DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A clasificación está elaborada por investigadores de Granada

A Universidade de Vigo sobe 17 postos no ránking de produtividade investigadora e científica

A institución viguesa, no nº 14, destaca en patentes, bolsas FPU e doutoramentos con Mención cara a

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 18/01/2013
A Universidade de Vigo sitúase no posto 14 do Ranking 2011 en Produción e Produtividade en Investigación das Universidades Públicas Españolas. Con respecto aos datos do ano anterior, isto supón un ascenso de 17 postos no tocante á produtividade total, situándose no grupo de cabeza das institucións públicas do Estado. Este estudo, realizado por docentes da Universidade de Granada vén analizando dende 2009 tanto os índices de produción como de produtividade cinguíndose a sete indicadores: artigos publicados en revistas do Journal Citation Reports; tramos de investigación, proxectos de I+D, teses de doutoramento, bolsas FPU e patentes, tanto rexistradas como explotadas. Como explica o reitor, Salustiano Mato, “datos coma estes son a constatación de que esta Universidade segue crecendo en calidade e produtividade, intensificando o apoio á produción de resultados, así como a rede da internacionalización da institución”.

Cada un destes criterios de análise mídese tamén con dous baremos diferentes, por unha banda a produción que son os números absolutos e por outra a produtividade, que é a proporción en relación ao número de profesores de cada universidade. Esta dobre medida permite eliminar o efecto do tamaño da universidade e ambos análises revelan resultados moi diferentes, como sucedía en edicións anteriores.

A medición per cápita permite que neste ránking se faga un baremo da produtividade, da capacidade e da eficiencia investigadora das institucións académicas públicas. Neste sentido os cinco primeiros postos ocúpanos a Pompeu Fabra, a Pablo Olavide, Rovira i Virgili, Miguel Hernández e Autónoma de Barcelona. O décimo cuarto posto da Universidade viguesa sitúana entre as mellores, dun total de 48 centros analizados. Este aumento de 17 postos respecto á edición de 2011 débese, segundo os autores do estudo, en boa parte ao importante número de doutoramentos que obtiveron Mención cara a Excelencia na institución viguesa.

Crecer, a pesar da conxuntura

Na clasificación total a Universidade de Vigo ocupa o posto 17 en produción total, sendo de especial relevancia o feito de que as universidades que ocupan os postos superiores a Vigo na táboa son as máis grande de España e contan cun orzamento maioritariamente moi superior. Entre as primeiras, Barcelona seguida da Complutense de Madrid, Granada, Autónoma de Barcelona e Valencia. Para unha institución nova e relativamente pequena como a viguesa, ocupar o posto décimo sétimo, en palabras do reitor, significa que “estamos achegándonos ao noso obxectivo, converternos nun actor decisivo no desenvolvemento económico e social da nosa contorna, de Galicia”.

Estes datos son froito dunha aposta por unha política económica e de persoal que premia o esforzo e o traballo. En tempos de crise, nos que a Universidade viu reducido o seu orzamento en 20 millóns de euros dende 2009, os recortes apenas afectaron ao número de investigadores, senón que se centraron no gasto corrente e no investimento en infraestruturas. Esta xestión económica, así como a aposta pola internacionalización e polas políticas de promoción do profesorado, permitiron protexer e premiar o esforzo e o traballo, incentivando así a produción investigadora per cápita. Para Salustiano Mato, isto reflicte que “a pesar de que estamos nun momento contractivo, estamos acadando resultados no noso empeño por seguir fabricando futuro, un futuro mellor para a nosa Universidade”.

Os mellores postos en patentes, bolsas FPU e doutoramentos con Mención cara a Excelencia

Os autores deste ránking atenderon a sete baremos no eido da investigación para obter os resultados globais tanto de produción como de produtividade, dotando a cada un deles dun valor distinto. Os resultados da Universidade de Vigo son especialmente positivos no tocante ás bolsas FPU outorgadas polo Ministerio de Educación, situándose no posto 12º que subiría ao 7º se atendemos á proporción de bolsas/profesor. No tocante aos programas de doutoramento con Mención cara a Excelencia outorgada polo Ministerio, Vigo ocupa o posto 12º en cifras totais e o 9º en ponderadas. Tamén os resultados en patentes son moi positivos, cun posto 15º, que subiría ata o 10º en relación á produtividade (proporción patentes/profesores).

Respecto ao ránkins de artigos en revistas, a viguesa é a universidade número 26, pero sería a 15 atendendo á produtividade/profesor. Na clasificación respecto a proxectos de I+D, Vigo ocupa o posto 19, por produtividade sería a posición 22. Finalmente, en tramos de investigación, acada o posto 27 en cifras totais e o 36 en datos ponderados e en teses de doutoramento, a posición 24 do total e a 28 en datos ponderados.

Gualberto Buela-Casal, Mª Paz Bermúdez, Juan Carlos Sierra e Raúl Quevedo-Blasco, da Universidade de Granada e Ángel Castro e Alejandro Guillén-Riquelme, da de Zaragoza son os autores destes estudo que leva analizando a produtividade das universidades públicas españolas dende o ano 2009, sendo esta a súa 4º edición.