DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na pescuda de novos socios internacionais para garantir a mobilidade estudantil con prestixiosas ins

A Universidade de Vigo volta a súa ollada cara o norte de Europa

Presentou a súa oferta académica en Tallin nun evento no que só participaron outras catro institució

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 22/02/2013

Configurar novas alianzas estratéxicas para garantir que o estudantado poida realizar períodos de mobilidade nas institucións máis prestixiosas cando remate o coñecido programa Erasmus no ano 2014. Ese é o obxectivo principal da participación da Universidade de Vigo nun evento organizado pola Universidade de Tallin (Estonia) onde, entre outras cousas, pretendeuse pechar novos acordos de mobilidade nunha área “onde a oferta para o noso alumnado ten aínda marxe para crecer en cantidade e calidade”, como sinalou Manuel Fernández Iglesias, vicerreitor de Relacións Internacionais e encargado de presentar a oferta académica da institución no país báltico a todo o alumnado do norte de Europa.

Dende o pasado luns ata hoxe venres 22, universidades de países como Finlandia, Austria, Hungría, Dinamarca, Polonia ou Suecia traballaron no intercambio de boas prácticas na internacionalización do ensino superior, na definición de proxectos conxuntos e no establecemento de contactos para o desenvolvemento de titulacións dobres e conxuntas. “Os países bálticos son un destino onde aínda temos unha marxe de crecemento importante. Ademais, a presenza do mar nesas sociedades e o noso papel como ponte con Latinoamérica fan que a Universidade de Vigo sexa un destino moi atractivo para estudantado e docentes do norte de Europa”, salientou o vicerreitor. Vigo participou neste evento xunto con outras catro institucións do Sistema Universitario español: a Universitat Rovira i Virgili de Tarragona; a Universitar Jaume I de Castellón; a Universidad de Murcia e a universidade barcelonesa de Vic.

Planificando o futuro

A importancia deste tipo de contactos entre institucións radica no remate do Lifelong Learning Programme da Unión Europea o vindeiro ano e na definición do novo programa de mobilidade educativa para o período 2014-2020, para o que as universidades europeas precisan configurar novas alianzas estratéxicas coas que garantir que o seu alumnado poida facer estancias de estudo no estranxeiro. Neste novo espazo de mobilidade primará a excelencia e o compromiso estratéxico coa internacionalización á hora de definir os novos consorcios de universidades. “A Universidade de Vigo está a facer un esforzo importante para posicionarse neste novo programa establecendo relación coas institucións máis prestixiosas do continente”, subliña Fernández Iglesias.