DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución académica participará como socio noutros nove

A Universidade de Vigo liderará tres proxectos POCTEP con preto de 800.000 euros de orzamento

Centrados no sector aeroespacial, os incendios forestais e biofrabricación de órganos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • HRS4R
  • Investigación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 08/11/2023

O sector aeroespacial da eurorrexión, a prevención e extinción de incendios forestais e a biofrabricación de órganos e tecidos. Estes son os campos de traballo dos tres novos proxectos concedidos á Universidade de Vigo no marco da nova convocatoria do programa POCTEP, iniciativa de cooperación transfronteiriza dentro do Interreg VI España-Portugal. Investigadores da institución académica viguesa liderarán estas tres propostas que en total contarán con preto de 800.000 euros de orzamento. Ademais, a Universidade de Vigo participará como socia noutros nove proxectos, o que se traduce nunha taxa de éxito do 37,5%, xa que das 32 propostas presentadas, foron aprobadas 12. Para a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, esta é unha “gran satisfacción”, xa que ademais este foi o ano no que se presentaron maior número de proxectos a esta convocatoria. 

Sobre os tres proxectos que coordinará a UVigo, a vicerreitora salienta que AeroGanp, centrado no ámbito aeroespacial, “amosa a influencia e potencial da creación do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (IFCAE) e a relevancia deste novo instituto para a transferencia de coñecemento neste sector na eurorrexión. O segundo, Iberos+, está relacionado coa biofabricación e o seu papel para un envellecemento saudable, mentres que o terceiro, Firepoctep+, centrado na resposta ante os incendios forestais, “é moi importante especialmente nestes momentos de cambio climático”.

A vicerreitora tamén destaca outros proxectos relacionados co cambio climático nos que están implicados grupos do CIM, un sobre os riscos de inundacións e secas e outro sobre a transición cara á neutralidade climática. Do mesmo xeito, Rubio salienta o papel de ECOBAS, con varios proxectos concedidos en distintos temas relacionados coa economía, que abarcan temáticas desde a transformación dixital á creación sostible de novas empresas ou os efectos na economía do envellecemento da poboación na eurorrexión. Os investigadores de CINTECX, engade a vicerreitora, “tamén tiveron éxito con varias propostas relacionadas con temas de enerxía, desde a eólica mariña ás comunidades enerxéticas locais” e engade o papel que vai xogar un proxecto que implica ao Instituto de Agroecoloxía e Alimentación no impulso para creación do Laboratorio Ibérico Agroalimentario, que servirá como referencia internacional no ámbito agroalimentario e contribuirá a manter esa excelente posición da UVigo neste ámbito, que ocupa o posto 15 do mundo no ránking de Shanghai por materias.

A maioría destes proxectos comezarán a súa andaina a partir do próximo mes de xaneiro.

AeroGanp

Dos tres proxectos que liderará a Universidade de Vigo, o de maior orzamento é Aeroganp, cun importe de 291.925 euros, dos cales preto de 219.000 euros son subvencionados con fondos Feder. O catedrático do Departamento de Física Aplicada Humberto Michinel e director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense é o investigador principal desta proposta, cuxo principal obxectivo é impulsar na eurorrexión Galicia-norte de Portugal a investigación nun sector tecnolóxico estratéxico como o aeroespacial. Para isto crearase unha rede de fomento das capacidades de xeración e transferencia de I+D+i e as sinerxías xeradas grazas á cooperación dos axentes públicos plasmaranse na creación dun demostrador que operará con dúas partes complementarias: unha dedicada a “big-data” e seguimento satelital en Guimarães e outra no CIAR de Rozas, onde diversos pilotos demostrativos de tecnoloxías avanzadas de drons, fabricados conxuntamente a ambos lados da fronteira, producirán datos que se analizarán no centro portugués. 

Firepoctep+ 

Outro dos proxectos que liderará a UVigo será FirePoctep+, que dará continuidade ao proxecto FirePoctep. Nesta nova etapa, o proxecto estará pilotado polo profesor Juan Picos, director da Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra e terá un orzamento de 232.534 euros, 174.400 subvencionados con fondos Feder. Seguirase a traballar coordinadamente a ambos lados da Raia en actuacións concretas que contribúan a previr e mitigar os impactos negativos que se podan xerar polos incendios forestais no territorio, e en concreto en como xestionar e actuar mellor nas Zonas Estratéxicas de Xestión (ZEG). Os obxectivos son validar a metodoloxía de identificación das ZEG a todo o territorio dentro das áreas piloto, priorizando as actuacións preventivas; validar e estender a toda Raia os indicadores clave para o seguimento da alerta temperá e do comportamento do lume ou avanzar na interoperabilidade da resposta á emerxencia, mellorando equipos pero principalmente a partir de estándares operativos e protocolos conxuntos en conexión coa gobernanza en vigor. Ademais, tamén se traballará na mellora da formación e capacitación do persoal operativo transfronteirizo así como na capacitación dos axentes locais presentes no  territorio. 

