DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Porán en marcha proxectos de turismo e de aforro enerxético nas explotacións gandeiras e no propio c

A Universidade de Vigo testará en Lalín varios proxectos piloto

Estudarase a extrapolación das iniciativas a outros municipios tanto da comarca como do interior gal

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 31/01/2012

Unha aposta polo benestar das persoas, a mellora da calidade de vida e o desenvolvemento do territorio. Así se podería definir o convenio de colaboración que a Universidade de Vigo e o concello de Lalín veñen de asinar, un protocolo formal que garantirá o traballo conxunto durante polo menos catro anos para pór en marcha na localidade proxectos relacionados con campos como o turismo, as empresas ou o aforro enerxético. “Este convenio marco é o paraugas administrativo para asinar posteriores actuacións coas que Lalín será para a nosa universidade un campo de experimentación e probas”, sinalou o reitor, Salustiano Mato, que na sinatura estivo acompañado por boa parte do equipo de Goberno da institución viguesa e da corporación municipal de Lalín, co alcalde Xosé Crespo á cabeza.

Tres proxectos en marcha

Tras varios meses de estudo, un equipo de expertos da Universidade de Vigo detectou os puntos febles da economía lalinense a partir dos cales elaborar un plan de mellora que serva de revulsivo da zona. E o primeiro campo a atacar será a gandería, xa que Lalín caracterízase por ser o municipio galego co maior número de explotacións deste tipo e “polo seu volume de vacas”, como subliñou Crespo. Coa colaboración do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), concello e Universidade porán en marcha unha serie de medidas á carta que permita ás explotacións gandeiras reducir custes enerxéticos. Para iso, un grupo de enxeñeiros realizará un estudo a medida de cada unha das granxas para obter “unha receita personalizada adaptada as súas necesidades” coa que poder aforrar enerxía e saber a conveniencia ou non de realizar as inversións necesarias. “O mundo agrícola na Unión Europea ten moito futuro, so hai que aplicar os coñecementos tecnolóxicos”, salientou Mato.

O agro non é o único campo no que Lalín quere apertarse o cinto. Ao facerse o novo consistorio coidouse moito a estética, pero ”sen preocuparse nunca polo tema enerxético”. Por iso, Universidade e Concello traballarán man a man para rebaixar os 7000 euros mensuais de consumo de luz que custa o seu mantemento. Tras a proba piloto no municipio do Deza, os froitos desta colaboración multidisciplinar poderían extrapolarse a outros concellos da comarca ou do interior de Galicia a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

O último piar que tocará o convenio será o do turismo coa idea de explotar a importancia arqueolóxica da zona. Esta “terceira pata”, xa bastante avanzada, podería ver a luz nos vindeiros tres meses coa apertura dun Museo dos Castros que axude a visualizar o patrimonio castrexo do municipio. Esta colaboración, sen gasto algún para ningunha das partes, completaríase ademais coa celebración doutras iniciativas e actividades académicas, como cursos, simposios, seminarios ou conferencias.