DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución inicia colaboracións académicas e científicas coa Samara State Aeroespace University

A Universidade de Vigo pon rumbo á capital rusa do espazo

Mobilidade; titulacións comúns e participación en proxectos de investigación, entre os obxectivos

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 08/05/2012
Nun país que historicamente sempre foi unha referencia no ámbito aeroespacial, Samara, a sexta cidade máis poboada de Rusia, é coñecida como “a capital do espazo de Rusia”. Nesta cidade, situada á beira do río Volga, na que se fabrican os foguetes Soyuz e naves espaciais que van á Estación Espacial Internacional, atópase a Samara State Aeroespace University, “hoxe en día un dos centros científicos e de educación máis poderosos en Rusia”, segundo Ilya Kudryavtserv, decano da Facultade de Enxeñaría de Radio da Universidade de Samara. Kudryavtserv visita estes días a Universidade de Vigo para procurar a colaboración dos investigadores responsables na institución de GENSO, a nova rede mundial de satélites non comercias en bandas libres da que a Universidade de Vigo foi seleccionada como núcleo central de operacións en Europa. Ademais de incorporar os coñecementos resultantes destes contactos ao satélite Cigüeña no que actualmente traballa a universidade rusa en colaboración co Centro Espacial Progress, tamén radicado en Samara, a presenza do decano da Facultade de Enxeñaría de Radio abre a porta á cooperación coa Universidade de Vigo para o intercambio de alumnado e profesorado, á participación conxunta en proxectos de investigación e do Sétimo Programa Marco e mesmo á futura implantación dun dobre diploma en estudos de mestrado.

“En Samara teñen unha gran cultura aeroespacial” explica José Antonio Vilán, vicerreitor de Transferencia do Coñecemento da Universidade de Vigo “e para a nosa institución esta é unha nova oportunidade na estratexia de internacionalización en temas aeroespaciais que temos que aproveitar”. Unha idea na que incide o coordinador do proxecto GENSO e profesor e investigador da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Fernando Aguado, que destaca o prestixio da Samara State Aeroespace University, “recoñecida como unha das universidades coa mención de excelencia National Research Universities”, e o do propio Kudryavtserv que “ten participado no desenvolvemento de varias cargas útiles e experimentos que foron embarcados e voados con éxito en diferentes misión rusas a través de convenios entre a universidades e empresas de Samara”.

Aproveitar a experiencia viguesa en Rusia

Os 120 quilogramos de peso de Cigüeña marcan unha diferenza substancial cos nanosatélites deseñados e construídos na Universidade de Vigo, pero os experimentos científicos que conteñen ou o seu seguimento, si gardan similitudes en ambos casos. “Nós precisamos o apoio da rede GENSO para recibir datos telemétricos de diferentes estacións que están polo mundo e esta é a razón pola que solicitei a axuda de Fernando Aguado como coordinador da rede”, explica Ilya Kudryavtserv que defende que a “ciencia é internacional por definición e a colaboración é fundamental para mellorar a investigación”.

De traballo conxunto, tamén con empresas do sector, saben moito na Samara State Aeroespace University onde “primeiro nos dedicamos a preparar enxeñeiros cualificados para estas empresas”, explica o decano da Facultade de Enxeñaría de Radio que destaca a existencia en Rusia de moitos programas espaciais que implican ás universidades e que facilitan colaboracións “como a que mantivemos o ano pasado cunha empresa que produce motores de foguetes que é un tema moi complicado e no que os nosos investigadores traballando conxuntamente cos especialistas da empresa, foron quen de desenvolver unha proveitosa colaboración”. Como outro exemplo de colaboración entende Kudryavtserv o proxecto XaTcobeo que considera “moi importante porque demostra as virtudes do traballo en común de estudantes e especialistas e tamén entre países”.

Ampliando o mapa da mobilidade

A internacionalización é tamén para a Samara State Aeroespace University unha prioridade co obxectivo de mellorar a cualificación dos seus estudantes e profesorado. “Agardo que a colaboración coa Universidade de Vigo en educación e ciencia sexa un éxito”, explica Ilya Kudryavtserv, “e que nun futuro nos permita ter diplomas dobres que serían moi interesantes para ambas universidades en cuestión referidas a nanosatélites, microsatélites e espazo en xeral”.
O intercambio de alumnado e profesorado entre ambas universidades, agarda o decano que sexa “o inicio do camiño dun futuro en común” entre as universidades de Vigo e Samara nun século XXI no que a ciencia considera que debe ser internacional por definición.