DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Universidade de Vigo de rugby remata a tempada proclamándose campión da Copa Xunta de Galicia

Tras vencer o sábado en Lalín por 5-25 ao equipo local

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 09/06/2008
O Universidade de Vigo de rugby rematou esta fin de semana a tempada proclamándose campión da Copa Xunta de Galicia. Deste xeito, os vigueses puxeron un gran colofón a unha boa tempada ao impoñerse ao equipo local en Lalín por 5-25.
Despois de varias semanas sen xogar, este último partido oficial presentábase algo complicado pola falta de forma física, pero o Universidade marcou dende o comezo o ritmo do encontro, sen entrar na dinámica do Lalín, e a diferenza no marcador puido ser moito maior. Con todo, os universitarios afrontaron esta final da Copa Xunta de Galicia coas baixas de Maxi Babini e Santi Boulin, que abandonaron o equipo ao rematar a competición regular, e as de Alberto e Antonio, lesionados. A última hora, uniuse a eles o pilier Iñaki e o capitán Josemari, que se lesionou no quecemento previo ao partido. Aínda así, disputou o encontro, pero cunha rotura fibrilar.
Deste xeito, polo Universidade xogaron Gastón, Agustín, Blocho, Josemari, Nacho Lobón, Paco, Iván Conti, Iván Martìnez, Mera, Arri, Iker, Mauro, Xico, Luis e Chuki. Tamén interviñeron Xeve, Iñaki, Tito, Yago, Nico, Cachopo e Manu.

Punto final da tempada

Con esta vitoria, o Universidade de Vigo de rugby pon punto e final a esta tempada oficial nun ano de bos resultados en todas as categorías. No vindeiro ano, o equipo seguirá militando na división de prata do rugby español e contará con outro combinado senior masculino na primeira rexional galega, un equipo feminino, un cadete e outro infantil. Paralelamente, ao longo de todo o ano académico, dende o club puxéronse en marcha diversas iniciativas para poñer en valor este deporte e para achegalo aos máis cativos, coa finalidade de promovelo e crear unha canteira que manteña vivo no futuro o equipo.