DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así o expuso o reitor no seu informe anual ante o Claustro

A Universidade de Vigo pecha un ano “excelente” en termos de investigación

Con 22.800 estudantes matriculados no curso 2008-2009

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 16/12/2008
“2008 pode definirse como un ano excelente para a Universidade de Vigo en termos de investigación”, asegurou o reitor no seu informe anual ante o Claustro. Unha afirmación que xustificou cos 10 millóns de euros acadados en contratos e proxectos e os 12 en financiamento competitivo estatal e europeo, así como polos resultados das convocatorias concorrentes e dos grupos consolidados e de referencia. O reitor que tamén destacou a aprobación do Plan de I+D+i como outro dos fitos do ano que está a piques de rematar, incluso personalizou o éxito dos investigadores da Universidade de Vigo en algunhas mencións acadadas como o Premio William Kapp á investigación na innovación concedido a Xosé Henrique Vázquez; o Premio Galicia Investigación Científico-Técnica na categoría mozo a Miguel A. Correa e Roberto López; a selección na convocatoria Starting Grants do programa IDEAS do Consello Europeo de Investigación de David Posada ou o proxecto seleccionado pola Axencia Espacial Europea para a construción e posta en órbita dun picosatélite de Fernando Aguado.
Unha fotografía que o reitor completou con iniciativas de investigación como os centros mixtos Gradiant, Energylab ou o Laboratorio de Homologación de vehículos e a participación da Universidade en centros de investigación.
En esta ocasión as críticas de Nova Universidade centráronse na tardanza no nomeamento dun substituto do vicerreitor de Investigación, Manuel Reigosa, ao que Gago respondeu que “o vindeiro 2 de xaneiro o novo vicerreitor estará no seu posto”.
En relación coa última sentenza que anula ás cátedras de I+D+i concedidas polo anterior equipo de goberno, Jaime Cabeza demandou que “por unha vez se enfronten os problemas de cara” ao tempo que expresou a súa solidariedade cos afectados. Pola súa banda o reitor confirmou que falará cos interesados para evitar que sufran as consecuencias “dunha sentenza que me parece máis que cuestionable”.

Estabilidade na matrícula

22.833 son os estudantes con actas oficiais no curso 2008-2009 na Universidade de Vigo, unha cifra que inclúe 1º e 2º ciclo (Títulos oficiais e Titulacións Propias) e 3º ciclo( Másters oficiais e Doutoramento). Estes foron os datos presentados polo reitor Alberto Gago ao Claustro no informe do ano 2008 que asegurou “pasará aos anais da historia como o da crise económica internacional”, unha situación á que suman unha manchea de cambios, en especial a adaptación do sistema universitario ao Espazo Europeo de Educación Superior que fan de esta transformación “a maior experimentada pola universidade española ao longo da súa historia”.
Á confirmación das cifras de estudantes matriculados no presente curso e a súa evolución respecto do pasado no que se acadarán os 22.474, seguiulle na exposición do reitor a relación de algúns dos feitos máis destacados do ano que está a piques de rematar. Tal é o caso da aprobación do primeiro Plan Estratéxico da Universidade de Vigo, do que proceden o Plan de I+D, xa aprobado, o Plan Estratéxico de Xerencia que será presentado o vindeiro xoves ao Consello de Goberno e os plans de Profesorado e Igualdade que verán a luz no primeiro semestre de 2009.

