DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase o vindeiro luns 7 de marzo ás 12.00 horas no edificio Redeiras

A Universidade de Vigo renderá homenaxe ás súas pioneiras no acto institucional do Día Internacional da Muller

No evento entregarase o Premio do compromiso coa igualdade de xénero, Uviguala 2022

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Reitor
  • Institucional
M. Del Río DUVI 02/03/2022

Mulleres como Concepción Arenal ou Manuela Barreiro Picos tiveron que recorrer ao engano, disfrazándose de homes, para poder entrar na universidade. A súa loita, xunto coa de outras pioneiras como Emilia Pardo Bazán, sementou as bases dun futuro que hoxe é presente e no que o 55’67 % do alumnado universitario galego son mulleres. A todas estas mulleres que abriron camiño dedica a Universidade de Vigo este ano o acto institucional do 8M. “Elas, as primeiras, as discriminadas, as violentadas, as invisibilizadas, conseguiron facerse un espazo de seu nunha época onde o coñecemento non estaba pensado para elas”, explica Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualade da UVigo. 

O acto, ao que só se pode asistir con invitación, e que terá lugar o luns 7 de marzo ás 12.00 horas no edificio Redeiras, renderá homenaxe ás mulleres pioneiras na Universidade de Vigo, ás que tomaron un papel activo e protagonista, individual e colectivamente, nás súas aulas cando a presenza feminina era minoritara. O evento, que tamén se poderá seguir en directo a través de UVigoTV, contará coa presenza do reitor Manuel Reigosa; da vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e de Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade, que entregarán o décimo Premio do compromiso coa igualdade de xénero da Universidade de Vigo, Uviguala 2022.

As pioneiras

Con este evento a Universidade de Vigo quere render homenaxe a algunhas desas mulleres precursoras, as primeiras en formarse nalgúns dos centros máis antigos da institución académica, as primeiras que conseguiron obter o título, as primeiras en rachar estereotipos e fendas.

Por exemplo, foi un fito a creación en 1879 da Escola Normal de Mestras de Ourense, cando o 56 % das nenas ourensás non estaban escolarizadas. Neste espazo destacou Ernestina Otero, mestra das escolas normais de Ourense e de Pontevedra, que levou a cabo metodoloxías de ensino progresistas e coeducativas coas súas alumnas, inspiradas na súa experiencia formativa na Institución Libre de Ensinanza de Madrid.

Uns anos despois, en 1901, nacía en Vigo a Escola Técnica de Peritos Industriais. Nas súas aulas formáronse, dende 1910, mulleres como M.ª del Carmen Sábada e Capablanca e Pilar Palomar Traver, Rosario Torvieso Monge ou Dolores Lorenzo Salgado. Pero non foi ata 1965 que se graduou a primeira muller perito industrial: Ángela González Garrido. Con todo, transcorridos 120 anos dende a creación desta escola, a fenda de xénero nos estudos STEM segue a ser unha realidade, como explica a directora da Unidade de Igualdade, que destaca como “un feito preocupante” que dende que “a catedrática Luisa Marcos Raña (1917-1973) ocupaba os corredores deste centro, ata o día de hoxe, esa fenda siga igual de marcada, cunha presenza das mulleres matriculadas en Industriais soamente dun 23 %”.

Xa en 1920 botaba a andar a Escola Pericial de Comercio que, como sinala M.ª del Pilar López Vidal, exdirectora, “tivo a presenza de varias mulleres nos seus estudos, en contraste coa máis antiga Escola Técnica de Peritos Industriais”. A primeira titulada da escola en 1926 foi Josefa Costas González, e tras ela foron Pilar Mosquera, Soledad Pelayo ou Ángeles Cabello.

Estas, xunto con outras mulleres pioneiras que se abriron paso nas escolas e facultades da Universidade de Vigo, protagonizan non só o acto do vindeiro luns, senón tamén o almanaque da Unidade de Igualdade deste ano 2022. Este tipo de postas en valor son, segundo destaca Águeda González, “a nosa modesta contribución á creación dunha necesaria xenealoxía que recolla a memoria das mulleres na Universidade de Vigo e corrixa o silenciamento consentido da súa presenza e das súas voces”.  É a determinación por conta a herstory das mulleres da Universidade de Vigo.