DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Neste curso 528 alumnos desprazáronse grazas ao programa

A Universidade de Vigo lidera en Galicia a mobilidade de estudantes Erasmus

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 16/04/2009

No ámbito da mobilidade internacional de estudantes, Vigo está a desenvolver nos últimos anos un crecemento que xa a sitúa como a universidade galega líder neste campo. As cifras das axudas complementarias da Xunta de Galicia para estudantes Erasmus así o reflicten, acadando a institución viguesa 498 das 1231 axudas concedidas, fronte ás 402 da Universidade de Santiago de Compostela e 331 da Universidade da Coruña.
A taxa de éxito da institución viguesa alcanza case o 100%, pois das 500 solicitudes presentadas concedéronse 498. “Estes números son froito da aposta institucional que se ven realizando a través de distintos programas para favorecer a mobilidade, sobre todo, axudando aos centros implicados e, nesa liña, queremos continuar traballando”, salientaba ao respecto o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area.
O 41% das axudas concedidas aos estudantes da universidade viguesa, 249 homes e 249 mulleres, irán ás mans de mozos e mozas que están a cursar os seus estudos no ámbito tecnolóxico; o 31% nas ciencias sociais e xurídicas; o 20,48 no humanístico e o 6% no experimental.
Nesta edición o executivo galego destinou a este programa un total de 1.100.000 euros, o que supón un notable incremento con respecto ao ano 2005 cando esta cifra se situaba en 753.700 euros. Cada estudantes recibirá unha axuda que vai dos 120 aos 2400 euros, dependendo da súa nota media no expediente académico, establecéndose a contía media entorno aos 894 euros por estudante.
Estas axudas veñen a sumarse ás procedentes dos fondos da Unión Europea para o programa Erasmus, que se sitúan en torno aos 160 euros mensuais; ás da propia Universidade, unha contía única que, segundo o país de destino, oscila entre os 77 e os 400 euros, e as do Ministerio, unha bolsa de 190 euros para todos os participantes e 420 adicionais para os que sexan bolseiros.

A cifra de Erasmus triplicouse en 10 anos

Dos 164 estudantes do programa Erasmus enviados ao estranxeiro no curso 1998/1999, pasamos dez anos despois a case triplicar esa cifra con 528 estudantes. Esta tendencia foi algo gradual nos últimos cursos e ano a ano as cifras fóronse incrementando:196 no 99/00, 214 no 00/01, 221 no curso 01/02, 253 no 02/03, 319 no 03/04, 363 no 04/05, e 431 no 05/06, 549 no 06/07, 536 no 07/08 e 528 no 08/09. Para o vicerreitor Iván Area, estas cifras “son o reflexo de como se está a consolidar o traballo que se leva a cabo desde todos os centros para favorecer que os nosos estudantes viaxen e analicen a sociedade actual desde outros puntos de vista”.

Italia consolídase como destino favorito dos estudantes galegos

Entre as tendencias que se repiten cada ano está a predilección dos estudantes galegos por viaxar a Italia que, curso a curso, se consolida como o destino favorito destes alumnos. Nesta ocasión, 366 estudantes, 109 procedentes da Universidade de Vigo, cursaron alí parte dos seus estudos.
O país veciño, Portugal, é tamén unha das opcións recorrentes e ata alí se desprazaron 163 estudantes. O seguinte bloque forte, se a número de participantes nos referimos, englobaría a Francia (135), Alemaña (109), Reino Unido (105) e Polonia (85).
Os resto de participantes realizaron as súas estadías nun grupo de vinte países nos que se inclúen, entre outros, Bélxica (44), República Checa (35), Finlandia (32), Dinamarca (25) ou Holanda (24).

Enxeñeiros industrias, os que máis se deciden a viaxar

Na Universidade de Vigo os estudantes da Escola Técnica Superior de Enxeñaría Industrial son os que máis se deciden a viaxar, rozando neste curso a centena de bolseiros. Séguelle a facultade que máis alumnos Erasmus recibe, Filoloxía e Tradución con 87 bolseiros e os enxeñeiros de Telecomunicación con 58.
No campus de Ourense decidíronse a viaxar 76 estudantes das facultades de Ciencias, Ciencias da Educación, Ciencias Empresariais e Turismo, Dereito e Historia e da Escola Superior de Enxeñaría Informática.
En Pontevedra, de onde partiron 48 bolseiros, os estudantes de Belas Artes e de Ciencias Sociais e da Comunicación foron os que máis se animaron a participar.

Un programa que se verá reforzado co Erasmus Practicum

Co obxectivo de facilitar a incorporación dos estudantes ao mercado laboral, a nova acción do programa Erasmus posta en marcha pola Universidade de Vigo ofrece a oportunidade de realizar unha estadía de prácticas nunha empresa europea. O programa Erasmus Prácticas pretende así apoiar a formación dos universitarios cunha acción de mobilidade que lles permita obter unha bolsa para facer estadías en empresas, que os interesados deberán buscar e propoñer pola súa conta.
“É a primeira vez que lanzamos este programa e insistimos en que pode ser un enorme factor de internacionalización do noso empresariado”, recalca o vicerreitor Iván Area.