DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas fases interzonais de fútbol 11 e baloncesto feminino que dan o pase ao Campionato de España

A Universidade de Vigo perde a final ante a de León nun encontro moi disputado, cunha prórroga envolta en polémica

As castelás leonesas leváronse tamén o triunfo na modalidade de baloncesto

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Lucía Costas DUVI 03/04/2009

A Universidade de León marcha de Vigo vitoriosa, despois de acadar o pase para disputar a fase absoluta do Campionato de España Universitario nas modalidades de baloncesto feminino e fútbol 11.
Finalmente, non puido ser e os futbolistas vigueses quedáronse ás portas do triunfo, perdendo a final fronte aos casteláns leoneses na prórroga por 2-3. Despois de comezar a competición empatando co UCAM de Murcia 2-2 e gañarlle onte ao Zaragoza 3-1, o Universidade de Vigo afrontaba a final de hoxe con gañas e ilusión a pesar de que o seu rival chegaba ao encontro con mellor puntuación e un partido máis. Foi unha final moi rifada onde os vigueses se puxeron por diante nos primeiros minutos; tempo despois, o León conseguiu empatar e de seguido volveu marcar chegando o 1-2 ao marcador. Na metade da segunda parte, os locais reaccionaron e, de novo, tornou a emoción ao campo de xogo co 2-2, un resultado que se mantivo ata o final obrigando a xogar a prórroga. Deste xeito, o árbitro ordenou disputar dous tempos de quince minutos a gol de ouro, feito polo que foi moi criticado por ambos equipos e por unha bancada que nunca deixou de animar aos seus. A piques xa de rematar o primeiro cuarto de hora, o Universidade de León marcaba un gol envolto en polémica pois, “claramente estaba fóra de xogo”, sinalaba Cándido Vilaboa, xogador vigués que engadía que “a pesar de que fallamos un pouco ao principio, logo fixemos todo o que estaba nas nosas mans”.

No baloncesto, a Universidade de León venceu 96-76 á Rey Juan Carlos de Madrid

Mentres se disputaba o encontro de fútbol no campo de herba sintética, no pavillón xogábase a final de baloncesto onde as mozas da Universidade de León se impuxeron por 96 a 76 ás madrileñas da Rey Juan Carlos. Foi un triunfo merecido tras gañar todos os partidos xogados nestes intensos días de competición, obxectivo tamén cumprido polas súas rivais que, finalmente, se tiveron que conformar co segundo posto, quedándose sen opcións para participar na fase final do Campionato de España Universitario que se celebrará en Huesca a finais do mes de abril.
A pesar de que a Universidade de León partía como favorita, “as de Madrid fixeron uns primeiros minutos moi bos, mandando no marcador”, apuntaba Juanjo Moro, adestrador leonés. Non obstante, “conseguimos remontar e impoñernos por vinte puntos”.
Esta vitoria supón “un recoñecemento, sobre todo, das xogadoras polo seu esforzo e traballo constante ao longo do ano”, sinalaba Moro. Ser o primeiro de entre oito equipos é moi complexo, “xogar nesta fase interzonal e tan dificultoso como disputar a fase final”, onde tamén competirán oito equipos universitarios de todo o territorio español, “polo que é un orgullo para todos nós chegar ata aquí”, concluía.
O equipo vigués de baloncesto quedouse sen opcións a xogar a final desta mañá ao encaixar dúas derrotas e sumar só catro puntos. A pesar de que comezaron a competición con gañas, vencéndolle á Universidade de Estremadura por 75-64, nas dúas xornadas seguintes perderon diante, precisamente, das castelás leonesas e a Pompeu Fabra, por 45-83 e 52-54 respectivamente.

Continúa a competición na Liga Galega de Baloncesto

Despois de rematar as respectivas ligas para os equipos de xadrez e rugby, o Universidade de Vigo de baloncesto prosegue esta fin de semana a súa andaina pola Liga Galega Sénior Masculina. Mañá sábado, a partir das 17.00 horas, os mozos que adestra Cristina Alonso reciben no campus ao CB Grúas Estación Padrón, último clasificado con tan só tres partidos gañados nas 25 xornadas disputadas.
Cumprido xa o obxectivo da permanencia, a faltaa de cinco partidos para que remate a competición, o Universidade de Vigo, sexto con 40 puntos a só cinco do líder, centra agora todos os seus esforzos en “quedar situados o máis arriba posible”, sinala Alonso, “nunha tempada que, ante todo, foi exitosa”, conclúe.
Despois deste encontro farase un pequeno receso na liga, por mor da Semana Santa e, a continuación comeza a conta atrás onde os universitarios enfrontaranse ao CB Tui e o Canteiras, cuarto e quinto respectivamente; aos seus “veciños compañeiros” do Campus Ourense e ao Liceo Casino Vilagarcía na última xornada, o 9 de maio.