Adaptación ao EEES: non á privatización, si á información

O proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior foi unha das cuestións que máis intervencións acaparou no derradeiro Claustro do ano, tanto a raíz das mobilizacións que se están a producir en algunhas universidades españolas como na oferta de mestrados e a súa repercusión no Plan de Organización Docente.
Desde as filas de Nova Universidade tanto José Luis Legido como Jaime Cabeza expresaron a súa preocupación polo “cambio que non reforma que supón o EEES”, así como seu rexeitamento ante a posibilidade de que sexan as empresas as que a través das súa participación nos mestrados determinen os contidos docentes, “o seu modelo produce efectos privatizadores”, chegou a asegurar Cabeza.
“Nada de privatización. Non me interesa”, replicoulles Gago que engadiu que “eu traballo nunha universidade pública, a da igualdade de oportunidades, a dos mellores empregos e ninguén vai vir a esta casa a dicir cal será a oferta de títulos”. En relación coas mobilizacións que a adaptación ao EEES está a provocar en algunhas universidades, o reitor demandou de todos os organismos que teñan algunha responsabilidade en esta cuestión (Goberno, partidos políticos, sindicatos, etc) que dean un paso ao fronte dado que “é un tema de goberno e non de universidades”.
Así mesmo, en resposta a unha solicitude realizada polos representantes dos alumnos no Claustro que demandaban que por parte da reitoría se puxera en marcha un proceso de información sobre o EEES nos centros e facultades dos tres campus, o reitor confirmou que el mesmo e a vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea, Carmen García Mateo, iniciarán o 14 de xaneiro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, unha rolda explicativa en todos os centros e facultades que o soliciten.
Sobre a repercusión dos mestrados no POD reiteradamente solicitada desde as filas de Nova Universidade, Gago volveu incidir en que “o máster profesionalizante debe estar fóra do POD xa que o contrario sería unha fonte de conflitos”.

Actuacións do equipo de xerencia no seu primeiro ano

A toma de posesión do equipo xerencial foi outros dos fitos do ano 2008 sinalados polo reitor no seu informe ante o Claustro. A presentación do seu propio Plan de Xestión, a aplicación do convenio laboral aprobado en 2007, a Relación de Postos de Traballo sometida a recurso xudicial, a nova estrutura de servizos, a descentralización de campus, o plan para a implantación de novas ferramentas estratéxicas de xestión ou o Programa de formación, foron algúns dos asuntos nos que ao longo do ano traballou o equipo de dirixe Ana Fernández Pulpeiro. A xerente defendeu a ampla participación do PAS na elaboración do Plan Operativo de Xestión que definiu como “un plan moi ambicioso que quere contribuír a reforzar a posición da Universidade de Vigo”. En canto ao Plan de formación que se atopa en proceso de borrador, Fernández Pulpeiro sinalou que abrangue oito áreas “co obxecto de mellorar a cualificación do PAS”.
Os representantes sindicais do Persoal de Administración e Servizos, en especial Xoán Cebro, insistiron en que o Plan Operativo de Xestión non foi aprobado polos órganos de representación dos traballadores aos que simplemente lles foi exposto, ao tempo que criticou a programación de actividades do Plan de formación fóra de horas de traballo.

182 millóns de euros para 2009

O cambio radical derivado do “tsunami económico-financeiro” producido a principios de 2008 e a decisión da Xunta de adiar ata 2010 a entrada en vigor do novo Plan de Financiamento, conforman segundo sinalou o reitor Alberto Gago “un escenario co que están elaboradas as previsión orzamentarias da Universidade de Vigo para 2009, de xeito que contamos cunha marxe de discrecionalidade limitado o que obriga a seleccionar os programas e apostas de gasto”.
Así a Universidade de Vigo disporá para 2009 dun volume de recursos algo por riba dos 182 millóns de euros, un 4,6% máis respecto ao 2008. Segundo avanzou o reitor as liñas preferentes de actuación a financiar en 2009 son os compromisos salariais de PDI e PAS, o Plan de adaptación ao EEES, o Plan de renovación informática, os compromisos aprobados no Plan de I+D, plans propios de Promoción para Doutores Acreditados e de Formación de Doutorandos, o Plan de desgravacións por actividades docentes e de investigación.

