DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alcalde apuntou nunha reunión co reitor ao Casco Vello como o emprazamento máis propicio

A Universidade de Vigo volverá a dispor dunha sede institucional no centro da cidade

O Concello reiterou o seu apoio ao Campus do Mar e á Axencia Estatal de Radiocomunicacións

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 21/07/2010

A Universidade volverá contar cunha sede institucional no centro de Vigo tras cinco anos sen dispor dun espazo físico na cidade olívica. O alcalde, Abel Caballero e o reitor, Salustiano Mato, confirmaron a disposición de ambas institucións para acadar unha localización idónea que segundo avanzou Caballero, podería ser no Casco Vello. “O Casco Vello sería un magnífico lugar, aínda que hai outras posibilidades”, asegurou o alcalde que cualificou a idea “moi atractiva”. Pola súa banda o reitor, Salustiano Mato, explicou tralo primeiro encontro mantido co rexedor municipal que “non se trata de traer a Reitoría á cidade, senón ter unha presenza institucional”.
Ademais da localización dun espazo institucional para a institución académica, Caballero amosou a Mato o seu apoio ao Campus do Mar, así como á ubicación en Vigo da Axencia Estatal de Radiocomunicacións, ao tempo que manifestou a súa disposición a colaborar na mellora da sinalización e accesos ao campus de Lagoas Marcosende.

Nova sede institucional no centro de Vigo

Nun prazo dunha semana podería quedar definida a localización da nova sede institucional que a Universidade de Vigo ocupará no centro da cidade. Así o confirmou o alcalde, Abel Caballero, trala primeira reunión que mantivo co reitor, Salustiano Mato e na que Caballero amosou a súa disposición a atender a demanda formulada desde a Universidade. Tras aclarar que non se trata de “traer a Reitoría á cidade”, Mato, explicou que tras anos sen dispor dunha sede institucional no centro urbano, “queremos ter esa presenza institucional que permitirá non só que nós baixemos á cidade, senón que a cidadanía poda subir á Reitoría”.
Aínda que aclarou que hai outras localizacións posibles, o alcalde de Vigo apuntou ao Casco Vello como posible ubicación desa sede institucional da Universidade que considera Caballero “que é unha gran idea para reforzar a institución na cidade”. Sobre esta posible localización, Mato lembro que cando se produciu o trasladado da Reitoría da rúa Oporto ao campus de Lagoas Marcosende, o Casco Vello xa fora unha das ideas baralladas naquel momento para manter unha sede institucional. A celebración de reunións, así como de actos e comparecencias de prensa, serían os principais usos desta sede institucional no centro de Vigo.

Apoio do Concello aos proxectos estratéxicos da Universidade

No primeiro encontro que trala súa elección como reitor Salustiano Mato mantivo con Abel Caballero, o alcalde trasladoulle o seu apoio ao Campus do Mar e tamén a ubicación na cidade da Axencia Estatal de Radiocomunicacións. No caso dos dous proxectos, o alcalde expresou ao reitor a súa disposición a procurar o respaldo do Goberno de España, por tratarse no caso do Campus do Mar “dun proxecto excepcional para a Universidade e para a cidade” e no da Axencia por ser Vigo a mellor opción para a súa localización.
Pola súa banda o reitor manifestou o seu desexo de acadar ambas metas afirmando no caso da Axencia que “sería a guinda para que Vigo se confirme como un polo das tecnoloxías da información e comunicación que se completaría coa Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Gradiant e AtlanTIC”. En canto a Campus do Mar, Mato, manifestou a disposición da institución académica para acadar que o proxecto se confirme o 19 de outubro como Campus de Excelencia Internacional, “o que permitiría a Vigo ser un referente en docencia e investigación do mundo mariño en toda Europa”.
O alcalde e o reitor manifestaron a súa disposición a traballar xuntos noutras cuestións como a sinalización e os accesos ao campus. Mato ampliou esa colaboración a todos os temas necesarios “para que Vigo creza”, mentres que Caballero referiuse á Universidade como “unha institución central” e unha parte clave onde a cidade atopa a I+D+i “que é futuro”.