DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os vigueses caeron ante o Quesos Entrepinares por 44 a 25 despois dunha boa segunda parte

O Universidade de Vigo Iveco apéase da Copa do Rei

O sábado celebrouse unha concentración infantil no campus con máis de 200 nenos e nenas

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 19/12/2011

A Copa do Rei non lle deparou ao Universidade de Vigo Iveco máis sorte da que está a ter na competición ligueira. O seu enfrontamento desta fin de semana co VRAC Quesos Entrepinares saldouse cunha derrota por 44 a 25, o que supón a eliminación dos universitarios da Copa do Rei. Os universitarios chegaban a este encontro con poucas posibilidades tras caer derrotados no primeiro partido ante o Gernika por un punto e sen depender xa deles mesmos.

O encontro reproduciu os erros máis comúns da tempada, na defensa e no manexo do balón. Polo contrario, o equipo amosouse moi contundente en ataque realizando xogadas de ‘pick and go’ que facían retroceder moitos metros ao equipo rival e dotaban ao partido de doses de dinamismo e permitiron ver momentos de gran calidade do xogo.

Tras unha primeira parte moi igualada o VRAC comezou a destacar no marcador nos últimos 15 minutos, xa que o marcador era ata ese momento de 30 a 25. Despídese así o Iveco da competición e centra os seus esforzos e aspiracións en levantar o vo na División de Honra e poder conservar a categoría. Monreal e Maxwell aproveitaron a Copa do Rei para darlle minutos aos xogadores do segundo equipo, que demostraron terse acoplado moi positivamente á dinámica do xogo. Entre eles destacaron Carlos López Marqués, Adolfo Uruburo, Daniel Vázquez Almusende e Javier Abadía aínda que tamén tivo minutos o grego Nikos Mavreas.

Categorías inferiores

Pola súa banda, o equipo xuvenil aproveitou o traslado a Valladolid para xogar un amigable tamén fronte a categoría inferior do VRAC, ante a falta dunha liga regular da categoría a nivel rexional. O choque saldouse tamén con derrota para os vigueses, por 32 a 15, ante un dos clubs con mellor canteira del rugby español.

O segundo equipo, que milita na liga galega, si foi que de acabar a fin de semana con vitoria, desta volta tróuxoa de Santiago, onde venceu ao Santiago Rugby por 7 a 41. Deste xeito, os universitario seguen líderes da categoría e invictos tras 10 xornadas.

Paralelamente a estes encontros, o campus universitario de Vigo acolleu na xornada do sábado unha concentración de rugby infantil na que participaron arredor de 200 nenos e nenas de toda Galicia. 100 deles pertencen á Escola de Rugby Infantil do club que estiveron acompañados por xogadores das categorías inferiores do CRAT de A Coruña, Zalaeta de A Coruña, Lalín Rugby Club, Pontevedra Rugby e Os Ingleses de Vilagarcía

En tres campos simultáneos dende as 10.00 horas da mañá e ata as 14.00 horas desputaron varios encontros paralelos, para moitos dos cativos, os primeiros da súa vida deportiva. A experiencia resultou ser un todo un éxito e entre nervios e entusiasmo todos os rapaces e rapazas gozaron de minutos sobre o terreo de xogo.