Obras finalizadas e en proceso de execución

Outra das liñas preferentes de actuación é a referida ás infraestruturas. En canto aos proxectos finalizados ao longo do 2008, Alberto Gago sinalou a Biblioteca de Ciencias, no campus de Vigo; a segunda fase do Edificio de Ciencias da Educación e do Deporte en Pontevedra e a piscina universitaria no campus de Ourense.
Precisamente no campus ourensá, avanzou o reitor “xa está programada a sinatura do convenio coa Consellería de Cultura e Deporte para a construción do campo de fútbol-rubgy e as pistas de atletismo, así como diversas actuacións contempladas no plan de integración deseñado por Patxi Mangado”. Tamén o orzamento do 2009 contempla unha partida para a construción dun novo edificio administrativo.
Mentres, no campus de Pontevedra orzamentáronse os módulos de aulas e laboratorios, así como o vestiario do Edificio das Ciencias de Educación e do Deporte. Pola súa banda o proxecto de gardería xa está finalizado e a dotación orzamentaria incluída.
En canto ao novo Edificio das Artes, Gago lembrou que “forma parte dun ámbito de reforma urbanística na cidade Pontevedra que non está totalmente resolto e aínda que o orzamento do 2009 recolle unha partida de 840.000 euros, non temos claro cando se podería iniciar a obra”.
Xa no campus de Vigo e despois de afirmar que xa ten data a sinatura do convenio con Vicepresidencia da Xunta para a construción dunha Galescola, o reitor confirmou a reformulación do proxecto de Vías Elevadas por causa das circunstancias económicas. “De acordo co arquitecto Méndes da Rocha, centramos o noso interese na parte do proxecto que supón a reordenación e reforma urbana do ámbito das enxeñarías”, sinalou Gago. Unhas explicacións que non convenceron ao voceiro de Nova Universidade, José Luís Legido que centrou a súa demanda nas prazas de aparcamento asegurando que “non queremos pasarelas voantes, nin plataformas estratosféricas, senón chegar e aparcar e poder chegar aos centros cun recorrido cómodo”.
A exposición do reitor referida ás infraestruturas completouse coas de investigación sobre as que Gago salientou o inicio das obras do novo CACTI, o módulo Biomédico, o módulo Tecnolóxico Industrial e o CITI de Ourense. O orzamento para o vindeiro exercicio inclúe 8 millóns de euros para o remate de estas actuacións e o inicio do Centro de Investigación Biosanitaria, CIBIO. Así mesmo no 2009 está previsto o remate da primeira fase de Cidade Tecnolóxica no campus de Vigo e que podería ter a súa réplica no campus de Ourense “vinculado ao Plan de reordenación urbana que recentemente presentamos xunto co Concello”, avanzou Gago.

Os cambios normativos que veñen

A exposición do reitor finalizou coas previsións referidas aos cambios normativos tales como a discusión e aprobación da adaptación definitiva dos Estatutos á LOM-LOU. A partir de esa adaptación abordaranse a revisión dos Regulamentos de Réxime Económico, Centros, Departamentos e Estudantes.
Ademais en 2009 levarase ao Claustro o documento sobre Política de Profesorado e o I Plan de Igualdade da Universidade de Vigo.

Chámate con xeito e uso dos fondos do PAS na quenda de Rogos e preguntas

A desviación de partidas destinadas ao PAS e a iconografía da campaña Chámate con xeito, centraron a intervención do delegado sindical de UGT, José Andrés Zapirain que demandou á Xerencia a corrección do uso de fondos do PAS destinados a cubrir cuestións alleas. Pola súa banda a xerente Ana Fernández Pulpeiro afirmou que as modificacións aprobadas permitiron introducir melloras na oferta de formación e na partida referida ao plan de pensións e outros gastos sociais.
Ao rexeitamento expresado por Zapirain en nome do comité de empresa pola iconografía da campaña Chámate con xeito que sen embargo “consideramos positiva no fondo”, o reitor Alberto Gago asegurou que “na nosa política non hai elementos coercitivos e sinto que non convencera nos seus usos gráficos”. Así e todo, o reitor destacou o gran impacto social da campaña que acadou as 80.000 consultas sobre nomes e apelidos en mes e medio e lembro que “unha universidade pública ten un papel de defensa do seu patrimonio cultural”.

Informe do reitor ao Claustro 2008(134.29.Kb)