DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a clasificación por disciplinas científicas do 3º Ranking I-UGR

A Universidade de Vigo sitúase na elite nacional en enxeñaría química e civil e en ciencias dos materiais

Por campos científicos en Enxeñarías e Ciencias Agrarias sitúase no top 10 das universidades español

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 13/06/2012
A Universidade de Vigo consolídase por segundo ano consecutivo na elite do panorama universitario nacional en Enxeñaría Química e Ciencias dos Materiais e acada por primeira os postos de honra en Enxeñaría Civil. Así se reflicte na 3ª edición do Ranking I-UGR, anteriormente ranking ISI, elaborado por grupos e investigación das universidades de Granada e Navarra e no que se realiza unha análise das institucións académicas públicas e privadas españolas baseada na investigación publicada nas revistas internacionais de maior impacto e visibilidade. Co obxectivo de descubrir as fortalezas e debilidades do sistema universitario español, a análise dos investigadores de Granada e Navarra, ofrece clasificacións por campos e disciplinas científicas para unha mellor definición das especialidades nas que destacan as universidades, utilizando dos series temporais amplas, un período de cinco anos (2007-2011) e outro de dez (2002-2011).

Como gran novidade para a Universidade de Vigo na terceira edición do Ranking I-UGR das universidades españolas segundo disciplinas científicas 2007-2011, destaca o segundo posto acadado pola institución académica viguesa en Enxeñaría Civil. Ademais, a institución viguesa repite segundo posto en Enxeñaría Química e terceiro en Ciencias dos Materiais. No que respecta á clasificación por campos científicos a Universidade de Vigo atópase no top 10 das institucións académicas españolas en dous dos 12 campos analizados, acadando concretamente a oitava posición tanto en Enxeñarías como en Ciencias Agrarias.
Para a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Asunción Longo, “os resultados obtidos confirman a calidade e o traballo continuado dos nosos investigadores que acadan non só manter, senón mellorar a posición e o prestixio da Universidade no ámbito nacional e internacional, incluso nas condicións máis adversas”.

No top 3 nacional por disciplinas científicas

Enxeñaría Civil non é a única disciplina científica das 37 que analiza o ránking, na que a Universidade de Vigo acada o segundo posto este ano, xa que en Enxeñaría Química confirma esta clasificación que xa obtivera o ano pasado. Nestas disciplinas só as politécnicas de Valencia e de Catalunya superan a Vigo en Enxeñería Química e Enxeñaría Civil, respectivamente. A estas dúas posicións cómpre sumar o terceiro posto acadado por segundo ano consecutivo en Ciencias dos Materiais, unha disciplina na que Vigo só é superada no panorama nacional polas universidades de Barcelona e a Complutense de Madrid.
Así mesmo a Universidade de Vigo acada este ano o cuarto lugar no panorama nacional en Automática e Robótica, dúas sextas posicións en Agricultura e Telecomunicacións, dous oitavos en Xenética e Bioloxía Evolutiva e Arquitectura e un noveno en Ciencia Política.

Aínda que é en certas áreas dos ámbitos científico e tecnolóxico nos que a Universidade de Vigo confirma fortalezas específicas, a vicerreitora de Investigación, Asunción Longo, considera importante “destacar os avances acadados nos últimos anos en todos os ámbitos do coñecemento, proba da capacidade, entusiasmo e esforzo”. Neste sentido Longo destaca a progresiva consolidación dos grupos de investigación e o incremento das actividades colaborativas como aspectos que contribúen a este progreso que “esperamos que se manteña no futuro”, sinala.

No top 10 en dous campos científicos

En dous dos 12 campos analizados polo ranking I-UGR, a Universidade de Vigo sitúase entre o top 10 das universidades española, acadando concretamente a oitava posición en Enxeñarías e Ciencias Agrarias no período 2007-2011. Se se emprega a serie temporal máis ampla do estudo, a que vai de 2002 a 2011, no campo das Enxeñarías o posto é o décimo, mentres que en Ciencias Agrarias é o 11. Cómpre destacar que neste período no campo das Ciencias da Terra e Medioambientais a Universidade de Vigo acadou o sexto posto que descende ao 12º se se toma como referencia o lustro 2007-2011. Xa no posto 13º sitúase o campo da Química e Enxeñaría Química en ambos períodos, mentres que no 2002-2011 o das Tecnoloxías da Información e a Comunicación acada o 14º.

O Ranking I-UGR

Este ranking nace froito da colaboración dos membros dos grupos de investigación Avaliación da Ciencia e a Comunicación Científica das universidades de Granada e Navarra e de Soft Computing and Intelligent Information Systems da universidade andaluza. Entre as novidades desta nova edición destaca a inclusión de 17 novas disciplinas científicas que acadan as 37.

Para a súa elaboración os autores empregaron seis indicadores bibliométricos e recorreron como fonte de información as bases de datos de Thomson-Reuters, referencia básica das axencias de avaliación nacionais como Cneai e Aneca”.
Polas súas características os autores do ranking sinalan que “é de interese para os responsables da política científica e xestores da investigación vinculados ao mundo universitario”.