DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha fin de semana con peche de tempadas deportivas

O Universidade de Vigo proclámase subcampión Galego de Xadrez en Ferrol

Os mozos adestrados por Alonso remataron a liga na quinta posición

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Lucía Costas DUVI 11/05/2009

Finalmente non puido ser e o Universidade de Vigo quedou subcampión de Galicia de Xadrez. 2.5 a 3.5 foi o resultado do encontro disputado en Ferrol este sábado fronte ao Marcote A, un marcador que deixou aos vigueses moi preto da gloria xa que o empate daríalle o título por ser os campións da Fase Regular da Liga Galega. Foi unha loita, nesta Final a Catro, onde os universitarios “deron unha nova lección de entrega e superación ante o Marcote A que presentou un equipo digno de calquera final europea”, explica o capitán Pablo García, que viaxou con todos os seus efectivos dispoñibles, incluídos os mozos do conxunto escolar “que apoiaron e animaron en todo momento aos maiores”. Deste xeito, a Universidade de Vigo pecha unha boa tempada, “satisfeitos polo traballo realizado e co desexo de acadar o máximo o vindeiro ano”, apunta o capitán.
Sorprendente foi o axustado marcador final, xa que durante o transcurso do encontro os vigueses colocáronse cun 2.5 a 1.5 a favor, con dúas partidas en xogo nas que bastaría con sumar un empate, pero ao final “a experiencia das estrelas internacionais do Marcote impúxose en ambos taboleiros apartando aos universitarios do título”, sinala García. Manuel Pena e Alejandro Hoffman sumaron o primeiro dos puntos con dous empates, Pena enfrontouse ao Gran Mestre ruso Alexander Graff e Hoffman repartiu o tanto co Gran Mestre galego Iván Salgado, “despois dunha interesante partida de ataque na que o xogador universitario amosou os seus coñecementos da Defensa Dragón”, subliña o seu capitán. Precisamente, Pablo García asinaba o reparto do punto no único enfrontamento cen por cen galego ante o Mestre Internacional Jacobo Caselas. Diego Guerra anotou o punto restante e, pola contra, Rafael Rodríguez e Roberto Paramos non foron quen de vencer aos grandes mestres serbio e portugués, Dragan Raunovic e Luís Galego, respectivamente.

Un quinto posto para o Universidade de Vigo de Baloncesto

Na fin de semana tamén se pechou a Liga Galega de Baloncesto Sénior Masculina, na que o conxunto da Universidade de Vigo rematou na quinta posición e cunha vitoria na última das xornadas, 54-64 fronte ao Liceo Casino de Vilagarcía.
A adestradora, Cristina Alonso, valorou o traballo realizado ao longo desta tempada como “moi satisfactorio, acadando o obxectivo marcado dende o comezo: a permanencia”. Neste senso, Alonso sinala que “senón quedamos máis arriba foi debido a circunstancias alleas”, entre as que destaca a marcha do equipo de algúns xogadores estudantes ao estranxeiro a través do programa Erasmus. Non obstante, “tendo en conta a situación da que partíamos en setembro os resultados finais foron positivos”, apunta a adestradora.
Cun quinto posto, con 49 puntos e tan só seis do campión, o CB Mos Noribérica, o Universidade de Vigo foi o segundo mellor conxunto en ataque de toda a liga, co mellor rexistro de TF (tanteo a favor). “Fomos, en xeral, un equipo moi regular ao longo de toda a tempada”, sinala Alonso, “cun cómputo moi igualitario nas dúas voltas”. Non obstante, na segunda volta “o plantexamento variou, facendo outro tipo de xogo adaptado ás circunstancias, polo que lograr máis do conseguido foi imposible”.