DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aprobados polo Consello Galego de Universidades implantaranse o vindeiro curso

A Universidade de Vigo moderniza a súa oferta de graos con Enxeñaría da Enerxía e Ciencias Ambientais

Vigo ofertará en 2010-2011 un total de 13 novos graos

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 31/10/2009

De “positivo” cualifica o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, o listado de titulacións de grao a implantar no curso 2010-2011 aprobado polo Consello Galego de Universidades. “Tal vez sexa o mellor acordo de todos” asegurou o reitor que xustificou esta afirmación en tres razóns: a eliminación da duplicidade existente en titulacións como Física, Tecnoloxía dos Alimentos e Humanidades; na incorporación de novos títulos ao Sistema Universitario Galego e na decisión do Consello de aprobar todas as propostas presentadas polas tres universidades.
Dos catro novos graos aos que deu luz verde o Consello Galego de Universidades, dous implantaranse na Universidade de Vigo, o Grao en Enxeñaría da Enerxía no campus de Vigo e o Grao en Ciencias Ambientais que se impartirá no de Ourense. Ademais o Consello aprobou os graos en Dietética e Nutrición Humana no campus de Lugo, e de Ciencias da Cultura. Pola súa banda os estudantes do Grao en Enxeñaría Química do campus de Santiago obterán as atribucións profesionais de enxeñeiro técnico industrial.
Outro acordo relevante adoptado no Consello foi o de permitir un cambio na normativa para que se puidesen autorizar títulos novos de grao por maioría e non por unanimidade como viña sucedendo ata agora. Unha decisión que Gago considera se adapta mellor a nova forma de proceder habida conta que “as universidades traballan por separado o que implica que chegar a acordos por unanimidade sexa case imposible”.

Oferta modernizada e actualizada

A aprobación por parte do Consello Galego de Universidades das propostas que a Universidade de Vigo realizou para a implantación dos graos en Enxeñaría de Enerxía e Ciencias Ambientais, supón segundo Alberto Gago “que a oferta da Universidade se modernice e actualice”, en especial no ámbito das enxeñarías nos tres campus e sobre todo no de Vigo. Así o vindeiro curso 2010-2011, impartiranse no campus vigués un total de oito novos graos en enxeñaría (Química Industrial, Eléctrica, Tecnoloxías Industrais, Organización Industrial, Mecánica, Recursos Mineiros e Obras Subterráneas, Tecnoloxías de Telecomunicación e Enerxía). A estes novos títulos de enxeñaría súmase ademais o novo grao que resultará da adaptación da diplomatura en Empresariais.
Pola súa banda o campus de Ourense disporá o vindeiro curso de tres titulacións exclusivas: Enxeñaría Agrícola, Ciencias Ambientais e Consultoría e Xestión da Información. Un feito que contrasta coa oferta actual na que Gago lembrou “non hai ningunha titulación exclusiva no campus ourensán”.
No caso do campus de Pontevedra o vindeiro curso comezará impartirse Enxeñaría Forestal.

O futuro do título de Empresariais

Sobre a decisión do Consello Galego de Universidades de reunirse a vindeira semana para decidir o futuro dos títulos de grao derivados da transformación das diplomaturas de Empresarias que se imparten en Vigo e Lugo tras confirmase que en ambos casos traballan nun Grao en Comercio, Gago agarda unha resolución inmediata para resolver “unha oferta que colide o que obriga a alguén a dar marcha atrás”.
En calquera caso o reitor lembrou que neste caso é a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a que deberá exercer as súas competencias e tomar unha decisión que a Universidade de Vigo “aceptará”. Caso que a proposta da Universidade de Vigo sexa rexeitada, Gago lembrou a existencia dunha oferta moi ampla nese ámbito que permitirá á Escola elaborar unha titulación con garantías.