DUVI

Diario da Universidade de Vigo

24 docentes, catro mulleres e 20 homes, asinaron hoxe os seus nomeamentos 

A Universidade de Vigo suma desde hoxe 172 catedráticos e catedráticas 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI 12/11/2020

A Universidade de Vigo acada desde hoxe a cifra de 172 catedráticos e catedráticas, ao sumarse aos 148 contabilizados ata agora (109 homes e 39 mulleres), as e os 24 que hoxe asinaron os seus nomeamentos, nun acto celebrado no paraninfo do campus vigués. A escasa representación feminina (catro mulleres, fronte a 20 homes) e a consecución dun recoñecemento, retrasado anos nalgúns casos e mesmo anulado noutros, confluíron este xoves nunha xornada, que o reitor denominou como “día grande para a institución, porque tedes méritos máis que sobrados para chegar ao máximo nivel ao que se pode chegar dentro da universidade española”. 

Do total de catedráticos e catedráticas que hoxe tomaron posesión, 19 pertencen a facultades e escolas do campus de Vigo (José Manuel García, Pedro Pablo Gallego e Juan José Pasantes da Facultade de Bioloxía; Mariano Lastra, Emilio Marañón, Manuel Martínez e María Teresa Pérez da Facultade de Ciencias do Mar; Jorge Bravo, Jesús Antonio Castro, María Soledad García e Ana Graña da Facultade de Química; Jesús González da Facultade de Filoloxía e Tradución; Enrique Granada, Leandro Rafael Alejano; Pedro Arias e José Benito Vázquez da Escola de Enxeñaría Industrial; José Luis Rodríguez e José Luis Alba, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e Miguel Ángel Michinel da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo); catro ao campus de Ourense (Inés Iglesias Canle da Facultade de Dereito e José Manuel Domínguez; José Luis Alonso e Gil Garrote da Facultade de Ciencias) e un ao campus pontevedrés (Adolfo Cordero, docente e investigador da Escola de Enxeñaría Forestal). 24 novas e novos catedráticos que, segundo Manuel Reigosa, permiten ir recortando un déficit crónico que se arrastra desde a creación da institución e que agora “amosa que o que se sementou inicialmente agora está dando froitos”. 

Na súa intervención, o reitor lamentou a escasa presenza de mulleres no acto celebrado hoxe (catro, fronte a 20 homes), que deixa un global a día de hoxe na UVigo de 129 catedráticos, fronte a 43 catedráticas. Reigosa asegurou que “o número de mulleres que hoxe facemos catedráticas é moi pequeno. Cabería pensar que tivésemos a metade e metade, por iso imos tentar entre todos e todas conseguir unha universidade absolutamente igualitaria e aí temos que dar exemplo”, dixo Reigosa, que tamén manifestou a súa esperanza de en anos sucesivos, poder baleirar totalmente a bolsa de persoas acreditadas a cátedra que xa poida ser automática.

O teito de cristal é unha realidade, tamén no ámbito universitario

Poucos actos deixan tan claro coma esta toma de posesión dos novos catedráticos e catedráticas que o teito de cristal é unha realidade, tamén no ámbito universitario. Das 24 persoas que hoxe tomaron posesión só catro son mulleres: Mª Soledad García Fontán, da Área de Química Inorgánica; Ana María Graña, de Química Física; Mª Teresa Pérez Iglesias, de Física Aplicada, e Inés Celia Iglesias Canle, de Dereito Procesual.

“Os obstáculos existen , a realidade é teimuda e a sociedade non nolo pon fácil”. Así de claro resume a situación Iglesias Canle, ao que engade que conciliar supón para as mulleres unha tarefa complexa, pero que é importante “seguir empurrando con ilusión e gañas porque a alternativa non é viable, non podemos dar un paso atrás”. Desde o seu punto de vista, a igualdade é un tema moi serio e por iso hai que “romper estereotipos, rachar coa imaxe de submisión, de dependencia. Somos iguais e libres e a liberdade lévache a facer sacrificios, non é doado, pero pódese conseguir”. Con moitos anos de traballo, sacrificio e tamén renuncias detrás, as novas catedráticas recoñecen que o día de hoxe “é unha alegría e un acto de xustiza”, apunta Iglesias Canle, quen quixo tamén lembrarse das mulleres que marcaron e marcan o seu camiño “as miñas avoas, que foron mestras, a miña nai e a miña filla, que como todas as mulleres seguen comezando un camiño día a dia cara á igualdade efectiva de todas nós”.

