DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Universidade de Vigo mantense na elite no xadrez español

Os vigueses renderon moi por riba do esperado no Campionato de España de Primeira División

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 07/08/2012
Non foi doado, pero o Universidade de Vigo de xadrez mantense un ano máis na Primeira División nacional tras rematar no sétimo posto no Campionato de España celebrado en Badaxoz entre o 30 de xullo e este 5 de agosto. O equipo capitaneado por Pablo García mediuse a algúns dos principais espadas de países como Rusia, Ucraína, Cuba, Hungría ou Acerbaixán ademais dos Mestres españois como Paco Vallejo, Miguel Illescas ou Oleg Korneev.

A competición comezou cunha dose de optimismo coa vitoria fronte ao Club Escacs por 2,5 a 1,2. O capitán cualificaba esta vitoria inicial como “un gran paso nun enorme camiño pero supón unha excelente inxección moral para a envergadura do reto que temos por diante”. E foi unha boa motivación, xa que tras os sete días de competición e intensas partidas o Universidade de Vigo acadou a ansiada permanencia na elite do xadrez nacional. García explica que o equipo rendeu “moi por riba do agardado ante os mellores xadrecistas tanto nacionais como internacionais”, unha fortaleza apuntalada coa primeira vitoria ante o Escacs. De especial relevancia a actuación de Manuel Pena que empatou co sete veces campión e membro da selección española, Miguel Illescas.

E a proeza estivo a piques de ser maior, xa que un só punto separou aos vigueses das semifinais. Fóra delas tocoulles loitar pola permanencia, pero a gran primeira parte do torneo realizada por todo o equipo granxeoulles uns cruces beneficiosos que axudaron a certificar a súa continuidade no máis alto do xadrez español.

Contra vento e marea

O mérito do Universidade foi maior tendo en conta as limitacións coas que o equipo universitario chegou a esta competición. Por unha banda, a coincidencia co Campionato de España Absoluto Feminino fixo que o capitán tivese que prescindir de Yudaina Hernández que defendía o seu título de campioa. Os problemas económicos tamén afectaron ao Universidade de xadrez, xa que a falta de financiamento fixo que tan só puidesen viaxar catro xogadores, o que significou que unha competición desta intensidade fose afrontada sen suplentes. Con todo, os de Pablo García deron a cara e conservaron a súa praza na elite con Diego Guerra como mellor xadrecista clasificado no sétimo posto. O capitán fai un balance máis que positivo da actuación do Universidade, que no vindeiro 2013 “seguirá, pase o que pase, entre os 20 mellores equipos de España”.

O gañador do Campionato de España foi o Societat Coral Colón de Sabadell, que acadou o ascenso á División de Honra, e o segundo clasificado foi o Escola D’Escacs de Barcelona, que tamén logra subir de categoría. A medalla de bronce foi parar a mans do Virgen de Atocha.

No Campionato Absoluto Feminino, Yudaina Hernández que non foi quen de manter o título, que cedeu a Sabrina Vega, nova Campioa de España. Anabel Guadamuro foi a segunda clasificada e Nieves García terceira.