Iberos+ 

O terceiro proxecto liderado pola UVigo, Iberos+, é tamén unha continuación dunha iniciativa previa, Iberos. O obxectivo é dar resposta aos desafíos socio-sanitarios que supón o envellecemento da poboación na eurorrexión a través das competencias de investigación e innovación de excelencia no sector da biofabricación, orientada á enxeñaría de órganos e tecidos e medicina personalizada. O instrumento para acadar este obxectivo será o Instituto de Biofabricación en Rede para o Envellecemento Saudable, unha rede colaborativa multidisciplinar de grupos de investigación punteiros e empresas innovadoras posicionados na vangarda do I+D no desenvolvemento de biomateriais, biosensores, bioimpresión 3D, microfluídica para organ-on-chip, técnicas in vitro para desenvolvemento de tecidos e organoides e plataformas de intelixencia artificial e big data para a diagnose personalizada que conforman a base científico-tecnolóxica nun campo emerxente e de enorme potencial como é a biofabricación, destacan. Iberos+ terá un orzamento de 271.914 euros, dos que preto de 204.000 serán fondos Feder. 

A UVigo, socia en outros nove proxectos

Ademais destes tres proxectos, a Universidade de Vigo tamén participará noutros nove proxectos POCTEP como entidade socia. Por unha banda, participará en Aowinde, proposta liderada por Asime cuxo obxectivo é acelerar o desenvolvemento da enerxía eólica mariña na eurorrexión mediante a colaboración público-privada. Por outra, colaborará en C2 Axenda 2030 Local, iniciativa liderada pola Deputación de Pontevedra co obxectivo mellorar a capacidade dos pequenos municipios en territorios transfronteirizos para a implementación ou localización da Axenda 2030 que se desenvolverá en tres rexións: Pontevedra+Alto Minho; Cáceres+Beira Baixa; e Huelva+Baixo Alentejo. 

Capta é outro dos proxectos con participación da UVigo e céntrase na necesidade de atopar solucións sostibles para preservar os servizos que ofrecen os ecosistemas. Liderado pola Consellería do Mar, o seu obxectivo é establecer as bases para o desenvolvemento das políticas e instrumentos de planificación conxuntas que faciliten acadar a neutralidade climática e permitan fortalecer os servizos ecosistémicos do litoral, mellorando a súa resiliencia. 

Liderado pola Deputación de Ourense, Comenerg é outro dos proxectos nos que se implicará a UVigo para fomentar a creación de comunidades enerxéticas locais, abastecidas mediante fontes renovables. Desenvolveranse tres experiencias piloto, dúas en Galicia e outra en Portugal, en municipios raianos que se enfrontan ao reto demográfico e ao envellecemento poboacional. 

Tamén en Incubatrans terá participación o persoal investigador da UVigo. Esta iniciativa, impulsada pola Eurocidade Chaves-Verín, pretende crear unha incubadora transfronteiriza que estimule e apoie a creación sostible de novas empresas, de emprego cualificado e da xeración de valor engadido neste territorio fronteirizo interior, que actúe como interfaz entre a contorna empresarial, a formación e as institucións académicas e de I+D.

Outros dos proxectos é Net4Food, que coordina o Instituto Politécnico de Bragança, coa finalidade de constituír, como paso previo á posta en marcha do Iberian FoodTec Lab, unha rede de excelencia na eurorrexión, que servirá para aliñar o desenvolvemento dun sector estratéxico en transición cara a sostibilidade e para promover a implantación de novas solucións innovadoras no eido da alimentación sostible, segura e saudable. 

Tamén está nesta listaxe Openlabs, a proposta do CTAG para xerar unha rede aberta de laboratorios industriais para a transformación dixital e sostible das empresas da eurorrexión que permita acelerar a innovación e impulsar novas formas de produción que avancen cara a dixitalización e o desenvolvemento sostible. 

Da man do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a UVigo tamén participa en RISC+, unha iniciativa que busca ampliar e mellorar os resultados do proxecto RISC_ML para a demarcación internacional Miño-Lima. O principal obxectivo é seguir mellorando a resiliencia fronte o cambio climático, cara un plan hidrolóxico único para a demarcación internacional conforme a directiva Marco da Auga.

Finalmente, tamén haberá participación da UVigo en TRANSFIRESaude, un proxecto liderado pola Consellería de Sanidade que aposta por reforzar a integración do ecosistema de I+D en saúde eurorrexional para o desenvolvemento conxunto de actuacións enfocadas á adopción de solucións innovadoras, especialmente no eido da intelixencia artificial para abordar os retos relacionados co envellecemento activo e saudable e a medicina personalizada, preferentemente na contorna da atención primaria.