No caso de Mª Soledad García Fontán e Ana Mª Graña, ambas levaban xa preto de nove anos acreditadas a catedráticas. Levaron a espera con calma, “entendendo que as circunstancias non se daban e tratando de aproveitar o momento cando por fin se deron”, recoñece Graña. Ao respecto do baixo índice de mulleres que hoxe recolleron as súas acreditacións opinan que “os tempos pasan e as cousas non cambian. Sempre pensamos que estamos a punto e pasa o tempo e non estamos. As nosas nais pensaban que nós chegaríamos e nós pensamos que chegarán as nosas fillas, pero non sei se iso acontecerá”, admitiu Graña. Ambas consideran que, en certa maneira, as novas xeracións aínda o van ter máis difícil, pois cada vez o mundo é máis competitivo, aínda que deixan un lugar para esperanza, “pese a todas as dificultades quero pensar que pouco a pouco imos seguir avanzando”.

Teñen claro que tiveron máis trabas ca os seus compañeiros para avanzar na carreira académica, tanto no sentido persoal, como no profesional, algo que consideran non é necesariamente condicionado polas persoas que as rodean, senón por elas mesmas. “No meu caso, por exemplo, non tiven máis presión para atender ás miñas fillas que o seu pai, pero no fondo creo que o fixen, os condicionamentos sociais lévannos a facernos cargo da familia, aínda que ninguén nos presione somos nós mesmas quen o facemos”, explica Graña. Centrándose no ámbito profesional, Graña admite que demasiadas veces as mulleres non dan pasos cando os seus compañeiros homes os dan, renuncian por compañeirismo e por manter o bo ambiente e iso é algo que hai que cambiar.  “Son demasiadas as ocasións nas que renunciamos por manter o equilibrio e eles iso nunca o fan”, insiste García Fontán, quen á hora de aconsellar ás futuras profesionais, xa sexa da Química ou de calquera outro ámbito, teno claro “que pelexen e que non cedan”, ao que Graña engade que deben ser elas mesmas as que se sitúen nun plano de igualdade cos homes, “elas séntense capaces, porque o son, pero deben ter claro que non son as responsables de manter o bo ambiente e a tranquilidade, simplemente son tan responsables como calquera”.

Un estímulo e unha sensación agridoce 

Entre os novos catedráticos que hoxe asinaron a súa acreditación está o propio secretario xeral da Universidade de Vigo, Miguel Ángel Michinel, profesor da Área de Dereito Internacional Privado. Desde o seu punto de vista, “sempre é moi positivo que te recoñezan os anos de traballo desenvolvidos ata agora” e días como o de hoxe supoñen tamén “un estímulo para seguir con máis enerxía na investigacion e na docencia”. Admite que no seu caso sempre tivo claro que o seu perfil se axustaba máis ao mundo académico, aínda que é certo que o dereito ten moitas saídas. “Ata que chegas á universidade non sabes o que é o dereito. Estudas física, matemáticas ou historia desde neno, pero o dereito non o coñeces ata que chegas á propia Universidade”, recoñeceu Michinel. 

Pola súa banda, o xa catedrático do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Adolfo Cordero aseguraba ter hoxe unha sensación agridoce, “amarga pola lentitude, porque eu fun catedrático no 2003, así que xa pasaron 17 anos, polo que non é de recibo, por así dicilo, pero é o que hai. É unha desas cousas que quedaban pendentes e agora xa está solucionada”. Logo de acadar o nomeamento, Cordero sinala que enfrontará outras metas como tentar estabilizar un grupo pequeno e repartido entre os tres campus. “Iso é o que me gustaría, poder conseguir, non para min senón para outra xente, ese recambio. Ademais, moitas das persoas que están traballando son mulleres, que tiveron máis dificultades, con fillos e demais, así que iso será o que procurarei, o que queda por ver”, explica.