DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Ednon cae ante o colista

O Universidade de Vigo posiciónase como líder no arranque da liga galega de xadrez

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 11/01/2010

Unha importante e contundente vitoria, 5.5 fronte a 0.5, ante un dos equipos máis fortes de Galicia, o Círculo Ferrolán de Xadrez, sitúa ao Universidade de Vigo líder da liga galega de xadrez que se iniciou esta fin de semana.
Como principais novidades desta tempada destacan as incorporacións ao equipo do Maestro Internacional Daniel Rivera, actual seleccionador galego de xadrez e gañador do récord nacional de partidas simultáneas, e a Maestra Internacional feminina Karen Zapata.
Tras acadar a permanencia no Campionato de España de Clubs da Primeira División, o equipo vigués está clasificado automaticamente para o Campionato de España de Primeira División 2010 e non precisa gañar a praza na liga galega, se ben, “loitaremos igualmente polo título de Campión de Liga e darémoslle a oportunidade de debutar na máxima categoría ás nosas promesas máis novas”, sinalou o capitán Pablo García, quen tamén sinalou que “pase o que pase seremos como mínimo un dos vinte mellores equipos de España”.
Manuel Pena, Rafael Rodríguez, Francisco Carrera, Avelino Leirós e o capitán Pablo García foron os artífices desta primeira vitoria, mentres que o Maestro Daniel Rivera tivo que conformarse no seu debut cun empate con pezas negras, “pese as súas múltiples tentativas de romper a igualdade”, subliñou García.
O vindeiro sábado o Universidade de Vigo desprázase ata Santiago de Compostela para desputar o derbi universitario de división de honra, xa que se medirá ao Universitario de Santiago de Compostela.
Na vindeira semana iniciará tamén a súa andaina na liga galega o equipo escolar, xa que o encontro previsto para esta semana aprazouse ante as dificultades de desprazarse o equipo rival polas inclemencias meteorolóxicas.

O intenso frío marcou a xornada de rugby

Menos sorte ca o equipo de xadrez tivo o Ednon Universidade de Vigo de Rugby que caeu fronte ao Éibar Hierros Anetxe na visita dos vascos ao campus vigués.
Cun marcador máis que apertado, 17-18, o Éibar acadou en Vigo unha vitoria que aínda non acadara en todo o campionato nun encontro moi marcado polas adversas condicións climatolóxicas, xa que o partido se disputou baixo un intenso frío, con folerpas de neve incluídas. Nos primeiros minutos de xogo, ambos equipos disputaron un encontro moi parello no que tanto Vigo como Éibar amosaron as súas mellores xogadas. O xogador vigués Mauro Álvarez foi o encargado de estrear o marcador con tres puntos a favor do Ednon, vantaxe que foi rapidamente superada polo Éibar ao conseguir o primeiro ensaio do partido, que pasou ao fronte con oitos puntos. Máis tarde, grazas ao ensaio de Alberto Mera e á conversión de Álvarez, o equipo vigués volveu liderar o encontro. Sen embargo o Éibar superou de novo ao Ednon a pesar da expulsión de dous xogadores do equipo vasco. A desvantaxe numérica non foi suficiente para evitar un novo ensaio do equipo visitante, que se afastou no marcador. Pola súa banda, o equipo vigués logrou remontar cun ensaio conseguido por Javier Parga e convertido por Álvarez, que deixou o resultado 17 puntos a 18 a favor do Éibar. No complemento, os xogadores do Ednon fixeron un derradeiro esforzo por facerse co partido, pero os errores no manexo das xogadas e a presión exercida polo equipo rival fixeron imposible acadar a vitoria. Con este derrota, xunto ao resultado positivo acadado polo Durango, o Ednon Universidade descendeu ata o sétimo posto na táboa. Na vindeira xornada, o equipo vigués enfrontarase ao Durango RT, que superou ao Ednon na clasificación colocándose por riba cun punto de diferenza.