DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O investigador David Posada é o máis referenciado de todas as institucións galegas

A Universidade de Vigo lidera o ránking de artigos científicos máis citados feitos en Galicia

Son da súa autoría tres dos cinco traballos con máis citas, segundo a base de datos Scopus

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 06/07/2012

Dos cinco artigos máis citados feitos en Galicia, tres deles son da autoría do catedrático David Posada, primeiro galego en acadar a Starting Grant da Unión Europea. Isto é unha mostra da excelencia investigadora que acada a Universidade de Vigo, liderando con claridade absoluta o ránking de artigos científicos máis citados feitos en Galicia segundo a base de datos Scopus.

Entre os dez primeiros artigos, seis son de investigadores da institución viguesa, tres da Universidade de Santiago de Compostela e un do CSIC. A Universidade de Vigo ten nesta base de datos máis de 10.455 artigos, pertencentes a 3434 investigadores, o que a sitúa no posto 17 das institucións nacionais.

David Posada, o investigador máis citado

Con 105 documentos nesta base da datos, David Posada é o científico máis citado e subliña que estes datos son obxectivos, “un resumo da calidade investigadora que hai no seo da Universidade”. A vicerreitora de Investigación, Asunción Longo engade que “a competencia e o esforzo dos nosos investigadores reflíctese en datos obxectivos que indican a repercusión dos logros científicos acadados”. Amósase satisfeita porque o feito de que artigos da Universidade de Vigo ocupen unha posición de liderado en número de citas nas bases de datos máis relevantes “é significativo e demostra que a nosa institución, grazas aos seus investigadores, está en condicións de posicionarse nos primeiros postos a nivel nacional e internacional”.

Para o catedrático, que ten catro artigos entre os dez máis citados feitos en Galicia, estes indicadores teñen “o peso e claridade suficientes” para ser tidos en conta á hora de valorar a traxectoria dos científicos, “porque son criterios inequívocos, tan claros como o número de veces que se cita un artigo por parte doutros autores, é un baremo do impacto que teñen as publicacións”. Neste sentido, a vicerreitora apunta que se trata de “resultados moi satisfactorios, que avalan o esforzo empregado na consecución dos obxectivos de excelencia, internacionalización e difusión da investigación”.

Outro dos nomes representativos nesta lista de traballos realizados en Galicia é o catedrático Luis Liz, Advanced Grant da UE. Del son outros dous artigos dos máis citados entre os feitos en Galicia, e conta con cinco entre os dez máis citados da Universidade de Vigo. Así, entre Posada e Liz acaparan seis dos dez artigos artigos máis citado de Galicia.
O artigo máis citado de todos os realizados en institucións galega é Phylogenetic model averaging, de David Posada, e foi citado 1301 veces. O segundo e o terceiro, tamén de Posada, foron citados 1145 ne 942 veces, respectivamente.

A aposta polo labor investigador

Na opinión de David Posada a docencia é fundamental, pero as grandes universidades do mundo como Oxford, Harvard, Standford ou o MIT son coñecidas pola súa excelencia investigadora. Neste sentido considera que os científicos adoecen de recoñecemento en España, “non é un traballo prestixiado”, como se reflicte na enquisa da Fundación BBVA cuxos resultados amosan que o 46% dos españois non coñecen ningún científico relevante. Destaca Posada que o prestixio dos investigadores é tamén prestixio para as súas universidades.