DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Universidade Vigo Rugby Club busca patrocinadores que eviten a súa desaparición da División de Honor B

Renunciaría á categoría de prata na que leva competindo catro anos

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 26/06/2008
DUVI |Vigo
O Universidade Vigo Rugby Club podería verse obrigado a renunciar a vindeira temporada á División de Honor B, a categoría de prata do rugby nacional, no caso de non atopar patrocinador. A directiva do club, que ven traballando dende hai dous meses na procura de solucións, non ve garantida a súa permanencia tralo abandono dos seus sponsors anteriores, as promotoras Valery Karpin e Dovhe, debido a situación de crise económica que se está a producir no sector. No caso de confirmarse esta situación o rugby quedaría representado unicamente polo equipo feminino e o que milita na liga rexional.
Pero ademais do primeiro equipo todo o club resentiríase da súa desaparición, “corremos o risco de que a pirámide se rompa, as escolas, o Rugby-Cole..., todo se podería desmoronar”, explicou Ramón Pérez, voceiro do club. Aínda que este é un problema que se está xeneralizando en todos os equipos, o Universidade é o único da elite do deporte vigués no que os seus integrantes non son profesionais, e “nós non pedimos o diñeiro para pagar grandes soldos aos xogadores”, subliñou Pérez, por iso “non estamos falando de grandes cantidades e o problema poderíase solucionar”, insistiu.
O equipo gasta máis de 40.000 euros ao ano en viaxes, e o resto do seu presuposto vaise en material deportivo, licencias, seguros, médicos e ambulancias, xa que a filosofía do club e que a xente practique deporte sen que lle implique ningún custo o facelo.
Coa fin de encontrar unha solución ao problema e tralo fracaso das reunións mantidas coas diferentes institucións e administracións públicas, a agrupación de veteranos manterá unha reunión a vindeira semana para o estudar a posibilidade de realizar unha inversión de capital por parte dos socios máis antigos.
Mentres, a dirección deportiva do equipo, que confía ata a o último momento en poder inscribirse na División de Honor B, traballa na previsión de reforzar o equipo coa idea de atraer xogadores a estudar na Universidade aos que o club pagaría a matrícula e o aloxamento. “Paradoxicamente, hai moitos xogadores que están rexeitando ofertas doutros equipos para continuar na cidade e outros, de fora de Galicia, que están chamando para formar parte da plantilla”, comentan dende o club.

Apoio continuado da Universidade

Pola súa banda a Universidade de Vigo reafirmou o seu apoio ao club poñéndose a disposición dos seus responsables para representalos en calquera negociación, cousa que agradeceu o voceiro da entidade xa que “a Universidade estivo sempre apoiándonos e é a principal responsable de que o equipo siga en Vigo, despois de vinte anos de existencia”, comentou.

Labor de promoción

O equipo, ademais das competicións deportivas, realiza un importante labor de promoción do rugby entre os universitarios e nenos de todas as idades. Así, os propios xogadores son os encargados de dirixir as escolas deportivas, o programa Rugby-Cole, e adestrar aos equipos de categorías inferiores.