEER preténdese tamén achegarse á sociedade, achegar as universidades á contorna e ás institucións e poder poñerse ao seu servizo para o desenvolvemento económico e social dunha eurorrexión que conta con 7 millóns de habitantes. As seis universidades aglutinan a 150.000 universitarios e a 12.000 investigadores e profesores, unha masa crítica que podería dar pé, se se traballa arreo e da man, a falar nun futuro dunha ‘eurouniversidade’.