DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vicerreitor de Relacións Institucionais reuniuse co decano da Facultade de Filloloxía Española e P

A Universidade de Vigo materializará a súa colaboración coa Universidade de Estudos Estranxeiros de Beijing coa sinatura dun convenio

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 06/04/2010
Coa finalidade de afondar no seu proceso de internacionalización a Universidade de Vigo asinará un convenio de colaboración coa Universidade de Estudos Estranxeiros de Beijing, a primeira institución de China especializada no estudo de idiomas estranxeiros. Nun encontro celebrado na universidade chinesa, o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Area e o decano da Facultade de Filoloxía Española e Portuguesa da Universidade de Estudos Estranxeiros de Beijing, Liu Jian, acordaron materializar a colaboración entre ambas institucións académicas coa sinatura dun convenio que impulsará o intercambio de estudantes.
“Froito do traballo dos últimos anos comezamos a asinar convenios coas institucións académicas chinesas”, sinala Iván Area que destaca o prestixio da Universidade de Estudos Estranxeiros de Beijing e máis concretamente da súa Facultade de Filoloxía Hispánica e Portuguesa “que con máis de 50 anos de existencia é a máis antiga de China”.

50 linguas con especial atención ás que representan a culturas minoritarias

Ao longo dos máis de 30 anos da súa existencia a Universidade de Estudos Estranxeiros de Beijing formou varias decenas de miles de tradutores, intérpretes e investigadores que desenvolven o seu labor nos ámbitos da tradución, a docencia, a investigación e a administración nos campos da diplomacia, a economía, o comercio, os intercambios culturais ou o xornalismo. No caso concreto da Facultade de Filoloxía Española e Portuguesa “ a maioría do alumnado dedícase maioritariamente á tradución sobre todo no corpo diplomático chinés”, explica Iván Area que destaca que “a maior parte do corpo diplomático en países de América do Sur está formado nesta facultade”. Nesta facultade 15 docentes imparten clase a uns 300 estudantes entre licenciatura; mestrados nas especialidades de literatura, tradución, relacións internacionais e lingüística e doutoramento.
Na actualidade, na Universidade de Estudos Estranxeiros de Beijing impártense, ben como carreiras ou como materias optativas, un total de 50 linguas escollidas non só polo número de falantes, senón tamén porque representan a culturas minoritarias. Neste sentido cómpre lembrar a petición realizada pola UE para que nesta institución académica chinesa se impartan todas as linguas que se falan nos 27 países que a compoñen.
Anualmente 50 estudantes da Universidade de Estudos Estranxeiros de Beijing completan a súa formación cunha estadía dun semestre ou dun ano enteiro en institucións académicas nas que se imparten as linguas nas que cursan os seus estudos.

O director do IGADI, peza clave na consecución do acordo

A experiencia acumulada tras cinco anos de colaboración co goberno chinés de Xulio Ríos, director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), resultou, segundo o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Area, “determinante para a consecución do acordo que as universidades de Vigo e de Estudos Estranxeiros de Beijing materializarán coa sinatura dun convenio”.
O IGADI, entidade independente e sen fins de lucro que ten como finalidade a investigación dos problemas internacionais e a activación de estratexias que favorezan unha maior proxección de Galicia no mundo, é responsable xunto coa Casa Asia do Observatorio da política chinesa, un grupo de traballo que se ocupa da análise e a xeración de propostas relacionadas coas reformas legais e o Estado de dereito, unificación, evolución política, dereitos humanos e política exterior de China. “Trátase dun dos think tanks máis importantes e resulta lóxico colaborar con entidades tan consolidadas no panorama chinés”, explica o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo que agradeceu a participación de Xulio Ríos no proceso de consecución do acordo acadado entre ambas institucións académicas.